Tras os tres resultados electorais adversos nas eleccións xerais, europeas e municipais, nas que o PPdeG perdeu notables cotas de presenza institucional e perdeu a condición de forza máis votada en Galicia por primeira vez na súa historia, Alberto Núñez Feijóo clama pola "reacción" dos seus. Así o pediu abertamente nun acto de partido o pasado sábado e así o escenificara dous días antes xuntando na sede central da Xunta a todos os seus altos cargos para asistir a unha arenga con arrecendo preelectoral que substituíu a habitual reunión semanal do Consello do seu Goberno.
Ambos actos, pero moi especialmente o celebrado na sede gobernamental, foron interpretados nas filas de PSdeG e BNG como un primeiro aluvión de "propaganda" que deixa definitivamente lanzada a precampaña das eleccións galegas previstas para 2020, as mesmas que Feijóo ten a capacidade legal de poder convocar en calquera momento. Pero tamén como a "utilización da Xunta para un acto político do PP", en verbas de Gonzalo Caballero, secretario xeral socialista, quen censura que o líder conservador pretenda "vender" o "fume" dunha "década prodixiosa" ata 2030 tras a "década perdida" do seu goberno.
Socialistas e nacionalistas interpretan o movemento de Feijóo como un primeiro aluvión de "propaganda", pero tamén como a "utilización da Xunta para un acto político do PP"
Entre os ecos de ambos actos comezou este luns a semana no Parlamento, marcada tamén pola ruptura do grupo de En Marea que, como consecuencia, converte o Grupo Socialista en primeira forza da oposición. Mentres a creación do Grupo Mixto é tramitada -no pleno que comeza este martes formalmente aínda non existirá- no PSdeG saben xa que cando Gonzalo Caballero se incorpore ao Pazo do Hórreo, o que acontecerá nas vindeiras semanas, farao xa como líder da segunda forza da Cámara fronte a un PP ao que xa cabe ler "en clave puramente electoral", afirma o voceiro socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga.
Os discursos de Feijóo nos últimos días, cre Leiceaga, máis que promesas de futuro son a "síntese dos seus fracasos máis palmarios". Valla como exemplo, resalta, que "sinale as familias como un dos piares" dos seus plans mentres a crise demográfica que evidencian os datos de nacementos de 2018, os peores dende que hai datos, se presentan como "testemuña do seu fracaso" e das "brétemas" que ten o PP sobre o seu futuro electoral. Non en van, cre, se o actual presidente da Xunta "vise con claridade" a expectativa dun novo triunfo para revalidar o poder, "xa hoxe sería candidato, pero prefire adiar de novo a súa resposta".
Os actos cos que Feijóo procura recuperar a iniciativa actúan de pano de fondo da actividade no Parlamento, marcada pola elección de senadores e pola ruptura do grupo de En Marea, acelerada por esa elección
Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pon o foco no contraste entre a "publicidade e propaganda" despregadas por Feijóo no evento de San Caetano e os "datos que falan por si sós" da realidade do país. "Se Feijóo quere facer campaña electoral é cousa súa, pero que use a sede do PP e non a da Xunta, que é de todos os galegos e galegas e non unha prolongación do seu partido", reprocha a líder nacionalista, dende cuxo punto de vista Feijóo pensa que "con máis publicidade e propaganda" das habituais "pode reverter" o devalo electoral do PP. "Pero Galiza non precisa un gabinete preelectoral de Feijóo, senón un goberno que traballe", conclúe.
Con este pano de fondo retoma a actividade un Parlamento que este martes inicia pleno elixindo a representación galega no Senado. Como xa fora avanzado, as dúas eleccións do PP son os ex-conselleiros Jesús Vázquez e Elena Muñoz, candidatos do partido nas dúas últimas eleccións municipais en Ourense e Vigo. O terceiro nome sometido a votación será o de José Manuel Sande, proposto polo sector crítico do grupo de En Marea, cuxa elección precipitou a ruptura da ata agora segunda forza parlamentaria galega.