A carreira cara ás urnas do 28M en Ourense acumula convulsións pola banda da dereita. Nomeadamente, pola banda de quen comezaron o mandato iniciado en 2019 formando senllos bipartitos no Concello e mais na Deputación a través do pacto polo que Democracia Ourensana salvaba a José Manuel Baltar como presidente da institución provincial a cambio de que, no consistorio, os votos do PP se puxesen á disposición de Gonzalo Perez Jácome, líder da terceira forza en votos, para elixilo alcalde.
Tras rexeitar o xulgado de Seabra o adiamento solicitado polo avogado de Baltar, o letrado non atendeu a comparecencia por vía telemática que ditara a xuíza, abocada a fixar unha nova data
Catro anos despois, a tres días do comezo oficial da campaña Baltar logrou esquivar polo momento o xuízo rápido ao que deberá someterse como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria por conducir, o pasado 23 de abril, un coche oficial da propia Deputación a 215 quilómetros por hora nun treito zamorano da A-52, con límite de 120 como tal autovía. O xulgado da Pobra de Seabra citara o barón popular ourensán para este 9 de maio ás nove e media da mañá e, malia non ser aceptada a súa solicitude de adiamento, acabou por non haber xuízo.
Tal e como confirman fontes oficiais do Tribunal Superior de Xustiza de Castilla y León, o avogado de Baltar, Juan Ramón Montero, remitiu o pasado luns un escrito ao xulgado solicitando adiar o xuízo previo "alegando ter un sinalamento anterior", isto é, unha vista fixada previamente. O xulgado non aceptou, "dado que o xuízo rápido pode celebrarse por medios telemáticos", e instouno a comparecer a través de internet durante a mañá deste martes.
Pero o avogado de Baltar non apareceu e por iso, ratifican as mesmas fontes, "o xuízo rápido non puido celebrarse nin de maneira presencial nin telemática". Por ese motivo, a xuíza fixará unha nova data para un proceso no que o presidente da Deputación ourensá se pode enfrontar a condenas como multa de 6 a 12 meses, traballos en beneficio da comunidade de un a tres meses e a retirada do carné de 1 a 4 anos. Pero tamén a eventuais penas de prisión de 3 a 6 meses que implicarían a súa inelixibilidade como cargo público polo mesmo tempo.
Jácome denuncia espionaxe mentres agroman novos audios
Mentres José Manuel Baltar logra esquivar polo momento o xuízo rápido, o ritmo da precampaña ourensá segue tamén marcado pola publicación, sobre todo a través do xornal La Región pero agora tamén en La Voz de Galicia, de gravacións de audio nas que, segundo destacan ambas cabeceiras, o rexedor e candidato á reelección por DO alude a condutas como branqueo de cartos ou "unha presunta estratexia para lograr cartos de empresas con intereses en servizos e obras municipais".
Tras o silencio inicial, Jácome pronunciábase este martes a través dun comunicado oficial do Concello no que afirma ser vítima de "técnicas mafiosas para alterar o proceso electoral" do 28M. As gravacións, acusa, están "editadas, manipuladas, falseadas e descontextualizadas" e ademais, mantén, son "ilegais e carentes de valor".
Jácome anuncia que xa presentou "unha denuncia no Xulgado" e asegura que as gravacións nas que, segundo 'La Región', alude a condutas como branqueo de cartos, están "editadas e manipuladas", ademais de seren "ilegais" e procuraren "eliminalo" como candidato o 28M. O BNG leva os audios á Fiscalía Xeral do Estado
Por todo isto, o rexedor ourensán asegura que presentou o pasado luns "unha denuncia no Xulgado de Garda por un presunto delito de espionaxe con microfonía oculta na Alcaldía" que encadra no artigo 197 do Código Penal, que castiga a revelación de segredos. Faino, di, porque os audios publicados resultan de gravacións realizadas no despacho da Alcaldía "sen consentimento das persoas participantes".
Sinala Jácome, que tamén "solicitou á Policía un varrido e localización de micrófonos nas dependencias da Alcaldía", que é "evidente" que está sendo "seguido" a través dunha "operación de espionaxe" de "alto custo económico". "Hai que preguntarse quen está por tras desa caza de bruxas e cales son os motivos que xustifican que alguén gaste tanto diñeiro para tentar eliminar un candidato", agrega, sen entrar a valorar o contido das gravacións nin as acusacións de suposto uso ilícito de cartos.
Ao tempo, despois de que o BNG xa trasladase á Fiscalía os primeiros audios publicados por La Región, este martes o candidato da formación soberanista na capital ourensá, Luís Seara, confirmaba que este mesmo mércores trasladará o contido dos audios de Jácome á Fiscalía Xeral do Estado en Madrid. Ao tempo, o PSdeG local ratifica que vén de facer o propio ante o Ministerio Público con todas as gravacións coñecidas ata agora, igualmente para solicitar pescudas sobre posibles delitos.