Por primeira vez en trinta e tres anos e medio, o presidente da Deputación de Ourense non se apelida Baltar. O 20 de xaneiro de 1990, José Luis Baltar Pumar ergueu por primeira vez o bastón de mando na institución para substituír a Victorino Núñez, que marchaba para presidir o primeiro Parlamento do fraguismo. En febreiro de 2012, o patriarca da dinastía legáballo ao seu fillo, José Manuel Baltar, para quen antes asegurara o control do PP na provincia. E agora, este 17 de xullo de 2023, principia o posbaltarismo.
Democracia Ourensana cumpre a súa parte do pacto co PP e Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar e dirixente de confianza de Rueda, é o novo presidente da Deputación de Ourense
Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar e cargo da máxima confianza de Alfonso Rueda, foi investido presidente da Deputación de Ourense cos votos dos 12 escanos do PP, un por baixo da maioría absoluta, despois de que os tres deputados de Democracia Ourensana cumprisen a súa parte do trato e votasen polo seu propio partido e non polo PSdeG. Os populares cumpren a segunda parte do trato que permitiu a Gonzalo Pérez Jácome hai un mes revalidar a alcaldía da capital de provincia sen sobresaltos e intérnanse, dalgún xeito, en terreo descoñecido.
Dende a primeira fila dos asentos dos convidados, José Manuel Baltar asistiu este luns á investidura do seu sucesor despois de advertir durante as últimas semanas de que a súa non é unha retirada total, toda vez que nin moito menos ten decidida a renuncia a presidencia provincial do PP. A mesma dirección provincial á que é afín boa parte do novo grupo popular na Deputación.
O posbaltarismo principia con José Manuel Baltar moi presente e polo momento aínda á fronte da dirección provincial do PP, un aparello clave para a dirección galega do PP,
O posbaltarismo principia, daquela, con Baltar moi presente e ao mando dun aparello clave para a dirección galega do PP, a que asinou desta volta os pacto con Jácome e cuxos máximos representantes, Rueda e a secretaria xeral, Paula Prado, acudiron tamén á toma de posesión de Menor. O novo presidente, que antes de alcalde foi alto cargo da Xunta ás ordes de Rueda, dedicou os seus primeiros minutos no cargo a eloxiar o "acto grande de xenerosidade" do seu sucesor, así como a "dedicación, compromiso e paixón" que, di, demostrou Baltar fillo.
"Grazas ao ao traballo realizado por Manuel Baltar", dixo Menor, a súa andaina na presidencia comeza cunha "situación de vantaxe" porque a Deputación, afirma, está "economicamente saneada". Aproveitar o "potencial" do termalismo, da gastronomía ou da conexión coa Meseta por AVE, así como lograr "servizos máis eficientes" que atallen a "perda de poboación" ou a loita contra os incendios, afirma, serán algunhas das prioridades dun mandato no que, asegura, pretende demostrar que a "cooperación cos concellos é a razón de ser da Deputación" e por iso a vai asumir "en primeira persoa".
Esa competencia dará a Menor unha oportunidade adicional de reunirse cos responsables das alcaldías da provincia, moitos deles baltaristas, nun contexto no que boa parte do futuro político do xa ex-presidente depende, en primeira instancia, do resultado do xuízo que aínda ten pendente por conducir a 215 quilómetros por hora un coche oficial da Deputación o pasado abril. Polo momento, José Manuel Baltar -que xa pediu o seu reingreso como funcionario da Xunta- amósase plenamente activo na campaña electoral do PP na provincia nas xerais e recentemente xa advertiu en declaracións a La Región: "Non marcho, eh! Ou sexa que cuidadito",