"Era a miña responsabilidade facer esta película. Era o meu deber darlle voz ás mulleres silenciadas que soportan e calan. Mulleres, todas elas, sensibles, e que ante as dificultades do seu entorno vital, teñen a necesidade de protexerse". Álvaro Gago recibiu a pasada semana o Gran Premio do xurado de Sundance na categoría de curtametraxes con Matria, un filme que acompaña un día na vida de Ramona, traballadora nunha conserveira. A película encadea recoñecementos: mellor curta na Seminci de Valladolid e no Festival de Alcalá de Henares, onde tamén foi premiada a súa protagonista -Francisca Iglesias-, mellor director no Festival de Cartaxena.
A peza rodouse o pasado mes de marzo nas localidades de Cambados, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa e Aralde durante seis días. Matria narra un día na vida de Ramona, unha muller que vive co seu marido, con quen apenas se comunica, e traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que a une á súa filla e a súa neta.
O filme retrata a vida, dura e digna, dunha traballadora sacrificada e precaria. "Matria é un filme sobre unha heroína cotiá defectuosa. Non quixen retratala dende un punto de vista panexírico", conta Álvaro Gago, que explica que "a dignidade dálla, en gran medida, o traballo. A súa dedicación e esforzo traen consigo valores como a honestidade, a ambición, a humildade ou a empatía. O traballo tamén é o causante de que Ramona leve un ritmo de vida intenso. Non se pode permitir parar. Non ten tempo para pensar demasiado". Falamos con el.
"Quizais tamén chama a atención que apareza unha protagonista xa entrada nos 50 anos. Non son habituais. Normalmente cóntanse outras historias, pero estas persoas tamén existen, tamén teñen a súa voz"
Antes de nada, pregúntoche pola experiencia de Sundance e polo premio. Como recibiches a noticia?
Foi unha experiencia moi enriquecedora: son días nos que compartes, coñeces, ves cinematografías dos recunchos máis inesperados do mundo. E o premio foi unha total sorpresa, a selección era moi boa. A verdade é que cando anunciaron o galardón eu estaba xa un pouco desconectado da cerimonia, foi totalmente inesperado. Por iso quedei sen fala cando subín ao escenario.
A que cres que se debe o éxito de Matria? Por que cres que a xente está conectando así con ela?
Non sei a que se debe o éxito. Pero quizais débese a unha narrativa moi sinxela, que deixa espazo ao espectador para que se realice esa conexión, que non lle di todo o tempo cara a onde ten que mirar. Iso moitos espectadores agradéceno, porque se senten menos manipulados. Obviamente existe un punto de vista, unha intención. Pero unha intención con distancia, e esa distancia permítelle a cada un sacar da película o que cada persoa queira sacar. E quizais tamén chama a atención que apareza unha protagonista xa entrada nos 50 anos. Non son habituais. Normalmente cóntanse outras historias, ou outra porción das historias. Pero estas persoas tamén existen, tamén teñen a súa voz.
Se cadra, estamos faltos tamén de historias que poñan a muller no seu centro?
Non estamos afeitos a ver este tipo de historias na pantalla. Son mulleres silenciadas, que non teñen ningún tipo de espazo, invisibles na maior parte dos casos. Temos que contar todas as historias, as historias do pobo, non só as que aparecen nos libros. Hai moito que sacar de aí, hai que levar a cámara á rúa e ver o que está pasando. Pode que no éxito da curta influíse o movemento que no último ano está demandando o recoñecemento para as mulleres. Estamos avanzando, pero queda moito, hai que seguir. Quedan moitas historias de mulleres por contar no cine.
"En Galicia vívense moitos conflitos, de todo tipo, e alí onde hai conflito xa tes o drama. En calquera lugar onde apuntes a cámara tes unha historia coa que facer unha película"
O filme trata moitos temas en apenas 20 minutos: o traballo das mulleres fóra e dentro da casa, os obstáculos que atravesan, a relación entre elas, a relación entre varias xeracións... Queda un con ganas de que a película sexa máis longa, para afondar máis en todo isto...
En Galicia vívense moitos conflitos, de todo tipo, e alí onde hai conflito xa tes o drama. En calquera lugar onde apuntes a cámara tes unha historia coa que facer unha película. Con pouco, tes moito. Cando fago unha curta, gústame limitarme moito de inicio. E un dos límites era o temporal: imos narrar a historia de Ramona durante un día, un día na súa vida. Ese límite axuda a non tentar contar todo en 20 minutos, evitando que a curta se convirta nun rebumbio de cousas que non cadran ben entre si.
"Na miña familia sempre estiven rodeado de mulleres que sempre tiveron moito que contar, mulleres ás que admiro moito. Mulleres que nalgúns casos xa non están, e noutros si, pero que todas deixaron unha marca importante"
Cales son as Matrias de Álvaro Gago? Por que te decidiches a facer esta película?
Na miña familia estiven rodeado de mulleres que sempre tiveron moito que contar, mulleres ás que admiro moito. Mulleres que nalgúns casos xa non están, e noutros si, pero que todas deixaron unha marca importante. Pero a idea de Matria xurdiu por un interese que eu tiña de coñecer máis a unha persoa, Francisca. Máis que o filme en si, interesábame saber máis dela, todo por unha admiración crecente que fun sentindo por ela a medida que avanzaba a nosa relación. Ela traballaba na casa de meu avó, coidando del os últimos catro ou cinco anos da súa vida, uns anos que para el foron felices, grazas á achega desta muller. Aínda que ela tiña moito detrás, carrexaba unha mochila chea de bágoas e de experiencias negativas, chegaba á miña casa e para o meu avó só tiña humor e dinamismo. Matria é unha ficción, pero está moi documentada, tanto a acción coma os diálogos teñen moito de Francisca e doutras mulleres da zona ás que entrevistei antes de ter unha versión final do guión.
"Ramona é unha muller que definiríamos como forte e sacrificada, pero en realidade non ten ningún tipo de poder sobre nada, está a mercede dos demais. Só intenta sobrevivir"
Ao recibir o premio na Seminci, hai uns meses, dixeches que querías "desmitificar a idea de que Galicia é un matriarcado". Confúndese o traballo inxente que as mulleres sempre tiveron que facer cun papel máis central na sociedade e no poder real?
Continuamos a vivir con esta idea da muller galega, forte, sacrificada, que tira para adiante, que tira da súa familia... E confundimos isto cunha suposta sociedade matriarcal, unha sociedade na que a muller tería o poder de xestionalo todo a nivel social, a nivel familiar, a nivel político. Tamén confundimos matriarcado con matrilineado, que é algo que se deu en moitas familias cando os homes emigraban, ou cando o home morría no mar. Pero isto tampouco era matriarcado, non significaba que vivísemos nunha sociedade que valorase as mulleres. Ramona, na película, é un bo exemplo disto: unha muller que definiríamos como muller forte e sacrificada, pero en realidade non ten ningún tipo de poder sobre nada, está a mercede dos demais. Só intenta sobrevivir.
Como é o teu futuro inmediato? Tes algún proxecto en marcha, ou cando menos na cabeza?
Xa cando estaba rodando Matria tiña un guión de curtametraxe na cabeza, que agora xa está escrito. E entraremos en fase de produción tan pronto como nos dean luz verde ao financiamento. E teño outro proxecto, algo máis verde, que sería facer algo máis longo coa propia Francisca. Pero temos que estar seguros, porque xa a rodaxe da curta foi dura para ela a nivel emocional, e unha longametraxe aínda o sería máis.