Luis Zahera gaña o Goya na noite de 'Campeones' e 'El Reino'

Luis Zahera, recibindo o Goya á mellor interpretación de reparto © AACC

A súa fenomenal interpretación de Cabrera en El Reino valeulle a Luis Zahera o Premio Goya ao mellor actor de reparto, un galardón que, de paso, serve para recoñecer unha longa traxectoria no cine e no audiovisual da que Vinte facía estes días un repaso. Nun breve discurso, o actor galego quixo facer unha homenaxe a todos os secundarios e episódicos que axudan a construír os filmes e lembrou, así mesmo, unhas palabras do seu pai: “Meu fillo, moito tes que traballar para non ter que traballar”.

Van xa, de feito, máis de vinte anos dende que interpretou a Petróleo en Mareas Vivas e dende entón participou nunha trintena de películas (Celda 211, O Ano da Carracha, Concursante...) e de forma fixa nunha ducias de series (Matalobos, Sin tetas no hay paraíso...).

Zahera homenaxeou os secundarios e episódicos que axudan a construír os filmes e lembrou, así mesmo, unhas palabras do seu pai: “Meu fillo, moito tes que traballar para non ter que traballar”

Foi o único premio galego nunha noite de galardóns repartidos na que Campeones e El Reino foron as grandes triunfadoras. A pesar de que El Reino se fixo con sete galardóns, Campeones levou o premio á mellor película e deixou ademais os momentos máis emocionantes da Gala.

Precisamente por Campeones estaba nomeado Javier Gutiérrez, que non puido sumar un terceiro Goya á súa colección. Tamén ficaron sen premio Xavi Font e Manuel Riveiro, que fixeron a banda sonora de La sombra de la ley, o filme do coruñés Dani de la Torre, película pola que tamén eran finalistas Raquel Fidalgo, Noé Montes, e Alberto Hortas ao Premio á Mellor Maquillaxe e Perruquería. Iso si, a película obtivo tres dos seis Goyas aos que aspiraba.

Tampouco houbo sorte para Memorias de un hombre en pijama, dirixida por Carlos Fernández de Vigo con guión de Ángel de la Cruz, Diana López Varela e Paco Roca. Ou para Matria, a curtametraxe dirixida por Álvaro Gago premiada en Sundance.

Outro filme galego que quedou sen galardón foi Son unha Tumba, a curtametraxe de animación do autodidacta Khris Cembe, unha peza centrada no contrabando na comarca do Morrazo na década dos 90. O filme, orixinalmente en galego (ao igual que Matria), contou nas voces de personaxes con Miguel de Lira e Federico Pérez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.