"As eleccións municipais foron transformadas nun plebiscito". Os comicios do 28M en Ourense están "practicamente anulados" porque agora se limitan a unha única disxuntiva: "Ou a mafia ou Democracia Ourensana". Sobre esa base argumental construíu este mércores Gonzalo Pérez Jácome unha intervención ante os medios de comunicación na que, durante case hora e media, ofreceu a súa interpretación da publicación de varias gravacións de audio, fundamentalmente no xornal La Región e agora tamén en La Voz de Galicia, nas que segundo estes xornais realiza comentarios a respecto de diversas condutas irregulares, como manexo de cartos negros ou financiamento irregular de campañas electorais de DO.
O alcalde de Ourense e líder de DO acusa o xornal 'La Región' de "manipular" e "adulterar" gravacións obtidas cun "micrófono oculto" no seu despacho porque, di, "se xoga 10 millóns" de euros por mandato municipal e el non os entrega
Mentres o PSdeG anunciaba que xa ten confirmado que a Fiscalía investiga o contido dos audios -os socialistas formularon unha denuncia ao respecto este martes en Ourense e o BNG, que a pasada semana fixera o propio coa primeira das gravacións no xulgado de garda, levou este mércores o caso á Fiscalía Xeral do Estado-, Jácome escenificaba no salón de plenos da casa consistorial por que di considerarse vítima dunha operación de empresas "xonquis dos cartos públicos" que pretenden afastalo da carreira pola reelección. Especialmente, acusa, da empresa editora de La Región que, di, "se xoga 10 millóns de euros" por mandato municipal que o seu goberno lle nega e por iso "queren acabar comigo".
Acompañado dun taboleiro de escritura de grandes dimensións, Jácome bosquexou un cadro segundo o cal o devandito xornal viría recibindo eses 10 millóns por mandato por varias vías. Ao tempo, acusou, La Voz "pediunos cartos para non tratarnos mal" pero tamén "cortou a billa". Alén dos medios, as súas acusacións sinalan tamén á construtora Copasa, á que atribúe a vontade de facerse coas concesións municipais de lixo, auga e transporte urbano para "pegar un pelotazo". Desta última, non obstante di "non ter probas" da súa participación na suposta operación, se ben "estamos dicindo o que se xoga".
Jácome négase a responder preguntas sobre os contidos concretos dos audios, que "non valen absolutamente nada" por non seren "orixinais", estar "editados" e obtidos de maneira "ilegal". "A maioría da xente está connosco" e tras este "ataque" DO "vai arrasar" o 28M, augura
"O que impide que La Región e Copasa se fagan donos de cartos públicos é Gonzalo Pérez Jácome" e por iso "hai que quitar a Democracia Ourensana de aí", sintetizou o rexedor na súa ampla intervención previa á abordar a cuestión dos audios, logrados ao seu xuízo mediante a instalación dun micrófono oculto nas instalacións da Alcaldía. O dispositivo, considera, foi retirado antes da publicación das gravacións, pero despois de rexistrar milleiros de horas de audio -afirma- para, a continuación, editalos e "manipular para que pareza o que non é".
"Editan, adulteran, modifican e sóltano en plena campaña", censura Jácome, quen co seu teléfono móbil se brindou a amosar aos xornalistas o doado que resulta recortar unha gravación de audio. En calquera caso, advirte, o divulgado "non vale absolutamente nada" porque non se trata de rexistros "orixinais" e "están abertos á total manipulación", ademais de seren obtidos de maneira "ilegal". Por iso asegura que non ten "ningunha preocupación ao respecto": "non se pode probar nada" porque "todo está manipulado e adulterado" e mentres, "a maioría da xente está connosco" e, despois "deste ataque", Democracia Ourensana vai "arrasar" o 28M.
"Orquestrado" polo PP, pero volver pactar con Baltar
Tras unha tensa quenda de preguntas, nas que o alcalde ourensán se negou a responder ningunha cuestión específica sobre o contido dos audios por estar "manipulados e adulterados", reiterou, Jácome tamén foi cuestionado sobre se, ao seu xuízo, hai tamén forzas políticas implicadas na operación contra e. E, ao tempo, a respecto de se, se a aritmética postelectoral o propicia, volvería pactar co PP de José Manuel Baltar. E a resposta foi afirmativa en ambos casos.
Sobre un eventual novo pacto con Baltar, Jácome parafraséase a si mesmo: "Pactarei co demo se consigo o ceo para Ourense"
Aínda que mantén que a principal fonte de "mafia" e "terrorismo" contra a súa persoa por "acabar coa corrupción e o saqueo de diñeiro público" no Concello procede de La Región, coida que "todo isto está orquestrado co PP ou co PSOE, posiblemente máis o PP que o PSOE" se ben "é unha sospeita". Non obstante, non se pecha a un eventual novo pacto con Baltar porque, parafraseouse a si mesmo, "pactarei co demo se consigo o ceo para Ourense", aínda que o demo sexa "malísimo".
Mentres, non obstante, asegura que a súa intención é seguir formulando denuncias no xulgado pola publicación dos audios e sinalado aos "tramposos que rouban en Ourense" e retando a La Región a que traslade á Xustiza as gravacións íntegras, o cal sería "fascinante". Así e todo, conclúe, se "invisten tanto tempo" en atacalo, valora, é "porque estamos rozando a maioría absoluta".