O Apóstolo: 13 días de festas en Santiago con pregón de Luís Zahera

Festas do Apóstolo © Concello de Santiago

Xoel López, Budiño, La Casa Azul, Milladoiro ou Chico César son algúns dos concertos que acollerá a praza da Quintana

O Concello de Santiago presentou este venres o programa das Festas do Apóstolo, que este ano se celebrarán do 19 ao 31 de xullo. O actor compostelán Luís Zahera será o encargado de pronunciar o pregón co que darán comezo trece días de actuacións, todas elas de balde. 

O novo concelleiro de Festas, o socialista Gonzalo Muíños, salientou que salvo cuestións puntuais, o programa das festas “estaba practicamente configurado polo anterior equipo de goberno" de Compostela Aberta, e considerou que contén “propostas diversas en canto a estilos e públicos, cos grandes concertos centrados na praza da Quintana, complementados con outras propostas cada día noutros espazos da cidade".

Luis Zahera recollendo o Goya © AACC

Muíños salientou que o pregoeiro, Zahera, chega “cun Goya debaixo do brazo, que obtivo como mellor actor de reparto polo filme El Reino". De seguro, dixo, "nos preparará un pregón cheo de humor e de compostelanismo e nos animará a vivir con intensidade as festas”. Será o venres 19, e irá seguido, na mesma praza do Obradoiro, da actuación de Zalon Thompson, artista británico coñecido no seu día por ser a voz principal da banda da desaparecida Amy Winehouse e que agora presenta o seu primeiro disco.

O resto de grandes concertos serán na praza da Quintana:

  • Venres 19: Budiño
  • Sábado 20: Beat e música electrónica
  • Domingo 21: Xoel López
  • Luns 22: The Main Squeeze
  • Martes 23: La Casa Azul
  • Mércores 24: La M.O.D.A
  • Xoves 25: Leilía e Milladoiro
  • Venres 26: Festival folk
  • Sábado 27: Xornadas de Folclore
  • Domingo 28: Chico César
  • Luns 29: Banda Municipal e Gallaecia Big Band (retirada previa de convite no Teatro Principal)
  • Martes 30: Real Filharmonía de Galicia (retirada previa de convite no Teatro Principal)
  • Mércores 31: Banda Crebynsky, Fredi Leis e Holywater

Ademais destes grandes concertos na Quintana, a praza do Toural tamén acollerá actuacións de Jamila e Rey Montesinos, Kind of Soul, Nunatak, The Tune, Moon Cresta, The Soul Jacket, Phantom Club, Wöyza, Trilitrate, Puerta Sur, Basanta e Lulavai.

As festas tamén contarán con citas tradicionais como o Día do Traxe Galego, o torneo de chave, o concurso de ciprínidos, as exhibicións de coches e de traxes de época, o Día de Padrón, as orquestras na Alameda ou as atraccións. As festas contarán igualmente cun Punto Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais.

Presentación das Festas do Apóstolo 2019 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.