Hai moitos xeitos de medir o éxito ou o fracaso nunhas eleccións municipais en Galicia, que é tanto como falar de 313 comicios con cadansúa lóxica local, atravesada ou mesturada coa dinámica política galega e xeral. A conclusións adoitan ser, en calquera caso, relativas, se ben é habitual atender a criterios como o total de votos logrados por cada forza política e, sobre todo, as cotas de poder acadadas nas principais institucións en xogo.
Atendendo a esta segunda variable, é habitual apuntar que as principais cadeiras do poder local galego son once: as sete principais cidades e as catro deputacións. Nos primeiros tempos do fraguismo, o PP logrou un dominio esmagador nelas, pero dende mediados dos 90 a tendencia foi virando ata chegar a escenarios como os da convocatoria de 2019, cos populares ficando sen ningunha alcaldía urbana e coa presidencia dunha única Deputación, a de Ourense.
Tras os comicios de hai catro anos, en sete desas once institucións principais o bastón de mando foi erguido sobre a base de gobernos bipartitos. A maior parte deles, de esquerdas: é o que sucedeu nas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, con cadansúas presidencias para o PSdeG en coalición co BNG, e tamén nos concellos de Lugo e Pontevedra, con alcaldía socialista no caso lucense e nacionalista, no pontevedrés.
En vésperas dunhas novas eleccións municipais, os bipartitos de PSdeG e BNG continúan gobernando con normalidade mentres os tecidos polo PP con DO en Ourense para salvar a Baltar racharon varias veces
A gran novidade foi daquela que tamén houbo bipartitos pola dereita. Democracia Ourensana accedeu a lle dar os seus votos ao PP, que perdera a maioría absoluta na Deputación ourensá, para salvar a presidencia de José Manuel Baltar. A cambio, os populares sacrificaban o seu propio candidato no Concello, onde quedaran segundos, e investían o líder de DO, Gonzalo Pérez Jácome, que quedara terceiro en votos tras varios mandatos baseados, en boa medida, en zorregar en Baltar, a quen prometera desbancar por "psicópata".
En vésperas dunhas novas eleccións municipais, as do vindeiro 28M, os bipartitos da esquerda continúan gobernando con normalidade. Con independencia dalgún tirapuxa por cuestións ordinarias do goberno, os gobernos dos concellos de Lugo e Pontevedra e das deputacións coruñesa, lucense e pontevedresa sacaron adiante cada ano os seus orzamentos por acordo dos socios e en ningún momento existiu maior risco de ruptura. Mentres, os bipartitos da dereita ourensá evidenciaron un colapso que agora, por diferentes razóns, desemboca nos xulgados.
No concello, a coalición DO-PP rompeu dúas veces, unha a instancias de cada socio. Na Deputación, Baltar apresurouse en afirmar que o bipartito seguiría adiante, pero acabou embarrancado tras o colapso municipal. Non obstante, o barón ourensán mantivo amarrada a absoluta co retorno ás súas filas da deputada Monterrat Lama, a que fora voceiro do seu goberno ata que en 2019 marchou a Ciudadanos. En ambas institucións houbo, ademais, sucesivas mudanzas de cargos entre edís e deputados.
Tras lograr non ser xulgado ata despois das eleccións por conducir o coche oficial a 215 km/h, Baltar expresouse en termos de "situación gravísima" que "invalida para a política". Referíase aos audios de Jácome publicados por 'La Región', que xa investiga a Fiscalía
Con todo este pano de fondo, a finais do pasado abril irrompía na campaña ourensá a noticia, adiantada por elDiario.es, de que Baltar fora interceptado pola Garda Civil en Zamora conducindo en domingo un coche oficial da Deputación a 215 quilómetros por hora pola autovía A-52. Tras as medicións definitivas, os axentes concluíron que o presidente da institución provincial e do PP de Ourense cometera un delito contra a seguridade viaria e trasladaron o asunto ao xulgado da Pobra de Seabra, onde esta semana, tras tres intentos de esquivalo, acabou comparecendo Baltar.
A ausencia de conformidade coa acusación e coa condena -a Fiscalía pediu seis meses de multa e retirada do carné por un ano- conduce o xuízo a Baltar a un xulgado do penal de Zamora o vindeiro 31 de maio, isto é, tres días despois das eleccións. Mentres, os seus avogados tentarán recorrer para que o xuízo non chegue a producirse, alegando diversas cuestións formais e tamén que o cometido é unha infracción administrativa e non un delito.
Tras comparecer ante a xuíza, Baltar ofreceu unha entrevista ao xornal La Región na que se expresou en termos de "situación gravísima" e "cuestións que invalidan para a xestión e a política a aquel que as cometa". O popular referíase aos audios publicados por ese mesmo xornal durante os últimos días e nos que, segundo apunta o rotativo, Pérez Jácome se gaba de manexar diñeiro negro ou captar cartos por vías irregulares en concesionarias municipais, entre outras condutas. As gravacións, que xa investiga a Fiscalía, fan que "non sexa posible pactar con Jácome", di agora Baltar.
O xornal ourensán apunta a que os audios revelan ilegalidades de Jácome, que se declara vítima dunha operación "orquestrada" por un PP co que non se pecha a volver pactar. Mentres, Rueda, advirte de que as coalicións da esquerda "non funcionan" e xeran "inestabilidade"
O barón ourensán realizaba estas consideracións tamén despois de que, o pasado mércores, nunha comparecencia ante os medios difícil de adxectivar, Jácome se declarase vítima dunha "mafia" de empresas "xonquis de cartos públicos", ao seu xuízo comandadas por La Región. Tentan, acusa, afastalo da política mediante a publicación de audios "manipulados" e "adulterados", operación que considera "orquestrada" polo PP. Así e todo, admite, non pode desbotar volver pactar con José Manuel Baltar se os números postelectorais así o permiten.
Con todo este pano de fondo, Alfonso Rueda afronta a súa primeira campaña municipal como presidente do PPdeG e da Xunta. Nalgúns dos mitins dos últimos días indicou que os populares son a garantía de "non manter a alcaldes que non funcionan nin a minorías que só miran polos seus intereses". Porque os bipartitos da esquerda, acusou, son "pactos entre perdedores" que provocan "inestabilidade".