O verán destapa moreas de pazos que celebran vodas de maneira irregular e sen licenza en Galicia

Celebración dunha voda no pazo de Brexo © Josmaga

O problema, denuncian fontes do sector, é xa “común e habitual” en Galicia e non só vai a peor senón que pode ter graves consecuencias, tanto no económico como, sobre todo, nas responsabilidades que terán que asumir os seus organizadores en caso de calquera problema. Ducias de predios e pazos están sendo empregados para a celebración de vodas e banquetes, especialmente no verán, sen ter licenza para facelo ou facéndoo de maneira irregular

A denuncia xurdiu hai tempo de Ascega (Asociación Profesional de Autónomos, Emprendedores e Empresarios de Galicia), que intensifica as súas demandas de solución ante o proliferar de casos e as queixas de hostaleiros e responsables de pazos e casas rurais que si cumpren cos requirimentos. Segundo os seus cálculos, “máis do 50%” do sector incumpre a legalidade, cando menos na provincia da Coruña, aínda que o cálculo elévase aínda máis noutros territorios. “Os espazos que celebran vodas sen licenza supera o 60%”, engade outra fonte experta.

Máis do 50% e até o 60% das vodas celébranse en pazos sen licenza específica, segundo Ascega e fontes do sector 

A falta dunha listaxe oficial, os datos de portais especializados nestes eventos indican que en Galicia hai uns 140 espazos á marxe de salóns de vodas, restaurantes e hoteis que celebran casamentos e os conseguintes banquetes. A maioría deles son pazos e predios, pero tamén algún castelo, adega ou espazo singular. Tendo en conta, polo baixo, os cálculos de Ascega, máis de 70 deles carecerían dos permisos requiridos

Ascega advertiu xa a varios concellos sobre as irregularidades e “moitos deles están actuando, aínda que outros seguen se contestar tan sequera”. Desde o de Bergondo prohibiuse a tres pazos celebrar vodas xa no pasado mes de xullo. Outro, o de Cambre, ordenou xa o pasado mes de abril á empresa de cátering Josmaga que deixase de realizar este tipo de eventos no pazo de Brexo, ao carecer de licenza para estas celebracións. Pero os casamentos seguiron celebrándose alí, tamén en xuño, tal e como comprobou a policía local. Cortóuselle a electricidade ao inmoble e impúxoselle unha multa de 1.000 euros á compañía. Non funcionou.

Instalacións do Pazo das Margaridas, en Bergondo © Pazo As Margaridas

Continuaron as festas e a administración local advertiu de que poría en coñecemento da Fiscalía os reiterados incumprimentos. Aínda así, as celebracións seguiron nos meses de xuño e xullo, polo que o Concello emite unha resolución na que ordena o precinto das instalacións o pasado 1 de agosto. Ao día seguinte, a policía local coloca o precinto no lugar e levanta acta, pero o día 3 o pazo acolle outra voda. O Concello rexistra o incumprimento e ameaza con 10.000 euros de multa pero a seguinte fin de semana, no día 10, tivo lugar outro casamento con banquete incluído. “E houbo luz e auga”, advirte Ascega. A sanción foi confirmada e a administración local avisou de que a seguinte sería de 30.000. "Compénsalles", advirten fontes de servizos de cátering. 

Un pazo en Cambre foi multado e advertido varias veces polo Concello para que non celebrase vodas ao carecer de licenza, pero o precinto foi cortado para seguir organizando casamentos

“Se isto non se detén, vai continuar o efecto chamada”, explica Alfonso Salazar, presidente de Ascega, que advirte de que “o problema téñeno os que organizan o evento, que son os noivos”. “É unha irresponsabilidade”, engade, tras alertar de que a maioría das parellas “non saben do problema no que se meten”. En boa parte, quéixase, porque as administracións non están a informar o necesario de que “moi boa parte deste sector actúa de forma ilegal”. 

Hai xa meses, Ascega tamén se puxo en contacto coa Xunta, advertíndolle de máis dunha ducia de casos de pazos que celebraban estes eventos irregularmente. Preguntada por este diario, a Consellería de Cultura e Turismo di estar recompilando datos sobre as denuncias e casos coñecidos que poderían supoñer irregularidades. 

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) puxo hai tempo en marcha unha investigación sobre cinco establecementos na provincia da Coruña tras as denuncias de Ascega, que asegura que, de ampliarse as pescudas a outras provincias, a situación de moitos pazos e casas singulares deitará luz sobre a cantidade de irregularidades. 

Na maioría dos casos, denuncian a asociación e fontes so sector, as parellas que organizan os eventos son informados da licenza de casa de turismo rural ou de restaurante do espazo contratado. No entanto, a necesaria é a específica de vodas e banquetes e que, segundo as denuncias, máis da metade das empresas non teñen. “No momento no que ocorre algo, os seguros non se fan responsables porque se carece dos permisos axeitados”, lembran. 

Fontes do sector advirten da ausencia de saída de emerxencias, cadea de frío ou dispositivos contra o lume como principais irregularidades dos pazos que carecen da licenza para organizar vodas

Xa houbo casos, fóra e dentro de Galicia, onde os noivos tiveron que asumir as consecuencias económicas como responsables de intoxicacións alimentarias ou accidentes. “E se hai un incendio porque a carpa non garda a distancia necesaria cun monte? E se non hai un dispositivo contra o lume axeitado? E se non hai saídas de emerxencias?”, pregúntase o dono dun pazo que si conta con todos os permisos e licenzas necesarios, obtidos tras a adecuación do espazo. Nela inclúense o cumprimento da accesibilidade, inspeccións de Patrimonio, instalacións eléctricas axeitadas, mantemento da cadea de frío... No caso de Cambre, o Concello tivo que ordenar o derrubamento dunha construción irregular anexa a un pazo que funcionaba como cociña. 

“O investimento nunha adecuación total pode superar os 600.000 euros, os mesmos que se aforra quen non a fai e que, ademais, non está sometido a ningún tipo de control nin inspección. O máis grave non é a competencia desleal, senón o risco que corren as parellas e, moitas veces, sen saber dos riscos nin ao que se expoñen”, explica outra fonte do sector. 

“Non son clandestinos, son ilegais pero publicítanse como legais”

“Non son clandestinos, son ilegais pero publicítanse como legais”, insisten as mesmas fontes advertindo das publicacións en redes sociais ou da propaganda de lugares que continúan celebrando eventos sen permiso para facelo. “É como cando tes seguro no coche pero non tes pasada a ITV; se non pasas a inspección, é como se non tiveses seguro”, explica. 

“Non son clandestinos, son ilegais pero publicítanse como legais”

“Hai un permiso específico que esixe unha serie de equipamentos ás empresas. Se non hai permiso, non hai seguro. Nesa situación, calquera problema sería responsabilidade dos organizadores, que son quen contratan o evento”, engade Ascega, que lembra que a lei de espectáculos públicos determina que se o dono do local se declara insolvente, son os noivos os que deben responder ao 100$ e enfrontarse a multas de até 600.000 euros de haber denuncia e non ter a licenza axeitada ou de ata 30.000 só por incumprir o aforo ou o horario. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.