A descuberta e denuncia de pazos e espazos singulares que realizan vodas sen licenza ou de maneira irregular en Galicia non para. O verán destapou moreas de casos e revelou unha problemática xa “habitual” e un “efecto chamada” que non se detén malia as sancións impostas por varios concellos, o precinto de varios inmobles e as denuncias de asociacións profesionais.
O Concello de Oza-Cesuras ordena o cesamento das actividades da Rectoral de Cines, conxunto BIC onde se realizaron obras para uso hostaleiro en solo rústico
A Xunta comezou hai xa semanas a abrir expedientes sancionadores a pazos que acollen vodas e banquetes sen o permiso correspondente. Empresas de cátering incumpren as prohibicións impostas e mesmo saltan os precintos colocados pola policía local para celebrar casamentos, saltando as prohibicións. As irregularidades afectan moitos concellos e un deles, o de Oza-Cesuras, vén de acordar o cesamento da actividade nas instalacións da Rectoral de Cines, un conxunto arquitectónico conformado por un antigo mosteiro e unha igrexa do século XII e declarado Ben de Interese Cultural en 1986.
A xunta de goberno local de Oza-Cesuras acordou por unanimidade o peche logo dunha investigación aberta pola Xunta a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) que certificou que no espazo, incluído no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, realizáronse obras vinculadas a uso hostaleiro en parcelas catalogados como solo rústico.
Así, a APLU, na documentación á que tivo acceso Praza.gal, constata que se construíu un pavillón "para uso recreativo" de máis de 230 metros cadrados, ademais dunha piscina soterrada, aseos auxiliares, un corredor cubertou ou unha carpa de recepción sen ter solicitado a necesaria licenza municipal.
A Dirección Xeral de Patrimonio alerta de que as obras levadas a cabo "produciron unhas afeccións moi negativas na contorna duns bens de gran valor patrimonial"
A investigación levada a cabo constata non só a situación de ilegalidade nas instalacións da Rectoral de Cines, que é semellante á que manteñen outros pazos ou espazos en toda Galicia, senón os danos ao patrimonio arqueolóxico das obras levadas a cabo, tal e como apuntou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ante o intento do negocio de legalizar as actuacións. Foron, "con certeza", di o informe, "totalmente inadecuadas" e "produciron unhas afeccións moi negativas na contorna duns bens de gran valor patrimonial".
Na Rectoral de Cines celebráronse durante anos vodas ou eventos a menos de 30 metros de distancia dun cemiterio catalogado como zona verde e ao carón da Igrexa de San Nicolás, protexida tamén patrimonialmente. Malia que o negocio tiña unha autorización como establecemento de turismo rural para 21 prazas e un restaurante para 35 persoas nun dos edificios, as celebracións acollían ata 200 persoas en carpas e estruturas anexas que carecían de permisos.
A decisión do Concello de Oza-Cesuras e a alerta que Patrimonio lanza sobre os danos a raíz das investigacións da Xunta abren a porta a máis sancións nas moreas de espazos, pazos e casas tradicionais que, segundo Ascega, acollen vodas e banquetes sen a licenza nin os permisos correspondentes en Galicia.
Segundo a asociación, practicamente a metade dos predios e pazos en Galicia carecen da licenza específica, a de vodas e banquetes, e operan con outra –de cátering, de hotel rural ou de instalación de carpa– que non é habilitante. Ao carecer do permiso específico, os seguros non dan cobertura no caso de calquera incidente e a responsabilidade pasa aos organizadores, habitualmente as parellas. Outras fontes do sector hostaleiro elevan as irregularidades ao 60% dos espazos e advirten do risco que corre quen contrate un evento que pode carecer de plans de evacuación ou de prevención de riscos laborais, por exemplo.
A decisión de Oza-Cesuras e a alerta que lanza Patrimonio sobre os danos en áreas protexidas abren a porta a novas sancións e peches de establecementos
Nos últimos meses, varios concellos actuaron xa: Bergondo prohibiu vodas en tres pazos; Cambre, Culleredo e Neda precintaron varios; e tres municipios lucenses foron advertidos de irregularidades noutros. A APLU leva tempo investigando varios establecementos e a Axencia de Turismo abriu expedientes sancionadores contra varios que terían cometido unha "infracción grave" ao incumprir as condicións necesarias para organizar os eventos que celebra.
Agora, e tras os contundentes informes de Patrimonio, o Concello de Oza-Cesuras ordenou o cesamento da actividade e abriu un camiño que pode pór en problemas numerosos negocios do mesmo tipo en Galicia.