Democracia Ourensana concorrerá ás eleccións galegas buscando "ser decisivos" no próximo Goberno

Alfonso Rueda e Gonzalo Pérez Jácome, na sede da Xunta en Ourense o 11 de outubro de 2022 e resultados electorais de Democracia Ourensana CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou este martes a través das redes sociais a intención de participar nos comicios para que a Xunta "aplique discriminación positiva na provincia". 

Democracia Ourensana presentarase ás eleccións ao Parlamento galego que se celebrarán nos vindeiros meses. Iso é, cando menos, o que anunciou esta mañá o seu líder e alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a través dunha mensaxe publicada na rede social X na súa conta persoal. "Democracia OUrensana concurrirá a las próximas elecciones autonómica de Galicia. El objeto es ser decisivos en el futuro gobierno del parlamento gallego, para conseguir que la Xunta de Galicia aplique discriminación positiva en la provincia de Ourense", sinalou no texto.

A formación ourensanista non concorreu ás últimas eleccións galegas, celebradas en xullo de 2020, pero si o fixera nas catro convocatorias anteriores, entre 2005 e 2016, incrementando de forma sucesiva os seus resultados ata un máximo de 7.723 votos (o 4,41% dos apoios na provincia de Ourense). 

O anuncio chega despois do éxito acadado por Jácome nas últimas eleccións municipais. E chega, ademais, nun momento de crise e renovación para o PP na provincia de Ourense

O anuncio chega despois do éxito acadado por Jácome nas últimas eleccións municipais, nas que revalidou a Alcaldía cun espectacular ascenso que o levou a  obter o 33,8% dos votos. E chega, ademais, nun momento de crise e renovación para o PP na provincia de Ourense, tras a saída de Manuel Baltar da Deputación despois de que DO condicionase o seu apoio a que os populares escollesen outro candidato para a Presidencia do ente provincial.

Agora Gonzalo Pérez Jácome eleva a aposta, buscando acadar algún escano que convirta a súa formación en determinante para a conformación do vindeiro Goberno galego, procurando así unha axenda máis favorable aos intereses da provincia ourensá.

Ten Democracia Ourensana opcións reais de acadar representación nas eleccións ao Parlamento galego? A formación que lidera Jácome veu incrementando os seus apoios nos comicios autonómicos dende o 2005, cando apenas obtivo o 0,45% dos apoios (638 votos), ata o ano 2016, cando acadou 7.723 votos e o 4,41% do total.

Nas eleccións de 2016, DO superou o 4,4% dos apoios e ficou a 2.500 votos de obter representación

Cómpre lembrar que nas eleccións galegas hai que superar o 5% dos votos nunha circunscrición para obter representación, aínda que en realidade este límite case nunca tivo efecto na provincia de Ourense, onde adoitar ser necesario superar o 6% dos votos para acadar un escano (algo máis de 10.000 sufraxios). De feito, nesas eleccións de 2016 DO ficou realmente preto de obter representación, a tan só uns 2.500 votos. Nos comicios de 2020, nos que a formación non se presentou, o límite real elevouse un chisco, ata quedar fixado no 6,6% dos votos.

Nos últimos ano o seu nivel de apoios foi superior nas eleccións muncipais que nas galegas

Se Democracia Ourensana conseguise repetir nas eleccións galegas os 19.411 votos obtidos nos comicios municipais de maio, acadaría un escano e estaría preto dun segundo. Con todo, dado que cada tipo de convocatoria presenta comportamentos electorais distintos, é esperable que o seu nivel de apoio nas eleccións galegas sexa inferior (en 2015 obtivera o 7,89% dos votos nas municipais e un ano máis tarde ficou no 4,41% nas galegas).

Nas eleccións municipais de maio Democracia Ourensana obtivo os seus mellores rexistros nas seccións cunha menor idade media e nos barrios populares e nas zonas con menor renda da cidade

E a quen lle pode facer máis dano a decisión de Democracia Ourensana de concorrer ás eleccións ao Parlamento galego? Pois é complicado de dicir. Nos últimos anos a formación que lidera Jácome foi recollendo votos na dereita, na esquerda e no centro, como se puido comprobar nas últimas eleccións municipais, onde máis dun terzo dos e das votantes apoiaron a DO. 

De feito, nos comicios de maio Democracia Ourensana obtivo os seus mellores rexistros nas seccións cunha menor idade media (nomeadamente barrios residenciais da cidade) e tivo os peores datos nas rúas máis envellecidas (o centro de Ourense). De igual xeito, a formación ourensanista acadou os seus mellores resultados nas zonas con menor renda da cidade. Barrios populares, de clase media e media baixa e poboación nova e de mediana idade, polo tanto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.