Varios concellos constatan celebracións irregulares de vodas en pazos e comezan a tentar frealas

Voda no Pazo da Merced, en Neda © Pazo da Merced

A descuberta e denuncia de pazos e espazos singulares que realizan vodas sen licenza ou de maneira irregular en Galicia continúa. O verán destapou moreas de casos e revelou unha problemática xa “habitual” e un “efecto chamada” que non se detén malia as sancións impostas por varios concellos, o precinto de varios inmobles e as denuncias de asociacións profesionais. 

O verán destapou moreas de pazos que celebran vodas de maneira irregular e sen licenza en Galicia

Empresas de cátering incumpren as prohibicións impostas por concellos e mesmo saltan os precintos colocados pola policía local para celebrar casamentos, saltando as prohibicións. O último caso deuse na pasada fin de semana en Neda, tal e como denuncia Ascega (Asociación Profesional de Autónomos, Emprendedores e Empresarios de Galicia), que iniciou hai meses unha campaña contra este “incumprimento da legalidade” no sector por parte de quen carece da licenza específica necesaria. 

Desde o pasado 7 de agosto, sobre o Pazo da Merced, situado neste municipio de Ferrolterra, pesa unha suspensión. Tras as denuncias de Ascega, o Concello emitiu un informe –ao que tivo acceso Praza.gal– no que advirte de que o espazo destinado ás celebracións sitúase sobre solo rústico e carece de “título habilitantes de natureza urbanística”, polo que pon o asunto en coñecemento da Axencia de Protección de Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta e ordena que se suspenda a celebración de vodas e banquetes nese lugar. 

Empresas de cátering incumpren as ordes dos concellos, saltan precintos da policía local e manteñen as celebracións; o último caso tivo lugar en Neda

O Concello certifica que o Pazo da Merced ofrece banquetes en solo non cualificado para ese uso, aínda que Ascega demanda tamén que se aclare se conta co título habilitante para exercer esta actividade e advirte de que a situación do espazo, á beira da ría de Ferrol, podería mesmo supor unha afectación sobre a normativa de Costas. 

Malia todo, segundo denuncia Ascega achegando fotografías, o pasado 31 de agosto volveuse celebrar un banquete nestas instalacións, que tiña suspendidas as actividades, incumprindo mesmo o horario permitido. 

Celebración dunha voda no pazo de Brexo © Josmaga

Foron varios os concellos advertidos sobre as irregularidades nos últimos meses. O de Bergondo prohibiu a tres pazos celebrar vodas xa no pasado mes de xullo. Outro, o de Cambre, ordenou o pasado mes de abril á empresa de cátering Josmaga que deixase de realizar este tipo de eventos no pazo de Brexo, ao carecer de licenza para estas celebracións. Pero tras varias sancións, precintos policiais e advertencias, os casamentos seguiron celebrándose

Bergondo prohibiu vodas en tres pazos; Cambre, Culleredo e Neda precintaron varios; e tres concellos lucenses xa foron advertidos de irregularidades noutros

En Culleredo, a administración local ordenou precintar unha carpa do pazo de San Fernando tras certificar que tamén se incumpriu unha orde de suspensión de actividade. Agora, Ascega púxose en contacto con tres municipios lucenses (Lugo, Viveiro e Castro de Rei) para avisar das presuntas irregularidades cometidas noutros catro espazos habituais nestas celebracións. "Hai moitos máis", din fontes do sector. 

Segundo Ascega, practicamente a metade dos predios e pazos carecen da licenza específica, a de vodas e banquetes, e operan con outra –de cátering ou de instalación de carpa– que non é habilitante. Ao carecer do permiso específico, os seguros non dan cobertura no caso de calquera incidente e a responsabilidade pasa aos organizadores, habitualmente as parellas. As mesmas fontes elevan as irregularidades ao 60% dos espazos e advirten do risco que corre quen contrate un evento que pode carecer de plans de evacuación ou de prevención de riscos laborais, por exemplo. 

Aforro de 600.000 euros

“E se hai un incendio porque a carpa non garda a distancia necesaria cun monte? E se non hai un dispositivo contra o lume axeitado? E se non hai saídas de emerxencias?”, pregúntase o dono dun pazo que si conta con todos os permisos e licenzas necesarios, obtidos tras a adecuación do espazo. Nela inclúense o cumprimento da accesibilidade, inspeccións de Patrimonio, instalacións eléctricas axeitadas, mantemento da cadea de frío… 

O gasto para a adecuación pode chegar aos 600.000 euros, cartos que aforran moitos pazos ou casas singulares en Galicia. “É unha actividade que non é clandestina; son ilegais, pero publicítanse como legais”, explica unha fonte afectada do sector, que advirte de que as denuncias están a centrarse “nos casos máis flagrantes e evidentes", pero que "hai moitos máis”. “O máis grave non é a competencia desleal, senón o risco que corren as parellas e, moitas veces, sen saber ao que se expoñen”, insiste. Desde que se coñeceran todas estas denuncias, as consultas sobre posibles irregularidades de espazos contratados van en aumento.

A lei de espectáculos públicos determina que se o dono do local se declara insolvente, son os noivos os que deben responder ao 100% e enfrontarse a multas de até 600.000 euros de haber denuncia e non ter a licenza axeitada ou de ata 30.000 só por incumprir o aforo ou o horario, algo moi habitual. 

 “O máis grave non é a competencia desleal, senón o risco que corren as parellas e, moitas veces, sen saber ao que se expoñen”

Hai xa meses, Ascega tamén se puxo en contacto coa Xunta, advertíndolle de máis dunha ducia de casos de pazos que celebraban estes eventos irregularmente. Preguntada por este diario, a Consellería de Cultura e Turismo di estar recompilando datos sobre as denuncias e casos coñecidos que poderían supoñer irregularidades.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) puxo tamén hai tempo en marcha unha investigación sobre cinco establecementos na provincia da Coruña. A falta dunha listaxe oficial, os datos de portais especializados nestes eventos indican que en Galicia hai uns 140 espazos á marxe de salóns de vodas, restaurantes e hoteis, que celebran casamentos e os conseguintes banquetes. A maioría deles son pazos e predios, pero tamén algún castelo, adega ou espazo singular. Tendo en conta, polo baixo, os cálculos de Ascega, máis de 70 deles carecerían dos permisos requiridos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.