Os coches oficiais empregados polos cargos públicos para os seus desplazamentos foron un dos eixos da campaña electoral tras que o PP de Alberto Núñez Feijóo logrou no ano 2009 a súa primeira maioría absoluta. Os conservadores aferráronse aos vehículos da marca Audi do parque móbil da Xunta, a maioría mercados polos gobernos de Manuel Fraga, para caricaturizar ao daquela presidente, o socialista Emilio Pérez Touriño, como un "sultán" aficionado ao "luxo asiático" de circular nun "coche fantástico" dotado mesmo con "mísiles". Por iso, prometera Feijóo dous días antes dos comicios, en canto chegase ao goberno vendería o Audi do presidente e cambiaríao por "un coche feito en Vigo", aínda que naquela altura na factoría de Balaídos se fabricaban só furgonetas Berlingo e os monovolumes Picasso.
Case oito anos despois de proscribir a firma automobilística alemá para as viaxes do Goberno -Feijóo circula nun Citroën C6, fabricado en Francia- no parque móbil de San Caetano aínda quedan varios Audi sen uso definido e noutras institucións gobernadas polo PP séguense comprando automóbiles desta firma. A última en facelo é a Deputación de Ourense, que hai escasos días pechou a compra dun Audi A6 por importe de case 60.000 euros "con destino ao parque móbil da Presidencia", isto é, para uso do presidente da institución, José Manuel Baltar, e mais o seu equipo.
O proceso para esta compra iniciouse o pasado decembro, cando a propia Presidencia organizou un concurso negociado sen publicidade ao que convidou a tres empresas. Segundo o correspondente informe da mesa de contratación foron dúas compañías as que presentaron ofertas: unha foi Báltico Automoción e outra, Automóviles Pérez Rumbao, ambas pertencentes ao mesmo grupo empresarial. A primeira ofreceu un Volvo S90 por 60.900 euros e a segunda, a gañadora, un Audi A6 Sline de 272 cabalos por 59.900 euros e unha media de consumo de 5,1 litros cada cen quilómetros.
Gómez (PSdeG), a Baltar: "Se é para vostede terá que dicirlle a Feijóo que está errado, porque el dixo que hai que andar nun Citroën, que se fabrica aquí"
Segundo os informes do parque móbil da Deputación a mellor oferta en canto á relación de calidade e prezo foi a do Audi. Segundo a memoria manexada polo ente provincial nesta contratación, o concesionario gañador ofreceu melloras sobre os requirimentos mínimos como "confort térmico, confort asentos, conectividade e visualización de paneis e instrumentos".
O peche desta contratación foille reprochada ao propio Baltar este venres, no transcurso do pleno da Deputación, polo deputado do PSdeG Ignacio Gómez. Na quenda de rogos e preguntas o tamén alcalde de Ribadavia lamentou que, despois de non ofrecer información sobre os vehículos que a institución prevé alugar, "vexamos que esta casa vai adquirir un Audi A6". "Para quen é o Audi, para o señor presidente?", pregúntase o socialista, quen lembra a "campaña de acoso e derribo a un presidente autonómico por esta cuestión".
"Se é para vostede terá que dicirlle ao señor Feijóo que está errado", poque o xefe do Goberno galego "dixo que hai que andar nun Citroën, que se fabrica aquí". "Agora mercamos un Audi, imos sobrados", ironiza Gómez, quen insta os populares a "lembrar" que destinar fondos públicos a automóbiles desta marca era "un despilfarro" e comportarse coma "un sultán". Como adoito, Baltar evitou a resposta en pleno e asegurou que a achegará por escrito.