A descuberta e denuncia de pazos e espazos singulares que realizan vodas sen licenza ou de maneira irregular en Galicia non para. O verán destapou moreas de casos e revelou unha problemática xa “habitual” e un “efecto chamada” que non se detén malia as sancións impostas por varios concellos, o precinto de varios inmobles e as denuncias de asociacións profesionais.
Tras as actuacións de varios concellos contra pazos sen licenza para vodas, a Axencia de Turismo abre agora expediente sancionador a catro establecementos
Agora, é a Xunta quen abre expedientes sancionadores a pazos que acollen vodas e banquetes sen o permiso correspondente. Empresas de cátering incumpren as prohibicións impostas por concellos e mesmo saltan os precintos colocados pola policía local para celebrar casamentos, saltando as prohibicións. Hai moreas de casos denunciados por Ascega (Asociación Profesional de Autónomos, Emprendedores e Empresarios de Galicia), que iniciou unha campaña contra este “incumprimento da legalidade” no sector por parte de quen carece da licenza específica necesaria.
Nos últimos meses, varios concellos actuaron: Bergondo prohibiu vodas en tres pazos; Cambre, Culleredo e Neda precintaron varios; e tres municipios lucenses foron advertidos de irregularidades noutros. A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) tamén puxo hai tempo en marcha unha investigación sobre cinco establecementos na provincia da Coruña. Agora, é a Axencia de Turismo quen abriu expedientes sancionadores --aos que tivo acceso Praza.gal-- contra catro establecementos que terían cometido unha "infracción grave" ao incumprir as condicións necesarias para organizar os eventos que celebra.
Tres deles, o Pazo do Río e o Pazo de Xaz, en Oleiros, e a Reitoral de Cines, en Oza-Cesuras, terían realizado modificacións importantes na actividade para a que solicitaron permiso, que se cinguía a ofrecer un servizo como restaurantes. O Pazo das Cadeas, en Carral, carecería de calquera autorización para a súa explotación, nin tan sequera a turística.
Ademais, o Pazo do Río e a Reitoral de Cines son dous dos espazos que investiga tamén a APLU. Ao último deles, o Concello de Oza-Cesuras xa advertiu de que realizaba a actividade sobre solo rústico non destinado a ese uso.
Tres dos pazos expedientados terían realizado actividades para as que non tiñan permiso e outro carecería de calquera autorización para a explotación
Son múltiples os pazos cuxa situación está a ser investigada por concellos ou diferentes entidades da Administración autonómica. Ademais, as denuncias afectan a ducias deles e a uns vinte municipios, malia que a campaña céntrase sobre todo nas provincias da Coruña e, ultimamente, na de Lugo.
"A situación de ilegalidade supón un risco para usuarios e, sobre todo, para contratantes destes servizos, que terían que facer fronte ás consecuencias de calquera eventualidade", di Ascega, que denuncia "a proliferación do intrusismo e a competencia desleal". Ademais, advirte do prexuízo para quen "se preocupa en investir para cumprir coa legalidade" e a diferenza "entre a actividade de salóns de banquetes e a de restauración".
Segundo Ascega, practicamente a metade dos predios e pazos carecen da licenza específica, a de vodas e banquetes, e operan con outra –de cátering ou de instalación de carpa– que non é habilitante. Ao carecer do permiso específico, os seguros non dan cobertura no caso de calquera incidente e a responsabilidade pasa aos organizadores, habitualmente as parellas. As mesmas fontes elevan as irregularidades ao 60% dos espazos e advirten do risco que corre quen contrate un evento que pode carecer de plans de evacuación ou de prevención de riscos laborais, por exemplo.
Aforro de 600.000 euros
“E se hai un incendio porque a carpa non garda a distancia necesaria cun monte? E se non hai un dispositivo contra o lume axeitado? E se non hai saídas de emerxencias?”, pregúntase o dono dun pazo que si conta con todos os permisos e licenzas necesarios, obtidos tras a adecuación do espazo. Nela inclúense o cumprimento da accesibilidade, inspeccións de Patrimonio, instalacións eléctricas axeitadas, mantemento da cadea de frío…
O gasto para a adecuación pode chegar aos 600.000 euros, cartos que aforran moitos pazos ou casas singulares en Galicia. “É unha actividade que non é clandestina; son ilegais, pero publicítanse como legais”, explica unha fonte afectada do sector, que advirte de que as denuncias están a centrarse “nos casos máis flagrantes e evidentes", pero que "hai moitos máis”. “O máis grave non é a competencia desleal, senón o risco que corren as parellas e, moitas veces, sen saber ao que se expoñen”, insiste. Desde que se coñeceran todas estas denuncias, as consultas sobre posibles irregularidades de espazos contratados van en aumento.