Hai menos de tres meses o presidente aseguraba que "este pacto non se vai producir", e dúas semanas máis tarde o partido aprobaba cos socialistas unha moción co seu "compromiso" en "rexeitar un futuro pacto de goberno con Jácome"
Prometeuno Alfonso Rueda o 30 marzo desde o atril de presidente da Xunta e acordárono por escrito dúas semanas despois, o 14 de abril, PP e PSdeG. Non pactarían con Jácome para evitar que volvese ser alcalde de Ourense. Este sábado, apenas unhas semanas despois, a número 2 do PPdeG, Paula Prado, pactaba con Jácome por escrito facilitarlle a alcaldía da cidade a cambio de que este facilite aos populares a presidencia da Deputación de Ourense.
Nos dous casos as operacións concrétanse pola vía de que PP e Democracia Ourensana voten en cada institución aos seus propios candidatos, o que garante á outra formación o correspondente cargo por ser a lista máis votada en cada caso. Isto é, o acordo consiste basicamente en non facer nada, non pactar nada con ningún outro partido. Pero poucas horas antes da investidura deste sábado a dirección do PPdeG decidiu plasmar por escrito o novo pacto con Jácome, un documento que constata o incumprimento da promesa de Rueda e do acordo previo acadado co PSdeG de non pactar con Jácome.
Tras un goberno local bipartito Democracia Ourensana-PP que rachou e se reconstruíu varias veces durante o último mandato, ás portas destas eleccións municipais o presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, aseguraba o pasado 30 de marzo, desde o atril de San Caetano, que o seu partido non volvería pactar con Jácome. Así o anunciara o seu candidato local, o ex-alcalde Manuel Cabezas, que dicía estar disposto a darlle a alcaldía ao PSdeG con tal de que non volvese gobernar Jácome. E así o ratificaba Rueda preguntado por esa cuestión. "Este pacto non se vai producir", aseguraba o presidente do PPdeG.
PP e PSdeG acordaron formalmente o 14 de abril "que nunca máis se repita" o ocorrido no pasado mandato, e dous meses despois os populares incumpriron ese acordo
Dúas semanas máis tarde, o 14 de abril, esas exactas verbas de Rueda eran incluídas nunha moción aprobada no Concello de Ourense por PP e PSdeG na que os dous partidos coincidían en "rexeitar un futuro pacto de goberno con Jácome".
Esa moción foi impulsada pola concelleira non adscrita María del Mar Fernández Dibuja, saída no seu momento de Democracia Ourensana. Nela, tras lembrar a promesa de Rueda e dos candidatos municipais popular e socialista, a parte dispositiva solicitaba "que ante o pleno ambos grupos municipais dos partidos PSOE e PP ratifiquen o compromiso manifestado polos seus actuais cabezas de lista ás próximas eleccións, que se concreta en rexeitar un futuro pacto de goberno con Jácome, para que nunca máis se repita o ocorrido neste mandato". Esa moción foi aprobada cos votos a favor de PP e PSdeG, e a abstención de Democracia Ourensana e BNG que non se sentiron interpelados por un texto que só pedía un compromiso de populares e socialistas.
Se hai catro anos o acordo con Jácome asinouno Baltar para garantirse a Deputación, desta volta é directamente a dirección do PPdeG a que asume o pacto, que implica un novo descabezamento do PP local
Pero dous meses despois daquel acordo, este sábado o PPdeG asinaba por escrito un novo pacto con Jácome. Un pacto que presenta diferenzas co asinado hai catro anos para repartirse tamén a Deputación e o Concello.
Hai catro anos o PP tivo que votar a favor de Jácome, terceira forza, para que este fose alcalde e á súa vez garantise a Deputación de Ourense para José Manuel Baltar, que foi quen asinou aquel acordo. Pero agora o novo pacto retrata por escrito o apoio da dirección do PPdeG a Jácome que se podía concretar igualmente votando cada formación por si mesma en cada institución sen deixar probas en papel. Un pacto por escrito que o PPdeG xa non pode atribuír ao desexo de Baltar de manter a Deputación, como hai catro anos, senón que co barón ourensán fóra da ecuación supón implicar directamente a cúpula do partido en Galicia no mantemento de Jácome na alcaldía de Ourense.
A operación, ao tempo, volve supoñer un novo debilitamento e descabezamento do PP municipal. Se hai catro anos pactar con Jácome acabou implicando a retirada da política do ex-alcalde e ex-conselleiro popular Jesús Vázquez, contrario ao acordo, o novo pacto agora asinado volve supoñer a marcha do actual líder municipal, Manuel Cabezas.