O Grupo Parlamentario de En Marea, denominación que en 2016 adoptou a representación obtida no Parlamento pola formación daquela liderada por Luís Villares, non é dende este martes a segunda forza do lexislativo galego, primeira da oposición. Esa condición xa corresponde a todos os efectos ao PSdeG despois de que a Mesa da Cámara e a Xunta de Portavoces completasen os trámites para crear o Grupo Mixto, ao que pasa o propio Villares xunto a Paula Vázquez Verao, Davide Rodríguez e Pancho Casal tras marcharen do grupo que, cando menos de momento, continúa denominándose En Marea.
Ás portas da incorporación ao Parlamento de Gonzalo Caballero, secretario xeral socialista, o voceiro do grupo do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, constataba a súa nova condición de segunda forza. "Evidencia que os socialistas galegos somos a cabeza da oposición a Feijóo en Galicia", afirmou pouco despois de que os órganos reitores do lexislativo aprobasen como organizar o feito que onde antes había un grupo de 14 membros, agora haxa un de 10 cos catro restantes escanos trasladados ao novo Grupo Mixto.
O PSdeG vese reafirmados como "cabeza da oposición a Feijóo en Galicia" e a terceira forza pasa a ser o grupo que oficialmente segue a denominarse En Marea, con dez membros e Manuel Lago como voceiro
Sobre o papel, o Grupo Parlamentario de En Marea -que mantén, cando menos polo momento, esta denominación- é agora a terceira forza da Cámara, ten dez membros e o seu voceiro é o deputado Manuel Lago, aínda que algúns dos seus membros apostaran por que este posto fose rotatorio cara aos vindeiros períodos des sesións. Lago, que xa será o encargado de formular a pregunta ao presidente da Xunta na derradeira sesión de control deste período, amósase "encantado" de asumir esta función porque, afirma, implica abordar "os problemas do país".
Lago subliña que os principais "custos de que tres deputados e unha deputada decidisen marchar ao Grupo Mixto asumímolos nós" no que atinxe á representación parlamentaria porque "rebaixamos de dous a un a nosa presenza nas comisións" e así "aforramos os sobrecustos desta decisión ao Parlamento". O parlamentario advirte tamén da necesidade de "deixar claro" que "a denominación oficial do noso grupo é Grupo Parlamentario En Marea", mentres que "Villares é o portavoz do Grupo Mixto" malia ser o voceiro orgánico de En Marea como partido.
As condicións do novo Grupo Mixto
Villares di aspirar a "reilusionar" o electorado co seu labor parlamentario dende o Grupo Mixto, ao que reivindica como "representación institucional de En Marea"
Villares, precisamente, afirmaba o pasado luns en rolda de prensa a súa intención de tentar "reilusionar" co seu labor parlamentario dende o Grupo Mixto, que malia esta denominación oficial reivindica como "representación institucional de En Marea", por seren os seus catro integrantes "representantes" de En Marea como organización. Alén do nome, Villares di ter a esperanza que, tras o verán, as "protagonistas" da súa proxección pública xunto a Verao, Casal e Rodríguez sexan as súas "iniciativas políticas" e non os problemas "internos" que, asegura, quedan "atrás" despois dunha ruptura que, reflexiona, debeu producirse antes.
A Xunta de Portavoces deu luz verde este martes á reorganización da Cámara pola creación do Grupo Mixto e ás súas asignacións económicas
No que atinxe á vertente organizativa da Cámara, a Xunta de Portavoces celebrada este martes aprobou por unanimidade o encaixe tanto económico como político do novo grupo, que sentará na parte traseira do hemiciclo durante os plenos, como xa sucedera co Grupo Mixto na pasada lexislatura. Segundo confirman fontes parlamentarias a Praza.gal, na parte económica o Grupo Mixto adquire o dereito a recibir unha subvención total de 240.531,84 euros anuais. Esta cantidade está composta por varios conceptos no que o principal é a coñecida como "subvención fixa", que nos grupos ordinarios é de 119.661,48 euros anuais e que no Mixto será neste caso de 95.729,18 euros, resultado de dividir entre cinco -número mínimo de escanos para formar grupo- o montante habitual e multiplicar o resultado por catro -número de escanos que ten o novo Grupo Mixto-.
No caso da subvención que os grupos reciben en función do número de membros -1.837,01 euros por escano ao mes- no Mixto ascenderá a 88.176,48 euros, mentres que no Grupo En Marea pasa de 308.617,68 a 220.441,20 euros por perderen catro membros. A antedita división entre cinco e multiplicación por catro aplícaa tamén o Parlamento para asignar ao Grupo Mixto a subvención para a contratación de persoal, que ascende a 56.626,18 euros fronte aos 70.782,72 dos grupos ordinarios. Unha vez realizados estes reaxustes as asignacións da Cámara para o funcionamento dos grupos quedan nun montante total de 2,6 millóns de euros anuais, isto é, 152.355,36 euros máis que ata agora, segundo confirman as mesmas fontes.