Baltar xa non responde por ir a 215 km/h e PSdeG e BNG apelan ao electorado do PP ourensán para desaloxalo

José Manuel Baltar, nun acto preelectoral do PP en San Cibrao das Viñas, o pasado 28 de abril CC-BY-SA PP

No derradeiro pleno ordinario do mandato da Deputación de Ourense, o pasado 28 de abril, José Manuel Baltar respondeu as preguntas de PSdeG e BNG sobre a súa condución a 215 quilómetros por hora aos mandos dun coche oficial négandose a dimitir, admitindo dúas multas máis e reiterando que alcanzou esa velocidade por "despiste" mentres o motivo da viaxe cara a Madrid nun domingo -revelada por elDiario.es- seguía arrodeada de incógnitas. Este 4 de maio a oposición tentou obter máis explicacións e asuncións de responsabilidades políticas e, en vésperas de ter que comparecer ante a Xustiza -o día 9 na Pobra de Seabra-, Baltar optou polo silencio.

O presidente da Deputación e do PP de Ourense evita responder no pleno extraordinario forzado polo PSdeG para pedir máis explicacións pola súa infracción aos mandos do coche oficial e esixirlle a dimisión. O voceiro popular ve todas as preguntas "respondidas" 

O Grupo Socialista da Deputación ourensá forzou para este xoves un pleno extraordinario no que, ademais de reclamar unha dimisión de Baltar que ven seguro que non se producirá, tentaron sen éxito obter máis datos do acontecido non só no exceso de velocidade do pasado abril, senón tamén sobre o cometido polo mesmo coche en 2021 ao circular pola N-120 entre Monforte e Pantón a 157 por hora malia estar limitada a 90 e cun condutor, segundo a Deputación, nunca identificado. O mesmo fixo o BNG, que ademais reclamou -tamén, infrutuosamente- abrir unha comisión especial "sobre a xestión do parque móbil" da Deputación e así saber quen os utiliza, cando o fai, como se controlan e cantas sancións reciben.

Vehículo oficial utilizado por José Manuel Baltar, aparcado o pasado 28 de abril en instalacións da Deputación de Ourense, nunha imaxe divulgada polo PSdeG ourensán CC-BY-NC-SA Foto: PSdeG | Montaxe: Praza.gal

Pero Baltar desta volta gardou silencio. Delegou a resposta a efectos prácticos no voceiro do grupo do PP e alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, quen alén de considerar que o tema "xa foi debatido suficientemente" , "as preguntas están respondidas e as desculpas, trasladadas", culpou os grupos da actual oposición, especialmente o PSdeG, de estar "só motivado por tentar levar esta cuestión, e con ela a Ourense, a unha lameira política ás portas da campaña" das eleccións municipais do 28M. E a eses comicios apelaron tanto socialistas como nacionalistas, pero para sinalalos como única vía para desaloxar a Baltar, tamén para o electorado do PP.

Socialistas e nacionalistas advirte os populares de que defenderen a Baltar xa os "prexudica" ante a cita electoral do 28M: "Votar a calquera candidato do PP de Ourense implica apoiar este xeito de conducir a institución"

O voceiro socialista, Ignacio Gómez, asegura "non ver" posible que ningún outro membro do PP ourensán que non sexa da familia Baltar "se atrevese" a cometer uns feitos coma estes. "Non sei por que defenden estas actitudes", cuestionou cara á bancada popular, antes de advertilos de que xa agroma entre simpatizantes da formación conservadora na provincia -nomeadamente, no seu concello, Ribadavia- o ruxerruxe de que non votarán polo PP se serve "para soster este señor na poltrona". "Prexudícaos e sábeno", advertiu.

"Espero que a cidadanía tome nota, porque este señor non vai dimitir; tería que ocorrer un cataclismo para que le pedisen a dimisión ou a asumise", coida Gómez, quen xa encadra a actitude de Baltar "nun vacile e nun insulto a todos os cidadáns". Nun sentido semellante o voceiro do BNG, Bernardo Varela, agarda que o electorado teña claro que "votar a calquera candidato do PP de Ourense implica apoiar este xeito de conducir a institución". "Creo que a maioría da poboación non está de acordo con esta forma de actuar" aínda que sexa partidaria do PP e por iso, sinala, agarda que así "o identifiquen cando voten os alcaldes e concelleiros" o 28M.

Ignacio Gómez (PSdeG) e Bernardo Varela (BNG) CC-BY-NC-SA Praza.gal

Remata así, cando menos de momento, a derivada estritamente política na Deputación para un caso que, en calquera caso, ten parada obrigatoria nos xulgados da Pobra de Seabra. No PSdeG ourensán ven "imposible" que Baltar non saia condenado e advirten: nas filas populares xa hai quen "fai chegar todas estas cuestións aos medios e haberá máis". 

Por todo isto agarda que, finalmente, "o 28M o fagan dimitir os cidadáns" despois de que os votos do PP unidos aos da non adscrita Montserrat Lama -antiga voceira do goberno de Baltar, que en 2019 marchou a Ciudadanos e en 2022 volveu ao PP- evitasen a rendición de contas esixida polo PSdeG co apoio do BNG e, desta volta, tamén de Democracia Ourensana.

Así e todo, o PSdeG de Ourense advirte de que a moción rexeitada este xoves non será a súa derradeira iniciativa sobre este caso. Así, tras o "absolutamente escandaloso" silencio do pleno, o propio Gómez confirma a disposición do partido a "levar ante a Xustiza o uso continuado, irregular e delituoso dos vehículos da Deputación de Ourense" por parte de Baltar. "Teremos que acudir ante a Xustiza" porque non facelo sería unha "grave falta de responsabilidade" ante quen "ten secuestrada a institución para os seus caprichos".

Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste 4 de maio CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Rueda: "O que tiña que explicar xa o explicou"

Mentres en Ourense se reunía o pleno da Deputación, en Santiago celebrábase a sesión ordinaria do Consello da Xunta. Na súa comparecencia posterior ante a prensa, o presidente Alfonso Rueda foi cuestionado ao respecto da negativa de Baltar, ante a cal considerou que "o que tiña que explicar, xa o explicou", se ben como a semana pasada volveuse remitir ao percorrido xudicial do caso.

O presidente da Xunta e do PPdeG di "non querer prexulgar o que vai pasar" despois de que Baltar "compareza nun xuízo" e evita aclarar se o partido actuará contra o barón ourensán en caso de condena

No pleno da pasada semana, di o tamén líder do PP en Galicia, "o presidente da Deputación explicou o que considerou oportuno" sobre unha "conduta para nada axeitada" que agora o vai levar a "unha comparecencia nun xuízo". Polo momento, Rueda di non ter "nada que engadir", tampouco sobre o xeito en que actuará o partido se Baltar acaba condenado por un delito contra a seguridade viaria. 

"Non quero prexulgar sobre o que vai pasar", resolve en vésperas dun pleno no Parlamento no que BNG e PSdeG cuestionarán o PP precisamente sobre este asunto e as posibles decisións políticas contra o barón ourensán. A xuízo de Rueda, esas iniciativas débense á procura de "sacar rédito electoral".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.