Os estatutos do partido contemplan a “competencia exclusiva e excluínte” do Comité Nacional de Dereitos e Garantías para instruír e resolver un expediente de calquera afiliado que pertenza a “calquera órgano nacional” do PP, como ocorre con Baltar
Conducir a 215 quilómetros por hora pódelle supoñer ao presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, enfrontarse a un xuízo penal pola posible comisión dun delito contra a seguridade viaria. Pero tamén pode ter repercusións internas no PP, onde é o Comité Nacional de Dereitos e Garantías o único órgano con “competencia exclusiva e excluínte” para incoar e resolver un expediente de calquera afiliado que pertenza a “calquera órgano nacional” do PP, como ocorre con Baltar, vogal do Comité Executivo Nacional do partido. Porén, o código ético da Deputación de Ourense impulsado hai unha década por Baltar, que reclama “exemplaridade” aos seus cargos electos, non contempla sancións.
Os estatutos do PP poñen o foco en suspender ou expulsar do partido a cargos ou afiliados implicados en delitos de corrupción, e consideran tamén infracción moi grave “a condena por un delito que pola súa natureza ou polas circunstancias nas que se cometese se considere incompatible coas obrigas ou deberes éticos establecidos nos presentes estatutos, segundo valoración motivada do Comité de Dereitos e Garantías competente”. Pero mesmo sen que Baltar sexa condenado pola xustiza polo que fixo os estatutos tamén reproban a quen non se comporte de forma “exemplar”.
O PP pide a todos os seus cargos "máxima exemplaridade" e absterse "de calquera conduta que, aínda sendo plenamente legal, poida danar a imaxe e honorabilidade" do partido
O artigo 12 dos estatutos do PP establecen como “principios xerais” que todos os cargos públicos e orgánicos do partido deben “observar a máxima exemplaridade, rigor e esixencia no desempeño das súas funcións, velando sempre polo interese público” e “absténdose de calquera conduta que, aínda sendo plenamente legal, poida danar a imaxe e honorabilidade da organización á que pertencen”. E máis adiante, no artigo 16, os estatutos describen as que considera “infraccións moi graves”, entre as que está “actuar no exercicio dos cargos públicos ou orgánicos en forma contraria aos principios” do partido, en referencia ao antedito artigo 12.
Neste caso Baltar estaría actuando “no desempeño das súas funcións” e “no exercicio dos cargos públicos”, como din os dous artigos, xa que só así podería estar conducindo un coche oficial da Deputación.
Os estatutos continúan dicindo que “as infraccións moi graves serán sancionadas nos seguintes termos: a) suspensión de afiliación por un período de tempo entre catro e seis anos, b) inhabilitación para desempeñar cargos no seno do Partido ou en representación deste por igual período de tempo, c) expulsión do partido”, e aclaran que “as sancións previstas nos apartados a) e b) anteriores non son excluíntes entre si”.
Pero os estatutos do partido tamén din que “no caso de que o afiliado fose aforado ou pertenza a calquera órgano nacional do Partido, a competencia exclusiva e excluínte para instruír e resolver o expediente corresponderá ao Comité Nacional de Dereitos e Garantías, de oficio ou a proposta do Presidente Nacional ou o Comité Executivo Nacional”. Isto é, será o comité estatal de garantías elixido no congreso do PP de hai un ano en Sevilla e presidido polo ex-presidente estremeño José Antonio Monago, o que decidirá sobre o futuro de Baltar a nivel interno.
Feijóo podería propoñer un expediente contra Baltar, pero os estatutos deixan na ambigüidade os pasos concretos para sancionar a súa conduta, dicindo quen "pode" facer as cousas pero sen concretar se alguén "debe" facelas
A actuación do Comité de Garantías non é en teoría supervisada pola dirección do partido nin polo seu presidente Feijóo, que só podería propoñerlle que inicie un expediente contra Baltar. De feito, os estatutos din que un posible expediente "pode" ser incoado polo presidente do comité de oficio, ou que o competente para instruír e resolver o expediente é o comité tamén "de oficio ou a proposta" do presidente do PP, pero non di nada que ningún dos dous teña a obriga de facelo se non o fai o outro, só sinala a posibilidade.
Así que o PP considera moi grave non ser "exemplar", pero deixa aberta certa ambigüidade nos pasos para sancionar esas condutas. De feito, son numerosos os casos tanto a nivel autonómico como estatal nos que os populares tiraron de todo tipo de argumentos para evitar actuar contras os seus propios cargos. Un dos máis recentes foi o caso do ex-alcalde de Badalona Xavier García Albiol, que afronta un xuízo por prevaricación. Os populares argumentan agora que a prevaricación non é corrupción xa que nese caso terían que suspender de militancia a García Albiol.
Volvendo ao caso de Baltar, os estatutos do PP sinalan que “en caso de infraccións moi graves previstas no artigo 16 e por razóns de urxencia, o Presidente e o Secretario do Comité Nacional de Dereitos e Garantías, incluso antes de iniciado o expediente, poderán acordar a suspensión provisional de afiliación e funcións do expedientado, se ben iso deberá ser ratificado polo propio Comité na primeira reunión que celebre”.
O Código Ético da Deputación tamén esixe "exemplaridade", pero non sinala ningún tipo de sanción ou reproche polos incumprimentos
Por outra banda, ademais dos estatutos do PP, a Baltar tamén lle sería de aplicación o Código Ético e de Conduta que a Deputación de Ourense aprobou en 2014 a iniciativa do propio presidente. Ese código sinala no seu artigo 3 que os cargos electos e o persoal da Deputación deberán comportarse con “exemplaridade” e di que “ao ser o espello da institución no que se mira a cidadanía, deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense e minar a confianza da cidadanía na institución”.
Para velar polo cumprimento do código ético contémplase un Comité de Ética, composto por expertos alleos á Deputación, que debe analizar as posibles denuncias de incumprimentos que lle formulen, informar ao Pleno da Deputación deles e elaborar un informe anual ao respecto. Pero en ningún punto do Código Ético se sinala ningún tipo de sanción ou reproche polos incumprimentos.