Xa está resolta a cuestión que nos ocupou durante tantas semanas, tantos meses: como quedarían configurados os gobernos municipais durante os vindeiros catro anos. A falta dunhas poucas corporacións por constituír -farano o 7 de xullo, polos prazos para resolver recursos-, xa está claro que seis de cada dez habitantes de Galicia viven en concellos gobernados por PSdeG e BNG e a cuarta parte da poboación do país ten alcalde ou alcaldesa do PP.
Onde non van gobernar nin PP, nin PSdeG nin BNG é no Concello de Ourense. Ourense, como en tantas campañas, foi unha das grandes cuestións da carreira electoral municipal e tamén acaparou todos os focos despois de votar, cando Gonzalo Pérez Jácome, alcalde durante os últimos catro anos grazas ao PP, logrou que o seu partido, Democracia Ourensana, fose a forza máis votada o 28M.
Javier Fraiz, xornalista da edición ourensá do 'Faro de Vigo', axúdanos a entender mellor o acontecido en Ourense coas negociacións que acabaron desembocando nun novo pacto entre o PP e Jácome e as súas repercusións. Os candidatos popular e socialista, cre, foron "desautorizados" por cadansúas direccións
Con ese resultado, Jácome tiña varias vías para conseguilo e elixiu unha delas, un novo pacto co PP, aínda que nun contexto ben distinto ao de hai catro anos. Con este pano de fondo, no episodio número 53 do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, tentamos entender un pouco mellor o sucedido en Ourense, bosquexar a anatomía dun pacto que aínda ten que ratificar a súa segunda parte, a da Deputación, e que pode traer consigo consecuencias para toda Galicia nun futuro próximo aínda por escribir.
Polo momento, o que xa sabemos é que houbo pacto despois de que voces tan autorizadas coma o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurasen con rotundidade antes dos comicios que ese acordo "non se ía producir" e mesmo oficializasen ese compromiso. Pero chegaron as eleccións, o resultado foi o que foi no Concello e ademais, na Deputación, os populares non lograban a maioría absoluta por segunda vez. Precipitábase así un feito histórico con todas as letras: Pase o que pase, a familia Baltar non vai ostentar a presidencia da institución provincial por primeira vez en trinta e tres anos.
Todo isto deu lugar a moitas preguntas, moitos fitos e moita confusión. Tamén a moitos intentos de explicar Ourense dende fóra de Ourense... Ao xeito do que sucede cando diversas informacións, faladoiros ou artigos de opinión xogan a iso de Galicia explicada a los gallegos.
En plena voráxine de contactos, conversas cruzadas, filtracións e tensión máxima antes da constitución do Concello de Ourense, o xornalista Javier Fraiz, compañeiro da edición ourensá do Faro de Vigo, facía precisamente esa reflexión: "Xa están tentando explicarnos Ourense aos ourensáns". Con el conversamos neste episodio do Fálase para tentar entender un pouco mellor o que sucede e o que pode suceder.
Nesta conversa, gravada o pasado martes 20 de xuño -a referencia temporal importa, dada a velocidade dos acontecementos-, preguntámoslle a Javier Fraiz pola intrahistoria do sucedido nun contexto no que, coida, as cúpulas galegas de PP e PSdeG "desautorizaron" a cadanseus candidatos na cidade de Ourense, toda vez que tanto Manuel Cabezas como Francisco Rodríguez advertiran de que en ningún caso ningún dos dous partidos ía negociar con Jácome.
O futuro político de ambos aspirantes, os intentos de culpar o BNG do acontecido ou o que pode suceder na Deputación tras a saída de Baltar, así como a súa repercusión na política galega, son tamén obxecto desta conversa co xornalista ourensán. Todo, para axudarnos a entender mellor o que sucedeu en Ourense e darnos algo de luz sobre o que pode suceder, aínda que sempre sexa arriscado aventurarse, máis aínda se falamos dunha escena política como a ourensá, sempre tan efervescente e agora, moito máis.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.