O PP adía a elección da representación galega no Senado apoiándose no conflito de En Marea

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, captado por unha cámara tras a Xunta de Portavoces do Parlamento o 4 de xuño de 2019 CC-BY-SA PPdeG

Cando, o pasado maio, a aposta do PSOE por situar a Miquel Iceta como novo presidente do Senado fracasou polo bloqueo ao seu nomeamento como senador no Parlament de Catalunya, o episodio fora lido en diversos foros como un feito político sen precedentes. En realidade, existía un precedente con certas semellanzas en Galicia con outros socialista como prexudicado, José Ramón Gómez Besteiro, cuxo nomeamento como senador fora adiado polo PP en 2015 nun movemento que resultou ser crucial para a fin da súa traxectoria como líder do PSdeG.

Catro anos despois, segundo o fixado no artigo 10 do Estatuto de Autonomía, o Parlamento de Galicia ten que designar tres postos no Senado. Tras un primeiro adiamento a finais de maio, estaba previsto que esta votación se celebrase no pleno que o lexislativo galego celebra os vindeiros 11 e 12 de xuño. Pero a dirección do PPdeG decidiu volver adiar unha elección que o propio PP activara, prolongando así durante cando menos un mes un proceso que está a xerar novas e fortes tensións no grupo parlamentario de En Marea, ao que lle correspondería un deses tres postos por ser, cando menos de momento, a segunda forza da Cámara. O Consello das Mareas propuxo como senadora á profesora Mariló Candedo, pero o sector crítico do grupo discrepa.

Catro anos despois de atrasar o frustrado nomeamento do socialista Besteiro como senador, o PPdeG repite a operación e prolonga o conflito de En Marea

O secretario xeral e vicevoceiro parlamentario do PPdeG, Miguel Tellado, xustifica este adiamento afirmando que o ven conveniente para que o Parlamento galego siga o mesmo "tempo" que a ducia de Cámaras autonómicas que aínda non designaron a súa representación no Senado. Realmente eses doce parlamentos son os que veñen de renovar a súa composición nas recentes eleccións e o caso non é equiparable ao do galego, que estatutariamente nomea senadores ao inicio de cada lexislatura estatal.

Así e todo, o propio Tellado admite tamén que outra causa pola que decidiron este atraso é o que "acontece" no grupo de En Marea, toda vez que ante unha eventual ruptura, deixaría de ser a segunda forza e este posto pasaría a corresponder ao PSdeG, que gañaría o dereito a un posto no Senado por designación do Parlamento galego.

Luís Villares, ante a prensa tras a Xunta de Portavoces do 4 de xuño de 2019 CC-BY-SA EM

Villares acusa a Podemos de tentar "destruír" o grupo

Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, este movemento do PP responde a un uso "espurio" das institucións debido, do seu punto de vista, a un intento de recolocar nalgúns destes postos no Senado a cargos do partido que non obtiveron os postos aos que optaron nas eleccións xerais ou nas recentes municipais. Así e todo, Villares admite a existencia dun "novo desencontro" ao fío da elección do posto no Senado, para quen ve acaída a Candedo por ser quen obtivo máis votos nas primarias para as candidaturas á Cámara Alta do 28A.

Luís Villares ve no movemento do PP un uso "espurio" do Parlamento, pero admite a existencia dun "novo desencontro" no grupo de En Marea "propiciado", ao seu xuízo, pola dirección de Podemos

Despois de que, nunha xuntanza de grupo celebrada o pasado luns, a maior parte do grupo -membros de Podemos, Anova e EU- discordasen da proposta impulsada dende a dirección de En Marea e reclamasen un nome "de consenso" elixido no propio grupo -propoñendo, asemade, varios nomes-, Villares lamenta estar ante unha nova liorta "propiciada", ao seu xuízo, pola "dirección de Podemos". O parlamentario ve á cúpula estatal da formación e nomeadamente a Pablo Iglesias "empeñada en destruír este grupo". Esa, cre, é a causa deste conflito.

"Mariló [Candedo] non é mellor nin peor candidata que ningunha outra, pero é unha opción que se axusta ás normas internas de En Marea", defende Villares, quen alude ás recentes críticas xurdidas no seo de Podemos tras os malos resultados polo 26M para afirmar que o que agora critican "Espinar, Kichi ou Teresa Rodríguez" é "o que levamos padecendo" en Galicia "durante demasiado tempo". "Se primase a mirada longa e non o tacticismo", cre Villares, seguiría habendo marxe para o acordo e a continuidade de En Marea como un grupo unido no Pazo do Hórreo. Pero "para seguir mantendo o espazo unido é necesario atender á diversidade", advirte.

Alén de En Marea o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considera que co adiamento o PP está a poñer o Parlamento e a representación galega no Senado "ao servizo dos intereses políticos do PP" mentres non se resolven os pactos postelectorais do 26M. No nome do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, considera este freo como "esperpéntico" e pregúntase se "responde a problemas entre Feijóo e os baltaristas para elixir os representantes do PP no Senado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.