A Corporación municipal recibe este domingo en Raxoi ás asociacións da cidade logo dunha multitudinaria gala do traxe galego celebrada o sábado
Os tradicionais fogos artificiais de fin de festa porán o peche na noite deste domingo ás Festas do Apóstolo de Santiago, nunha xornada na que as asociacións veciñais da cidade serán recibidas, como xa se fixo o ano pasado, no Pazo de Raxoi pola Corporación municipal, ás 22.30 horas. Será a continuación desa recepción, ás 23.30 horas, cando, desde o Campus Sur, se lancen durante uns 20 minutos os case 3.700 artefactos pirotécnicos que porán o peche ás festas.
De xeito paralelo a ese fin de festa, ás 22.00 horas Roi Casal subirá ao escenario da praza da Quintana. Un concerto no que o ex-Milladoiro presentará o seu disco Son galego, son cubano, con letras de Neira Vilas. Antes, ás 20.00 horas, o barrio de Vite acolle o Serán de Hip Hop 2016, con dez actuacións previstas.
O penúltimo día destas festas, o sábado, as rúas enchéronse de cor na celebración do XXXVII Día do Traxe Galego, con desfiles desde a Alameda ata o Obradoiro e desde Bonaval ata a praza na Quintana. E pola noite, nese último lugar, os humoristas Carlos Blanco e Luis Davila representaron o seu Menú do día.