Manuel Lago fai oficial a súa baixa como deputado de Común da Esquerda no Parlamento para incorporarse ao equipo da ministra de Traballo, Yolanda Díaz. A incorporación á Cámara corresponde a Mariló Candedo, número 8 de En Marea pola Coruña en 2016, que previsiblemente se sumará ao Grupo Mixto.
Fálase
A Xustiza constata que unha empresa de Huesca, Flumenali, copiou o deseño das caixas de ovos da galega Pazo de Vilane na súa marca Corral de Monegros e obrígaa a retiralo por competencia desleal. A compañía galega, con sede en Antas de Ulla, explícao nun comunicado. "Esta sentenza é un recoñecemento importantísimo ao noso esforzo", afirman.
Rivais de Celta e Deportivo foron primados en 2013 con 150.000 euros cada un polo Osasuna. O ex-xerente do club pamplonés, Ángel Vizcay, declara no xulgado que pagou ao Betis e o Valladolid para que gañasen aos equipos galegos porque “tanto Celta como Deportivo eran rivais clasificatorios próximos e primouse aos que xogaban contra eles”. Tanto Betis como Valladolid gañaron por 1-0 os últimos partidos da temporada 2012/13 que xogaron contra Celta e Deportivo respectivamente.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dá a luz no Clínico de Santiago. A filla da líder e candidata do Bloque chamarase Icía, segundo confirmou. "Naceu Icía e sinto que hai unha razón máis para soñar un futuro mellor. Tela á miña beira, tan pequena e con toda a vida por diante, dáme máis forza para converter en realidade os nosos desexos", sinalou Pontón a través das redes sociais, onde engade o seu agradecemento ao persoal do Sergas que a atendeu.
A XXI conferencia anual sobre Plácido Castro celébrase este venres en Nigrán baixo o título Rara avis: Plácido Castro e o liberalismo galeguista. Impartida polo profesor e investigador Xosé Luís Pastoriza Rozas, será ás 20.00 horas no auditorio municipal.
O Goberno central aproba a prevista suba salarial do 2% ao persoal público con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro. É o incremento pactado polo ex-ministro Montoro en 2018, antes da moción de censura, aínda que o pasado verán a Xunta o presentou como "novo aumento salarial".
A Xunta esqueceu promulgar a Lei de Orzamentos e outras dúas “en nome do rei” e publica este martes varias correccións de erros no Diario Oficial de Galicia. O Goberno galego engade agora aos textos legais publicados o pasado 27 de decembro esa esixencia contida no artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía que fora omitida nas versións previas.
A Xunta atopa irregularidades noutro espazo para a celebración de vodas e ordena demoler varias edificacións en Castro de Rei, no predio Lenda do Quercus. A Administración xa ordenou precintar varios pazos por organizar casamentos de maneira ilegal e investiga outros espazos logo de que o verán destapase numerosas ilegalidades.
Pedro Sánchez viaxará a Galicia para reunirse con Feijóo dentro da súa rolda de encontros coas presidencias das comunidades autónomas. Sánchez avanzou estes encontros nunha entrevista en TVE.
Os fogos do Apóstolo deixarán de ser lanzados na compostelá Praza do Obradoiro para evitar o deterioro da Catedral e do Pazo de Raxoi, onde se manterá o espectáculo de luz e son. É unha das medidas incluídas no paquete de "actuacións urxentes no entorno da Catedral e nas zonas anexas da cidade histórica" para 2021 que o goberno local de Santiago vén de achegar aos grupos da corporación municipal. Na imaxe, un intre dos fogos de 2019 (Concello de Santiago). Consulta aquí toda a información