O actual vicepresidente xa era o mellor situado para suceder a Feijóo á fronte do Goberno galego, pero a aposta do ourensán por un congreso no partido que evite bicefalias amplía a súa marxe de manobra, á espera de coñecer que cede a cambio aos baróns provinciais
Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, sempre foi a persoa mellor situada para suceder ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tanto antes como despois de que este decidise deixar Galicia para presidir o PP estatal. Pero agora, grazas ao presidente do PP e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de ver ratificada esa posibilidade e a de presidir á vez o PPdeG, evitando así bicefalias e deixando nas súas mans a candidatura popular para as próximas elección galegas. Un movemento de Baltar fillo secundando en público a Rueda e decantando así os apoios cara a el que lembra ao que Baltar pai provocou a finais de 2005 e comezos de 2006 na sucesión de Manuel Fraga na que acabou vencendo Feijóo.
O pronunciamento expreso de Baltar en favor de Rueda non só como presidente da Xunta senón tamén como presidente do PPdeG saído dun congreso que evite bicefalias supuxo restar peso ás declaracións do presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, que hai unha semana se abría a outras posibilidades. Con Rueda e Baltar unidos arredor do primeiro como presidente único no partido e na Xunta, e con Baltar e Calvo favorables a un congreso extraordinario, quedan despexadas as principais incógnitas do proceso sucesorio de Feijóo, no que este chegou a verbalizar a posibilidade de que a actual dirección do partido nomease un novo presidente da formación sen pasar por un congreso.
Feijóo verbalizou este mércores un "acordo" para convocar xa un congreso extraordinario e “se adicionalmente hai acordo para unha candidatura corresponderalles aos presidentes provinciais pronunciarse”
Á espera de que se concreten as datas e o que obterán os distintos baróns provinciais do PPdeG, este mércores o propio Feijóo mudou de discurso e anunciou que “nos próximos días” o PPdeG convocará un congreso extraordinario para elixir o seu novo presidente, con toda probabilidade, dixo, despois de que se produza a súa remuda na Xunta. Feijóo non deu nomes, pero empregando a mesma terminoloxía que este martes Baltar referiuse á necesaria “unidade” do partido e amosouse contrario a unha posible bicefalia. “Quen ten responsabilidades de goberno o lóxico é que teña responsabilidade orgánica”, di.
O “acordo” cos presidentes provinciais, di Feijóo, é de momento o de convocar o congreso extraordinario, e “se adicionalmente hai acordo para unha candidatura corresponderalles aos presidentes provinciais pronunciarse”. Algo que tras o apoio expreso de Baltar a Rueda, e declaracións na mesma liña da presidenta doPP de Lugo, Elena Candia, deixa os próximos pasos en mans de Calvo, quen segue sen pronunciarse claramente. Iso impide dar por pechado de momento un acordo global o deixa no aire o papel que o presidente coruñés quere ter nun proceso xa claramente marcado pola figura de Manuel Baltar.
A finais de 2005 Baltar pai fixo público que o apoio de Louzán a Feijóo na sucesión de Fraga facía que Cuiña, a quen apoiara ata daquela, quedase sen posibilidades, o que clarificou o proceso
Hai 16 anos tamén foi outro Baltar, José Luis, do que herdou a presidencia da Deputación e do partido na provincia, quen contribuíu decisivamente a despexar as incógnitas sobre a sucesión de Manuel Fraga con outras declaracións públicas que tamén decantaron os apoios en favor de Feijóo.
Cando naquel proceso sucesorio aínda estaban en loita Feijóo, o ex-conselleiro Xosé Cuiña e o ex-vicepresidente José Manuel Barreiro, Baltar, tras reunirse uns días antes con Cuiña, fixo unhas declaracións ante os medios de comunicación na celebración do Día da Constitución de 2005 que ían decantar definitivamente o resultado. O apoio do daquela presidente do partido e da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a Feijóo, dixo Baltar, facía que que Cuiña quedase sen posibilidades e polo tanto el mesmo daba liberdade de voto aos delegados da provincia de Ourense. Con Cuiña fóra do proceso, dúas semanas máis tarde Barreiro integrábase na lista de Feijóo, que lle daría a vicepresidencia do partido tras un congreso ao que chegou finalmente como único candidato.
Aquel movemento de Baltar pai a finais de 2005 evitou unha confrontación final de Cuiña e Feijóo e acabou derivando en que o segundo gañase tres anos máis tarde a presidencia da Xunta con Rueda como o seu número 2 tanto no partido como no Goberno galego. Agora, 16 máis tarde, Baltar fillo facilita o ascenso de Rueda a número 1 tanto no Goberno galego como no partido.