Os dous representantes do PP, Elena Muñoz e Jesús Vázquez, plantan a sesión que os designou e o de En Marea, José Manuel Sande, cuxa proposta por parte do sector crítico desa formación foi o desencadeante da ruptura definitiva do grupo a semana pasada, preséntase como a representación galega na Cámara Alta
O Estatuto de Autonomía establece no seu artigo 10 como unha das funcións do Parlamento de Galicia a de “designar para cada lexislatura das Cortes Xerais os Senadores representantes da Comunidade Autónoma galega”, tres ademais dos 16 que elixe a cidadanía de xeito directo nas urnas. Porén, a diferenza de ocasións anteriores en que o Parlamento realizou esa designación poucos días despois da celebración das xerais, mesmo sen agardar a que estivesen constituídas as Cortes, desta volta o PP, que controla a Cámara galega, decidiu aprazar esa designación ata este martes, dous meses máis tarde e unha vez coñecidos os resultados das eleccións municipais do 26 de maio.
A decisión de demorar o pleno de designación dos senadores autonómicos permitiu ao PP recolocar na Cámara Alta a dous dos seus candidatos fracasados neses comicios locais, Elena Muñoz en Vigo e Jesús Vázquez en Ourense, aos que se suma como terceiro elixido, o posto ao que ten dereito a oposición, o ex-concelleiro coruñés de Marea Atlántica José Manuel, que xa non se presentou ás municipais e cuxa proposta foi o desencadeante da ruptura definitiva de En Marea a semana pasada.
Tras as eleccións xerais do 20 de decembro de 2015, o Parlamento de Galicia designou os seus senadores só tres días despois, o 23 de decembro. Tras as seguintes xerais do 26 de xuño de 2016 esa designación produciuse dúas semanas e media máis tarde, o 12 de xullo. Porén, desta volta o PP deixou pasar dous meses, aproveitando agora para recolocar no Senado aos seus candidatos locais en Ourense e Vigo, que este martes, ao contrario do que sucedeu en anteriores plenos de designación, non acudiron como público ao pleno que os nomeou.
Si acudiu á tribuna da Cámara galega o terceiro senador, José Manuel Sande, cuxo conflitivo proceso de elección no seo de En Marea veu sendo empregado neste tempo polos populares para facer sangue entre a oposición. Sande foi proposto polos críticos con Luís Villares contra o seu criterio, o que fixo que o ata agora portavoz de En Marea dese por roto o grupo o pasado xoves e solicitase, xunto con outros tres deputados afíns, o paso ao Grupo Mixto.
O resultado da votación, en urna e secreta, foi o mesmo para os tres senadores designados: 62 votos a favor e 8 en branco, seis dos cales se atribuíu expresamente o BNG en protesta polo sistema de elección
A creación do Grupo Mixto e a consecuente perda por parte de En Marea da súa condición de principal grupo da oposición aínda non foi concretada oficialmente pola Mesa do Parlamento, controlada polo PP, o que permitiu que este martes se puidese votar a proposta de Sande formulada previamente. O resultado da votación, en urna e secreta, foi o mesmo para os tres senadores designados: 62 votos a favor e 8 en branco. O feito de ser unha votación secreta impide coñecer o voto de cada deputado, pero desde o BNG fíxose ver que 6 dos votos en branco eran seus en protesta polo sistema de elección. Dos outros dous votos en branco só se pode especular, xa que nos días previos o propio Villares asegurou que, malia estar en desacordo coa proposta dos seus críticos, non impediría a elección de Sande como senador.
Muñoz, Vázquez e Sande substitúen agora como senadores por designación autonómica aos populares Juan Manuel Jiménez Morán e Fernando Carlos Rodríguez, e ao socialista Modesto Pose
Tras confirmarse a designación dos tres senadores, Sande atendeu aos medios de comunicación, que lle preguntaron como se sente por ser a súa elección o desencadeante da ruptura de En Marea e se se sente representante desa formación malia ser proposto polos críticos. O novo senador salientou que a ruptura do grupo político produciuse tras a súa proposta “pero podía suceder doutra maneira”, facendo ver que a crise era moi anterior. Tamén dixo sentirse “orgulloso de representar a todas as forzas que están no grupo e o traballo feito estes anos”. Sande salientou que ante a “ausencia do BNG” do Senado e a actuación nese foro de PSdeG e PP el mesmo traballará para que a súa sea “a auténtica representación territorial galega” na Cámara de representación territorial do Estado.
Muñoz, Vázquez e Sande substitúen agora aos populares Juan Manuel Jiménez Morán e Fernando Carlos Rodríguez, e ao socialista Modesto Pose como os tres senadores por designación do Parlamento de Galicia.