O Parlamento rexistra os últimos movementos da lexislatura no inicio do que, con toda probabilidade, será o derradeiro período de sesións antes das eleccións galegas. O ata agora voceiro de Común da Esquerda, Manuel Lago, formalizou este luns a súa baixa como deputado da Cámara galega para incorporarse como asesor ao gabinete da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, con quen xa colaborara estreitamente como economista e membro das Comisións Obreiras.
A baixa de Lago propicia a entrada no lexislativo galego de quen fora número 8 da lista de En Marea pola Coruña en 2016, a pedagoga e profesora de Pedagoxía Social na Universidade da Coruña Mariló Candedo, quen tamén exerceu como decana da Facultade de Ciencias da Educación da UDC, entre outras responsabilidades na institución académica. En comparecencia conxunta co voceiro de En Marea, Luís Villares, Candedo ratificou este luns que secundará no Grupo Mixto os catro membros desta formación que xa forman parte del. Desbota, daquela, a súa incorporación ao Grupo Común da Esquerda, denominación que adoptou o que no inicio da lexislatura foi Grupo Parlamentario de En Marea tras a marcha, en xuño de 2019, de Villares e outros tres membros.
Villares: "Merecemos consideración de grupo parlamentario e así o solicitaremos"
Para Villares, o feito de que o Grupo Mixto pase agora a ter cinco membros, todos eles de En Marea, debera ser dabondo para poderen constituírense en grupo parlamentario de seu, xa que non son "deputados soltos". "Somos un grupo político co apoio dunha organización e merecemos esta consideración e así o solicitaremos" á Mesa da Cámara, confirma. Trátase, subliña, de poder recuperar prerrogativas como un maior cupo de iniciativas parlamentarias ou quenda de preguntas ao presidente da Xunta en cada pleno.
As regras de conformación de grupos só contemplan a creación dun novo durante a lexislatura se o "partido ou coalición pola que concorresen" un mínimo de cinco deputados "se extinguise"
Villares admite, non obstante, que o xeito en que o Regulamento do Parlamento concibe o Grupo Mixto e a conformación de grupos parlamentarios dificulta a súa petición. A norma fixa ese mínimo de cinco escanos, pero tamén indica no seu título terceiro que "non poden constituír grupo parlamentario separado" os membros da Cámara que concorresen xuntos ás eleccións. Establece unha única excepción, que "se extinguise ou rematase a actividade do partido ou coalición electoral pola que concorresen".
Neste caso, ese suposto non se produciu e, tecnicamente, o grupo orixinalmente denominado En Marea, que tiña 14 membros, é o que agora se denomina Común da Esquerda. Mentres, tanto Villares e os outros tres deputados -Davide Rodríguez, Paula Vázquez Verao e Pancho Casal- inclúense no suposto regulamentario de marcharen dun grupo constituído no inicio da lexislatura, o que "necesariamente" os encadra no Grupo Mixto, que coa incorporación de Candedo pasará a ter os devanditos cinco membros, mentres que Común da Esquerda fica con nove.
Prioridade na área educativa
A nova parlamentaria fixa a área educativa como prioridade do seu labor na Cámara galega
Alén das cuestións de procedemento, Candedo subliña a "honra inmensa" que supón chegar ao Parlamento, un labor que asume "con enorme responsabilidade, porque teño un gran respecto polo traballo institucional" e na que priorizará as iniciativas en materia educativa. Alén do seu traballo como docente, evoca, a defensa "do dereito á educación" véna exercendo tamén "dende os movementos sociais", caso de Nova Escola Galega, movemento de renovación pedagóxica do que tamén foi presidenta.
Candedo, unha das responsables do apartado educativo do programa de En Marea en 2016, sinala o financiamento universitario, a posible derrogación da LOMCE por parte do Goberno central e as súas repercusións en Galicia ou a oposición á apertura dunha nova universidade privada como algunhas das áreas que ocuparán o seu traballo parlamentario. Tamén, avanza, previsiblemente asumirá iniciativas en materia sociosanitaria durante o período da próxima baixa de maternidade de Paula Vázquez Verao.