Adeus á pólvora e ao lume na Praza do Obradoiro case cinco séculos despois para protexer o patrimonio

Fogos do Apóstolo de 2015, lanzados dende Raxoi e xa con limitacións na Catedral por mor das obras de restauración © Concello de Santiago

Hai anos que era máis ca unha hipótese de traballo e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, xa a verbalizara durante as obras de restauración da fachada do Obradoiro: a pirotecnia dos fogos do Apóstolo non ía regresar "nunca máis" ao emblemático emprazamento. Tal espectáculo virou en tradición co paso dos anos e mesmo dos séculos, pero tamén é unha agresión ao patrimonio con aínda menos sentido, se cabe, tras uns millonarios traballos de restauración concibidos para protexer aínda máis o templo.

O plan do Concello de Santiago para a cidade histórica concreta o que xa advertira a Catedral: os fogos non volverán á fachada do templo e tampouco ao Pazo de Raxoi tras causaren danos en ambos edificios históricos

Con este pano de fondo, o Concello de Santiago vén de presentar o seu plan de Actuacións urxentes na contorna da Catedral e zonas anexas da Cidade Histórica, un proxecto que ten como horizonte o Xacobeo 2021 que abrangue actuacións quen van dende a accesibilidade á situación de paradas de autobuses. Pero que tamén inclúe unha decisión aínda máis inmediata: os fogos do Apóstolo saen definitivamente do Obradoiro. Non van regresar á Catedral tras a fin das obras, onde a tradición dos fogos se remonta case cinco séculos. Pero tampouco se van repetir no Pazo de Raxoi, dende onde foron lanzados nos últimos anos.

Na noite do 24 de xullo seguirá a haber espectáculos audiovisuais no Obradoiro, pero sen pirotecnia. A razón resúmea o devandito plan: o lanzamento dos fogos "ocupando parte da fachada occidental da Catedral e as cubertas do Pazo de Raxoi provocou danos na fábrica da pedra da Catedral e tamén nos canalóns e revestimentos de tella das cubertas" do edificio que acolle a casa consistorial e dependencias da Presidencia da Xunta. Segundo o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, só os fogos de 2019 provocaron danos en Raxoi por importe duns 700.000 euros.

Fogos do Apóstolo en 2008, cando aínda incluían a queima da fachada gótica deseñada a finais do século XIX © Concello de Santiago

"A efectos de garantir a protección do patrimonio (...) resulta imprescindible eliminar a celebración dos fogos (...) na fachada da Catedral e nas cubertas do Pazo de Raxoi"

"A efectos de garantir a protección do patrimonio cultural resulta imprescindible eliminar a celebración de fogos artificiais na fachada da Catedral e nas cubertas do Pazo de Raxoi, trasladándoa de lugar", conclúe o plan. O propio documento contempla "propoñer outra localización" máis "acaida e respectuosa co patrimonio". Entre as opcións contempladas están o parque de Belvís e as Brañas do Sar "por tratarse de zonas verdes ou espazos públicos situados na contorna da cidade histórica e con boa visibilidade".

Case cinco séculos de 'fogos'

As pescudas históricas sobre a orixe dos fogos do Apóstolo remontan a tradición a hai uns 475 anos. Unha investigación presentada polo Consorcio de Santiago en 2009, obra do profesor de Historia da Arte da USC Miguel Taín, sitúa en 1545 a primeira "noticia do alumeado da praza" do Obradoiro "con candeas" na noite do 24 de xullo. "Tales luminarias son o precedente máis antigo dos hoxe coñecidos como fogos do Apóstolo", explicaba, o que acredita que tal celebración é mesmo anterior á ofrenda ao Apóstolo, que a Casa Real española comezou no século XVII.

Unha investigación do historiador da arte Miguel Taín sitúa o "precedente máis antigo" dos fogos do Apóstolo nunha celebración de 1545; o espectáculo pirotécnico no Obradoiro "consolidouse" durante os séculos XVII e XVIII

Foi, non obstante, nos séculos XVII e XVIII cando se "consolidou" esta celebración, que en ocasións estaba precedida dunha tourada no propio Obradoiro, explica Taín no seu traballo. Ese "espectáculo de luces e fogos artificiais" pasou a ser coñecido como "a queima do castelo" mediante a instalación dunha fachada alusiva a momentos históricos vinculados ao Apóstolo, que era queimada mentres se disparaban fogos artificiais. Dende o século XIX o responsable do espectáculo deixou de ser o Cabido da Catedral e pasou a ser o Concello, que incorporou novos deseños e medios. Así por exemplo, documenta o historiador, en 1852 no espectáculo xa houbo un foco de luz eléctrica.

Fachadas deseñadas para os fogos do Apóstolo en 1869, 1880 e 1897 © Imaxes tiradas da investigación de Miguel Taín para o Consorcio de Santiago

A tradicional queima das fachadas instaladas para a ocasión e o lanzamento dos fogos artificiais na noite do 24 de xullo causaban un impacto evidente na Catedral. A pirotecnia trasladarase agora a outro emprazamento

Dende finais do século XIX e ata o Xacobeo 1999 o que se queimou foi "a famosa fachada neomudéxar" e do 2000 en diante recuperouse o deseño de fachada gótica que deseñara para o Ano Santo de 1897 Daniel García Vaamonde, arquitecto municipal do consistorio. Con independencia dos deseños, todos os espectáculos implicaron a abondosa presenza de pirotecnia que, concordan todas as partes, resulta especialmente agresiva para o histórico complexo, que nos últimos anos xa se vén librando da pólvora grazas ás obras de restauración.

O anuncio da decisión causou diversas reaccións na capital galega, se ben entre no eido institucional non xurdiron discrepancias, dadas as múltiples advertencias que, dende hai anos e mesmo décadas, existen a respecto do impacto da celebración na Catedral e en Raxoi. Nesas reaccións houbo tamén lugar para a retranca da man do ex-alcalde e voceiro de Compostela Aberta, Martiño Noriega. "Non quero nin pensar a de tinta que aforraron" algúns medios ao non producirse a decisión durante o seu mandato, ironizou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.