O Concello de Santiago presentou o seu primeiro Informe Anual da Cultura, un traballo pioneiro en España de recompilación de datos municipais en relación ao sector cultural dirixido por Marcos Lorenzo. O documento, que inclúe unha completa análise de estatísticas e tamén os resultados dunha enquisa a 300 axentes culturais da localidade, senta as bases para a xeración de información periódica sobre o sector cultural da capital de Galicia.
A cultura representa o 5,2% do PIB da cidade, fronte ao 3,1% de Pontevedra ou o 2,9% da Coruña
Compostela conta con 422 empresas do sector da cultura (a maior parte unipersoais ou cun máximo de dous traballadores) que conforman un peso do 5,2% no PIB da cidade, fronte ao 3,1% de Pontevedra ou o 2,9% da Coruña, por exemplo. Hai algo máis de 1.200 persoas afiliadas á Seguridade Social neste ámbito, que representan o 3’2% do total de empregos do municipio, e un 9,5% do total de afiliacións relacionadas coa cultura en Galicia. As 422 empresas culturais de Compostela representan o 11,7% das empresas culturais galegas, non lonxe do 13,9% que supoñen as de Vigo e o 15,3% das da Coruña.
Así mesmo, o informe salienta que o gasto municipal en cultura sobre o gasto liquidado total, que en Compostela foi do 9,5% no ano 2016, só é superado nas cidades galegas polo da Coruña (11,1%) e sitúase por riba do de Pontevedra (7,1%) e Ferrol (6,8%) e moi por riba do de Vigo (4,4%), Lugo (4,2%) e Ourense (3,8%). Así mesmo, o indicador compostelán e coruñes sitúase no mesmo nivel que cidades que no Estado español destacan pola súa actividade cultural, como Oviedo, Alcobendas ou Donosti.
O gasto municipal en cultura, que en Compostela foi do 9,5% no ano 2016, só é superado nas cidades galegas polo da Coruña (11,1%)
O apartado que recolle as valoracións efectuadas por un amplo grupo de axentes da cidade permite tirar interesantes conclusións sobre a visión que o tecido cultural compostelán ten sobre o sector e o papel que nel cumpren as administracións. Destacan, en primeiro lugar, a grande importancia que a cultura ten na vida da cidade e sobre todo na súa proxección exterior, tanto a nivel galego como a nivel internacional e no turismo (é dicir, en termos de imaxe ou marca), ademais de servir como reforzo da identidade local.
Os axentes destacan que se está a vivir un bo momento creativo na escena local, uns aceptables consumos, prácticas e hábitos culturais da poboación, pero na parte negativa sinalan as malas condicións laborais de artistas e creativos.
Destácase a grande importancia que a cultura ten na vida da cidade e sobre todo na súa proxección exterior
A programación cultural do Concello de Santiago é mellor valorada que as súas liñas de apoio aos axentes, que reciben as puntuacións máis baixas, sobre todo por parte dos axentes privadas e algo mellores por parte do tecido asociativo. En canto á programación cultural do Concello, destácase sobre todo o bo facer na incorporación de artistas e creadores locais e tamén da muller e, igualmente, celébrase o esforzo en descentralizala.
Sinalan tres debilidades: a escasa coordinación entre os axentes culturais, as deficiencias na comunicación da oferta e os impactos negativos derivados do turismo masivo
Ten unha puntuación algo máis baixa a coordinación e colaboración entre o Concello e outras institucións e entidades e neste senso destácanse tres principais debilidades da cultura en Santiago: a escasa coordinación entre os axentes culturais da cidade, as deficiencias na comunicación da oferta cultural e os impactos negativos derivados do turismo masivo.
Finalmente, para os axentes entrevistados os acontecementos culturais máis destacados do último ano foron: o festival Cineuropa, a programación das Festas do Apóstolo–O Apóstolo das Mulleres, o festival Son do Camiño, o remate da restauración e a abertura ao público do Pórtico da Gloria, o WOS Festival, a feira SELIC (Semana do Libro de Compostela), o festival Curtocircuíto, a Festa do Banquete de Conxo, o festival Feito a Man e as Festas da Ascensión.