A formación que lidera Luís Villares proporá como senadora por designación autonómica a Mariló Candedo
En Marea renovará “antes de agosto” a súa dirección tras os “decepcionantes” resultados electorais dos últimos comicios xerais, municipais e europeos, comicios estes últimos nos que obtivo só 15.000 votos, o 1%. O proceso iníciase só medio ano despois das eleccións internas que a formación celebrou o pasado decembro coa vitoria da candidatura encabezada por Luís Villares.
A dirección da formación, o Consello das Mareas, reunido este sábado sen convocatoria previa aos medios, emitiu un comunicado no que sinala que, “como se comprometera tras as eleccións xerais”, asumirá “as súas responsabilidades políticas” polos resultados electorais e abrirá “un proceso de reflexión colectiva a desenvolver por comarcas durante o mes de xuño, que culminará cun plenario no mes de xullo que defina a liña política e organizativa de En Marea”. “Finalmente, as persoas inscritas escollerán unha nova dirección, antes do mes de agosto, que desenvolva o novo rumbo da organización”, engade.
Á espera do que poida decidir o propio Villares sobre o seu futuro, e tras obter en decembro o 59% dos apoios fronte ao 41% dos críticos, o que derivou na ruptura de relacións con Podemos e Esquerda Unida, o Consello das Mareas celebrado este sábado tamén informou de que a súa proposta como senadora de designación autonómica é Mariló Candedo. Nas pasadas eleccións xerais Candedo, profesora de Pedagoxía na Universidade da Coruña, foi candidata por esa provincia pero quedou fora do Senado ao obter só 15.000 votos, o 2,3%, pero a formación defende a proposta “por ser a persoa que concorreu ás primarias de En Marea para as eleccións xerais que obtivo un maior respaldo das inscritas”.
Os senadores por designación autonómica, tres no caso de Galicia, deben ser nomeados polo Parlamento galego, no que o PP ten capacidade de elixir a dous. O terceiro correspondería á segunda formación da Cámara, actualmente En Marea, con máis votos malia estar empatada a escanos co PSdeG. Porén, os deputados de Podemos e Esquerda Unida veñen amosando discrepancias cos afíns a Villares, minoritarios, polo que está por ver que a proposta de Candedo como senadora realizada agora polo partido En Marea sexa asumida polo grupo parlamentario En Marea.