Enfrontamento no grupo de En Marea e tensión soterrada no PP pola elección para o Senado

Luís Villares, intervindo no pleno do Parlamento ante outros membros do grupo de En Marea CC-BY-SA EM

Unha vez celebradas as eleccións xerais o Parlamento ten que elixir tres membros do Senado, como marca o Estatuto de Autonomía. O reparto proporcional destes postos dá como resultado que dous deles sexan para o PP, con maioría absoluta no lexislativo galego, e o terceiro para o segundo grupo da Cámara galega, na actualidade En Marea. Nos primeiros días de xuño os populares deron en adiar esta elección ata finais de mes. Con este atraso contribúen a prolongar o enfrontamento aberto no que esta elección derivou no seo do grupo de En Marea. Tamén a tentar reconducir as tensións soterradas nas propias filas populares, que o choque interno de En Marea está contribuíndo a relegar nun segundo plano político e mediático.

Coa sombra da ruptura de anteriores problemas internos e da ruptura do grupo como pano de fondo, a dirección de En Marea como partido puxo sobre a mesa un nome como posible senadora, o da profesora Mariló Candedo. A dirección que encabeza Luís Villares considerouna como a máis adecuada porque, nas primarias celebradas para configurar as candidaturas do 28A, fora a aspirante á Cámara Alta máis apoiada. Pero o sector crítico -membros de Podemos, EU e Anova-, maioritario no grupo parlamentario, rexeitou esta proposta.

Tras o rexeitamento da proposta de Candedo, Villares sinalou a posibilidade de que o escollido como opción de "consenso" fose o actual deputado Manuel Lago, que desbotou esta posibilidade

Tras este rexeitamento, esta semana Villares realizou unha segunda oferta "para desbloquear a situación xerada". O senador por designación autonómica que corresponde a En Marea podería ser Manuel Lago, actual deputado de En Marea e con ligazóns en Esquerda Unida e na contorna de Unidas Podemos. Esta, considerou Villares, sería unha boa opción "de consenso". Pero o propio Lago desbotou o nomeamento e, ao tempo, o sector crítico apostou por someter a votación a súa proposta, José Manuel Sande, quen este sábado deixará de ser concelleiro de Culturas da Coruña pola Marea Atlántica.

Villares e Lago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA EM

Esa votación celebrouse por vía "telemática" e nela participaron nove dos 10 membros do grupo parlamentario, con oito votos a prol de Sande, un para Candedo e unha abstención. Mentres, os integrantes do grupo afíns a Villares non participaron. A través dun comunicado a dirección de En Marea explicou que "non acepta a votación do grupo parlamentario" por considerala "unha imposición de Podemos" que "non garda nin as normas de En Marea nin é nome de consenso". "Catro dos deputados decidiron non participar na votación para expresar o seu desacordo cun procedemento que non consideran válido para a toma dunha decisión que corresponde ao ámbito político de En Marea", agregan.

O sector crítico sinalau a José Manuel Sande como elixido nunha votación que a dirección de En Marea "non acepta" por considerala "unha imposición de Podemos"

Nesta liña, dende a coordinadora de En Marea atribúen a Unidas Podemos unha vontade de "forzar a votación para impoñer a súa solución" sen ter en conta que o calendario "marcado" polo PP ampliou os prazos ata fin de mes ou mesmo ata o mes de xullo, abrindo marxe para "negociar un nome válido para todas as partes". Esta "deriva verticalista de Podemos de non escoitar a todas as partes que forman parte de En Marea só poden producir distanciamento", censuran, nun contexto no que medran as posibilidades de ruptura no grupo, que ten aínda pendente a anunciada "reflexión" sobre a portavocía

Unha eventual ruptura convertería a En Marea na terceira forza da Cámara e o seu posto no Senado pasaría a ser do PSdeG. O movemento final sobre a elección da representación no Senado corresponde, así e todo, ao propio Villares, toda vez que é ao voceiro a quen corresponde rexistrar o nome que propón o grupo.

De fondo, o PP

Tras a derrota nas  xerais agroman moitos nomes para cubrir os postos do PP, unhas complexas asignacións que fican nun segundo plano político e mediático por mor do conflito de En Marea

O propio PP admite ás claras que a situación interna de En Marea foi clave na súa decisión de atrasar a elección da representación galega no Senado. Se ben isto é certo, non o é menos que o enfrontamento pola banda esquerda permite aos de Feijóo contar cunha marxe extra de manobra para unhas designacións que, no seu caso, non están exentas de complexidade, pero que están a xerar un ruído exterior moito menor.

Ata agora os dous postos cos que contan os populares estaban ocupados por Juan Manuel Jiménez Morán, ex-alcalde de Verín, e por Fernando Carlos Rodríguez, que fora alcalde de Bóveda. No entanto, tras a derrota nas eleccións xerais do 28A comezaron a agromar moitos máis de dous nomes para cubrir estes postos. 

Rojo, Juncal e outros antigos senadores do PP galego, con Feijóo ante o busto de Fraga na Cámara Alta © PP

Alén do propio Jiménez Morán, que tras as últimas municipais volveu quedar sen opcións de volver á alcaldía de Verín, xorden outros de cargos que non lograron os postos aos que aspiraban nas xerais, como o da ex-presidenta do Parlamento Pilar Rojo ou o de Juan Juncal, antigo alcalde de Ferrol. A estas opcións pódense unir algunhas máis despois de que, nas constitucións das corporacións municipais deste sábado, destacados dirixentes do PPdeG vaian quedar sen poder. Entre as cábalas manexadas figuran múltiples nomes, como é o caso do ex-conselleiro e ata agora alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, entre outros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.