Villares non participa na sesión de control á Xunta á espera de que se concrete o seu paso ao Grupo Mixto e Pontón e Leiceaga poñen o foco na propaganda do presidente, o socialista cun balance que soa a despedida da portavocía antes de pasarlla a Gonzalo Caballero
O Parlamento de Galicia volveu este mércores, na sesión de control ao Goberno galego, a 2009, cando durante a primeira presidencia de Feijóo este só recibía preguntas de PSdeG e BNG, os daquela dous únicos partidos da oposición antes da aparición de AGE en 2012 e En Marea en 2016. Á espera de que se concrete o paso ao Grupo Mixto do ata agora portavoz de En Marea, Luís Villares, e os seus deputados afíns, este non participou nunha sesión de control na que os voceiros de BNG e PSdeG puxeron o foco na propaganda do presidente, o socialista cun balance que soa a despedida da portavocía antes de pasarlla a Gonzalo Caballero no próximo pleno. A resposta de Feijóo aos dous foi a de incidir nesa volta a 2009 afeando a socialistas e nacionalistas que reediten nos concellos bipartitos similares ao que lle deixou a el unha suposta herdanza negativa que dez anos despois segue a axitar.
A decisión de Villares e os seus deputados afíns de deixar o grupo de En Marea e pasar ao Grupo Mixto produciuse o pasado xoves despois de que xa tivese rexistrada previamente unha pregunta ao presidente para o pleno deste mércores sobre precisamente o comportamento da economía galega desde 2009. A Mesa do Parlamento, controlada polo PP, aínda non concretou a creación do Grupo Mixto nin se estableceron aínda os novos repartos de tempos, polo que este mércores nin En Marea ten aínda un novo portavoz que poida formular as súas preguntas nin Villares, que xa solicitou a súa saída, podía realizar a que pedira nin como voceiro de En Marea nin como membro do Grupo Mixto.
Así que as dúas únicas preguntas a Feijóo da sesión de control deste mércores correron por conta dos portavoces de PSdeG e BNG. O primeiro, Xoaquín Fernández Leiceaga, inqueriu a Feijóo pola valoración xeral que fai dos seus dez anos á fronte da Xunta, unha intervención a xeito de balance da última década que o presidente atribuíu a que a deste mércores pode ser a última intervención do socialista como portavoz se no próximo Pleno da Cámara xa toma posesión do seu escano o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en substitución de Abel Losada, elixido concelleiro en Vigo o 26M.
Como nas súas campañas de 2012 e 2016, e a diferenza da agresividade de 2009, Feijóo presentouse como protector do país: “O que me importa a min Galicia non soamente o sei senón que o sinto todos os días”
Tanto Leiceaga como Pontón puxeron o foco en que, máis alá da propaganda do Goberno galego, a realidade política, económica e social de Galicia non é boa. A nacionalista afeoulle ao presidente a arenga que lanzou o pasado xoves na sede da Xunta aos altos cargos do seu Goberno en presencia dos medios de comunicación. Se o que Feijóo pretendía era relanzar a actividade da Xunta, dixo Pontón, “non suspendería o Consello de Goberno no que se poden tomar decisións para facer un mitin”. O socialista, pola súa banda, asegurou que a situación de Galicia en múltiples ámbitos é tan mala que Feijóo, ao que presentou como un rei espido. “Non vai poder taparse coas follas do DOG nos meses que lle quedan en San Caetano”, dixo Leiceaga.
Pontón tamén criticou a falta de palabra do presidente ao pactar o PP en Ourense con Democracia Ourensana tras asegurar o propio Feijóo hai uns meses nunha entrevista en La Región que o seu líder, Gonzalo Pérez Jácome, sería “letal” para a cidade. Feijóo respondeulle criticando na súa quenda de peche que o BNG é “tibio” co terrorismo ao pedir presunción de inocencia para os detidos recentemente pola súa relación con Resistencia Galega e ir en coalición con Bildu ás eleccións europeas -Pontón intentou replicar pero o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, non o permitiu e deu por rematado o debate-.
Previamente Feijóo, ante as críticas do BNG aos pactos do PP con Democracia Ourensana e Vox defendérase afeando os acordos de nacionalistas e socialistas, bipartitos que asimilou ao que gobernou a Xunta entre 2005 e 2009. A aquel Goberno volveu atribuír o actual presidente unha pesada herdanza que o segue a lastrar unha década despois.
Pero cando se lle botou en cara que non lle importa Galicia, a resposta de Feijóo foi non volver a 2009 senón ás campañas electorais de 2012 e 2016 nas que, a diferenza da agresividade que amosara na primeira, xa como aspirante á reelección se presentaba a si mesmo como protector do país. “O que me importa a min Galicia non soamente o sei senón que o sinto todos os días”, sentenciou este mércores.