A Garda Civil remitiu xa ao xulgado da Pobra de Seabra o atestado das súas actuacións tras interceptar o pasado domingo o presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, conducindo a 215 quilómetros por hora pola autovía A-52 nun coche oficial da institución, tal e como revelou elDiario.es. Fíxoo o pasado mércores, no mesmo día en que axentes do Grupo de Investigación e Análise de Tráfico do Instituto Armado notificaron persoalmente ao dirixente popular a apertura de dilixencias policiais de investigación contra el por un presunto delito contra a seguridade viaria polo que terá que comparecer ante o xulgado a semana vindeira.
A Garda Civil xa remitiu ao xulgado da Pobra de Seabra o atestado sobre o exceso de velocidade de Baltar, que atribúe o seu "erro illado" a que ciruclaba por "unha longa recta (...) sen referencias"
Despois de que, o pasado mércores, a Deputación ourensá emitise un comunicado no que sinalaba que Baltar "é o primeiro en lamentar tanto as consecuencias públicas que se poidan derivar" como "a propia situación xerada" e agregaba que "por recomendación expresa do seu avogado", non ía realizar "declaracións sobre este asunto" ata que "conclúan as actuacións", este xoves o barón do PP ourensán divulgaba unha carta ao respecto. Nela reitera as "desculpas", mais tamén afirma que conduciu a 215 por hora a causa dun "despiste".
Nunha misiva remitida a diversos medios de comunicación, Baltar di ser "a primeira persoa en lamentar as consecuencias" dunha "situación dolorosa" e que "deriva dun erro illado". "Nun momento de despiste acontecido nunha longa recta da A-52, sen referencias de ningún tipo, situeime por riba dos límites de velocidade permitidos", xustifica tras indicar que "como funcionario público, conduzo dende hai moitos nos e dun xeito habitual coches oficiais en desprazamentos institucionais".
Segundo as medicións definitivas dos axentes, Baltar superaba o limiar do delito contra a seguridade viaria por exceder en 80 km/h o límite permitido
Na mesma carta Baltar tamén indica que tras ser interceptado pola Garda Civil "cumprín o pagamento da sanción administrativa". Os axentes tramitárono por esa vía inicialmente porque aplicaron unha marxe de erro do radar dun 7% -o aplicable os radares móbiles- e non dun 5%, o que corresponde nos radares fixos como o que captou o presidente da Deputación de Ourense a 215 por hora. Tras realizaren as comprobacións precisas, aplicaron a marxe correcta do 5%, o que deixa a Baltar en todo caso por riba dos 200 km/h, limiar do delito por superar en 80 quilómetros por hora os 120 de máximo para a circulación en autovía.
Con este pano de fondo, este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu ser preguntado por estes feitos e, máis concretamente, pola súa previsión de actuar ou non contra Baltar na súa condición de presidente do PP en Galicia. Tamén sobre se, ao seu xuízo, o dirixente ourensán debería dimitir.
Como vinte e catro horas antes, Rueda evitou cuestionar os cargos políticos de Baltar, alén de evidenciar que "os feitos coñecidos constitúen unha conduta inadecuada", un "erro" ante o que aplaude como "moi importante" que pedise "desculpas". "Se puidese volver atrás, non cometería ese feito", cre o titular do Goberno galego, que insta a "ver como evoluciona" e "en que acaba" o proceso policial e xudicial aberto, ante o que "loxicamente" Baltar terá a "obriga" de "asumir as consecuencias". Pero el, conclúe, non pode "prexulgar".
Rueda ve "moi importantes" as "desculpas" de Baltar, que segundo varias informacións xa fora multado varias veces por exceso de velocidade a bordo do coche da Deputación
Mentres o presidente da Xunta realizaba estas consideracións a preguntas dos xornalistas, transcendía que a do pasado domingo non é a primeira infracción por exceso de velocidade cometida por José Manuel Baltar aos mandos dun vehículo oficial da Deputación. Segundo publican Público e Luzes, en 2021 o mesmo coche xa foi multado por circular a 150 por hora na N-120 entre Monforte e Pantón, limitada a 90 km/h. A sanción foi de 500 euros, pero acabou en 1.500 ao negarse a Deputación a identificar a persoa que conducía. Este venres, Baltar negou que fose el quen conducise.
Pero esta, segundo informa Radio Ourense da Cadena SER, non foi a única multa anterior antes da do pasado domingo. Ese vehículo que conduce habitualmente Baltar acumula unha decena de multas por exceso de velocidade, indican as fontes citadas por esa emisora, segundo as cales en dúas desas infraccións previas á actual o presidente da institución provincial foi identificado como condutor.