Outro coche oficial crúzase en campaña ante Feijóo e Rueda catorce anos despois

Feijóo, nunha visita ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia como presidente da Xunta, nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Na campaña electoral de 2009 tras a que o PP conseguiu volver á Xunta e investir como presidente a Alberto Núñez Feijóo no primeiro intento, un dos eixos de ataque contra o daquela Goberno de PSdeG e BNG foi caricaturizar ambas formacións como amantes do "luxo". O equipo de campaña, dirixido polo actual presidente Alfonso Rueda, acusaba o nacionalista Emilio Pérez Touriño e o nacionalista Anxo Quintana, en síntese, de levaren unha vida de excesos e "desbaldes" a conta dos cartos públicos.

O actual presidente e o seu antecesor e agora líder estatal do PP  basearan parte da súa oposición a PSdeG e BNG en acusacións dun suposto desbalde e gusto polo "súper luxo" nos coches oficiais

Durante aquela lexislatura, Feijóo, Rueda -na altura, secretario xeral do PPdeG- en Galicia puxeran o foco en cuestións como diversas obras desenvolvidas no maltreito complexo administrativo de San Caetano. Así, por exemplo, Rueda considerara "bochornoso" e un "escándalo maiúsculo" reformas por importe de 4 millóns e atribuíra ao "empeño" de Touriño por "vivir a corpo de rei co diñeiro de todos" e "levar unha vida de estrela de cine" outros traballos por 2 millóns de euros. Actualmente, as profundas reformas, arranxos, remodelacións e ampliacións do mesmo complexo xa superan os 100 millóns de euros sen maior polémica ao respecto. O propio Rueda admitiu, aínda como vicepresidente, que en realidade "dende 1985 non se facía nada" relevante en canto a obras en San Caetano.

Vehículo oficial utilizado por José Manuel Baltar, aparcado este 28 de abril en instalacións da Deputación de Ourense, nunha imaxe divulgada polo PSdeG ourensán CC-BY-NC-SA Foto: PSdeG | Montaxe: Praza.gal

Xunto a esas obras, o outro eixo da campaña sobre o suposto gusto polo luxo do Goberno presidido por Touriño, alcumado polos conservadores como "sultán de Monte Pío", centrouse no uso dos coches oficiais. Así, por exemplo, cargaran con dureza contra o presidente socialista pola adquisición dun vehículo da marca Audi -a mesma que empregaba o ex-presidente Fraga- e teorizaran con que se trataba dun "coche fantástico" que custara "30 millóns máis" e estaba máis blindado que o do daquela presidente dos EUA, Barack Obama, dixera quen na altura era presidente do PP na Coruña e candidato á alcaldía, Carlos Negreira.

Agora a cuestión non é a mera existencia do coche oficial e un suposto "luxo" por usalo, senón que Baltar conduce un deles a 215 quilómetros por hora

Tamén puxeran o foco sobre o coche do vicepresidente Quintana. No seu caso, afirmando que o vehículo que utilizaba para os seus desprazamentos oficiais fora equipado cun "cun mini-bar" e que o automóbil era un "coche oficial de súper-luxo". O automóbil era o mesmo que Feijóo utilizara como vicepresidente de Fraga e o suposto mini bar, unha pequena neveira eléctrica para arrefriar botellas de auga.

Case década e media despois de todo aquilo e mentres, como líder estatal do PP, Feijóo reproduce en Madrid contra o PSOE e Unidas Podemos boa parte do manual de asedio que estreou contra PSdeG e BNG en Galicia, un coche oficial volve ser protagonista dunha precampaña, a das eleccións municipais do 28M. Pero agora o automóbil non é da Xunta, senón da Deputación de Ourense. E a cuestión non é a mera existencia do coche, que ninguén cuestiona, senón a velocidade á que o conduce o titular da institución e líder do PP ourensán, José Manuel Baltar.

José Manuel Baltar, nun acto da campaña galega de 2016 © PP Ourense

Despois de que, o pasado día 25, elDiario.es revelase que Baltar foi interceptado pola Garda Civil conducindo un coche oficial a 215 quilómetros por hora na autovía A-52 á altura de Asturianos (Zamora), a treboada política non tardou en desencadearse. BNG e PSdeG esixiron a Rueda que actúe contra Baltar internamente, na súa calidade de líder do PP en Galicia, e o barón ourensán, tras negarse a facer declaracións públicas alegando consellos do seu avogado, deu en atribuír o acontecido a un "despiste" nunha "longa recta da A-52, sen referencias de ningún tipo". Fíxoo nunha carta remitida a diversos medios e, ao día seguinte, en resposta á oposición na Deputación, onde se negou abertamente a dimitir e onde tamén admitiu que esta non foi a primeira multa.

Se o líder do PP de Ourense fose obxecto dunha condena de prisión pasaría a ser electoralmente inelixible. Se a condena fose outra, en todo caso, deixaría nunha posición delicada á dirección estatal do PP que agora encabeza Feijóo

Mentres todo isto sucedía, Rueda limitouse a aplaudir que Baltar se disculpase e instou a agardar ao percorrido legal da cuestión, que ten a súa seguinte parada nos xulgados da Pobra de Seabra. Ao superar en máis de 80 quilómetros por hora o límite de velocidade na autovía, Baltar é investigado por un delito contra a seguridade viaria, castigado no Código Penal con multas de 6 a 12 meses, traballos en beneficio da comunidade de un a tres meses e a retirada do carné de 1 a 4 anos, pero tamén con penas de prisión de 3 a 6 meses. 

Se o líder do PP de Ourense fose obxecto dunha condena privativa de liberdade pasaría a ser electoralmente inelixible, poñendo en serio perigo a continuidade da súa carreira política e, eventualmente, o bastión de poder do baltarismo, a Deputación. En todo caso, tamén se vería erosionada se a sentencia condenatoria chega noutros termos; se cadra non tanto polos eventuais efectos electorais directos que puidese sufrir o PP de Ourense nas urnas locais, senón pola posición na que deixaría á dirección estatal que agora encabeza Feijóo. Volven os coches á política galega, pero veñen en sentido contrario ao de noutrora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.