Dous días despois de lanzar a longa precampaña das eleccións galegas arengando aos altos cargos da Xunta, pide agora aos seus compañeiros ser “o punto de encontro” de quen non votou aos populares en xerais e europeas
Por se a arenga que lanzou o pasado xoves aos altos cargos do Goberno galego non o fixera, este sábado Feijóo quixo deixar claro, agora aos seus compañeiros de partido, que xa comezou a longa precampaña das eleccións autonómicas galegas, a celebrar cando el decida antes de setembro do próximo ano pero para as que aínda non desvelou se aspira a volver a presentarse por cuarta vez. Nunha reunión da xunta directiva do PP galego celebrada nun hotel de Santiago e aberta aos medios de comunicación, Feijóo reclamou aos seus, tras os malos resultados obtidos nas últimas convocatorias electorais, unha “reacción inmediata” para non ser só o partido “das xeracións maduras”.
“Vai haber unha reacción galega do PP”, dixo, que nin vai caer en “euforias inxustificadas” por ser Galicia onde mellores resultados electorais obteñen os populares, nin se vai “quedar quieto”. Por iso, defendeu unha “reacción inmediata” para que o PP galego siga sendo un “partido de maiorías” e “non soamente das xeracións maduras” senón que se abra tamén a “moitos mozos que necesitan dun partido de liberdade”. Para iso, pediu aos seus compañeiros “estar moito máis na rúa, que é onde está a xente” xa que “se non imos buscar á xente, a xente non virá a nós”.
Feijóo di que a vitoria que logrará o PP nas eleccións autonómicas, nas que non aclarou se el volverá ser ou non o candidato por cuarta vez, será "a vitoria dun pobo, non dunhas siglas ou dun partido"
O acto deste sábado en clave de partido tivo numerosas similitudes co de hai só dous días dirixido aos altos cargos da Xunta. Se a aqueles Feijóo fíxolles ver que teñen que traballar con máis coordinación entre departamentos, aos seus compañeiros de partido reclamoulles unidade e “pechar feridas porque o colectivo está por riba das persoas”. Nos dous casos, e ao tempo que pronunciaba discursos de claro contido electoral, Feijóo apelaba a traballar durante os “15 meses de goberno” que quedan, desbotando implicitamente un posible adianto electoral. “É case un terzo de lexislatura”, dixo, para engadir que “é máis tempo para gobernar do que leva gobernado Pedro Sánchez en España”.
Tras as dúas históricas derrotas electorais sufridas polo PP en Galicia nas xerais e as europeas e os malos resultados das municipais, Feijóo amosouse convencido de que os comicios autonómicos, nos que non aclarou se el volverá ser ou non o candidato por cuarta vez, permitirán aos populares revalidar o goberno da Xunta. “Somos o punto de encontro de moita xente que non nos vota nas europeas ou non nos vota nas xerais e que nos vota nas autonómicas”, dixo. El mesmo lembrou o fracaso electoral do PP nas municipais de 2015 seguido un ano despois pola súa propia terceira maioría absoluta para amosarse “convencido” de que os resultados populares das municipais do pasado 26M serán superados novamente nas autonómicas do próximo ano. Será, dixo “a vitoria dun pobo, non dunhas siglas ou dun partido”.