Pontón di que os cargos públicos “temos que dar exemplo, e ir a máis de 200 é un perigo para a seguridade viaria”, mentres os socialistas ourensáns piden a dimisión do presidente da Deputación e preguntan “a onde ía co coche pagado por todos”
Nin unha palabra dedicou este mércores o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, a José Manuel Baltar cando BNG e PSdeG lle preguntaron no Parlamento de Galicia se vai esixir responsabilidades ao presidente da Deputación e do PP de Ourense por circular cun coche oficial a 215 quilómetros por hora, velocidade á que foi interceptado o domingo pola tarde en Zamora pola Garda Civil.
Tras coñecerse a información feita pública por elDiario.es, a primeira intervención pública de Rueda, na Cámara galega, consistiu en desentenderse da cuestión. Só horas máis tarde, preguntado nun acto do PP en Pontevedra, o presidente falou da cuestión para limitarse a dicir que o propio Baltar "sinte" o sucedido e que el só sabe da existencia dunha "infracción administrativa". Mentres, os nacionalistas piden a súa implicación persoal e os socialistas ourensáns reclaman xa a dimisión de Baltar.
Aínda que o debate parlamentario deste mércores xiraba arredor doutras cuestións, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntou directamente a Rueda se vai esixir responsabilidades a Baltar “por un suposto delito contra a seguridade viaria”. “Os cargos públicos temos que dar exemplo, e ir a máis de 200 non é un exemplo para ninguén, é un perigo para a seguridade viaria”, dixo a nacionalista, quen se preguntou se Rueda “non pode ou non ten autoridade” para pedir responsabilidades a Baltar. Un Baltar que foi clave hai un ano para ratificar a Rueda como sucesor de Feijóo.
Ante o silencio de Rueda, na súa segunda intervención Pontón lamentou “que se estree así como presidente do seu partido e que como presidente dos galegos e das galegas non teña nada que dicir disto”. “Vexo que vostede non ten autoridade para esixirlle responsabilidades ao señor Baltar”, concluíu.
Tamén o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, preguntou sen éxito a Rueda se vai “tomar algunha decisión con esta cuestión”, e ironizou cara os populares con que no Parlamento “despois facemos comisións e propostas de seguridade viaria”. Pero foi en Ourense onde os socialistas adoptaron unha postura máis dura e pediron directamente a dimisión de Baltar.
Os socialistas ourensáns consideran “indecente” a actuación de Baltar e que “cometese este grave delito, conducindo temerariamente un coche oficial noutra provincia para facer actividades que aínda non explicou un domingo”. “A onde se desprazaba Baltar realmente co coche pagado por todos e todas”, pregúntanse os socialistas, que salientan que na súa axenda oficial non había ningún acto en Madrid nin o domingo nin o luns.
Rueda minimiza o sucedido como "unha infracción administrativa" á que non dá "maior relevancia"
Este diario preguntou á Deputación de Ourense pola axenda do seu presidente pero aínda non obtivo resposta. Pola súa banda, tras o silencio de Rueda no Parlamento, desde o PPdeG remitiuse a primeira hora deste mércores calquera comentario sobre a cuestión ao que diga o PP de Ourense. Porén, horas despois o propio Rueda pronunciábase nun acto do PP en Pontevedra a preguntas dos medios de comunicación.
O presidente dixo que falara con Baltar e que "sinte" o sucedido, pero nada dixo de ningunha medida que poida tomar contra el. Segundo Rueda, só é coñecedor dunha "infracción administrativa" e el non é "xuíz" para pronunciarse sobre unha cuestión á que non dá "maior relevancia".