Os resultados electorais afondan na crise do grupo parlamentario de En Marea. Nove dos 14 deputados que a formación ten no Parlamento galego avalaron un comunicado no que se advirte da apertura dunha "reflexión colectiva para consensuar" un novo sistema de portavocías, seguramente rotatorias, na que se acabará por prescindir do seu portavoz actual, Luís Villares.
Son as consecuencias dun 28A no que a formación liderada por Villares, que se presentou en solitario, colleitou uns 18.000 votos e tan só sumou o 1% dos sufraxios, fronte a En Común-Unidas Podemos, con 236.000 e dous escanos. Foi inmediatamente despois dos comicios cando Podemos activou unha operación para desprazar ao actual voceiro que non era compartida por todas as correntes que conviven na confluencia.
Podemos activou xa a remuda de Villares pero aceptou adiala tras o rexeitamento de EU e Anova a facelo antes das eleccións municipais
A formación morada apostou por forzar xa a súa remuda e propoñer unha portavocía rotatoria. En Anova e EU, pola contra, non se compartían nin as formas nin o momento, a poucas semanas dunhas leccións municipais e cando os focos apuntan a unha crise de fondo no PP que, polo menos en Galicia, sería opacada outra vez por unha discrepancia no grupo de En Marea.
Tras a xuntanza do grupo, nun comunicado, En Marea aclarou que pasou de ser "un espazo común de confluencia" a "unha forza política con dinámicas propias", polo que no Parlamento xa non hai unha casa común, senón un colectivo con catro formacións diferentes que, segundo aclaran, non ten xeito que represente Villares. "Non ten ningún sentido que unha persoa que dirixe un dos catro partidos, moi minoritario, sexa a persoa que actúe como portavoz único do grupo", di un texto no que non participaron nin o propio Villares, nin os seus afíns (Pancho Casal, Paula Vázquez Verao, Davide Rodríguez) nin o voceiro de Anova, Antón Sánchez.
Villares, tras a xuntanza, cargou contra Podemos polo "intento das cúpulas dos partidos" para "intentar controlar" En Marea, pero sen saber o rumbo a onde dirixila. Asegurou que non era "aceptable" e que non aceptaría as ordes do grupo, senón da cúpula do seu partido. "Non era nin o momento nin a forma de facelo", dixo quen cualificou de "torpeza" este "movemento de Podemos".
Xa neste domingo, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, defendeu que "a maioría" do grupo parlamentario de En Marea decida sobre a portavocía. Antes, na súa conta de Twitter, o fundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, tamén fixo referencia á polémica: "Señoras e señores dirixentes de UP: a cobiza fura as faltriqueiras, e polo furado vaise, ademáis dos cartos, o valor da dignidade".