O líder ourensán foi a principal voz discordante no PPdeG na última década, pero o descabezamento do partido provocado pola marcha de Feijóo está a provocar movementos que lembran ás loitas hai dúas décadas
Xosé Cuiña e José Manuel Romay Beccaría foron hai dúas décadas os máximos expoñentes do que se denominou como a guerra entre as boinas e os birretes para suceder a Manuel Fraga. Gañaron os segundos, identificados supostamente coa intelectualidade urbana e o centralismo, ao impoñer a Alberto Núñez Feijóo despois de que José Luis Baltar, o veterano “cacique bo” chegado ao PP desde Centristas de Galicia, deixase de apoiar a un Cuiña máis asimilado a certo galeguismo rural. Tanta foi a vitoria de Romay que neste tempo vén sendo distinguido por Feijóo con todo tipo de recoñecementos e protagonismo en actos públicos, e malia os seus 88 anos vén de ser incluído no Comité Executivo Nacional como vogal por designación do propio Feijóo.
Dúas décadas máis tarde daquela vitoria de Romay outro Baltar, o fillo, Manuel (Ourense, 1967) reclama o seu protagonismo nunha sucesión de Feijóo na que os focos seguen centrados en Alfonso Rueda pero na que tamén está a alzar a voz Diego Calvo (San Sadurniño, 1975), presidente dun PP da Coruña herdeiro da tradición do birrete a través da liña que une a Romay con Carlos Negreira, ex-alcalde coruñés. Negreira foi xunto con Feijóo un dos protexidos de Romay e ao seu carón foi medrando un Calvo que esta semana vén de facer algo pouco habitual no que era o PPdeG de Feijóo, un proceder case que reservado en exclusiva a Baltar: falar en público antes de que haxa un acordo en privado.
Tras a vitoria do suposto birrete en 2006 coa sucesión de Fraga por Feijóo, a suposta boina, ese PPdeG máis apegado ao rural e nalgúns casos a certo galeguismo, foise diluíndo. Cuiña afastouse dos focos e morreu en 2007, o mesmo ano en que Francisco Cacharro, o barón lucense, perdía a Deputación. Mentres, Feijóo facilitaba diversos postos aos outros dous contrincantes na sucesión de Fraga, José Manuel Barreiro e Enrique López Veiga. E Baltar pai centrábase na sucesión en beneficio do seu fillo, Manuel, en 2010 á fronte do PP de Ourense e en 2012 á fronte da Deputación.
Baltar viña facendo ver que mentres Feijóo seguise á fronte do PPdeG mantería a súa 'entente cordiale', pero que outra cousa sería cando Feijóo marchase. En 2018, cando Feijóo se fixo querer pero decidiu non aspirar a suceder a Rajoy, o ourensán xa se amosara disposto a asumir máis responsabilidades
Foi precisamente a sucesión de Baltar pai o principal conflito interno que viviu o PPdeG de Feijóo, ao pouco de que este chegase á presidencia da Xunta en 2009. A finais dese ano, en plena vaga de éxitos, Feijóo decidiu apoiar o daquela alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, para tentar desbancar os Baltar do PP de Ourense. Fracasou e non o volveu intentar, iniciando unha relación de respecto distante con Manuel Baltar na que este, esgrimindo o aval do seu dominio electoral na provincia, se permitiu, por exemplo, criticar abertamente a decisión da Xunta de pechar o paridoiro de Verín en 2019, ao tempo que Feijóo lle deixaba mans libres e avalaba as súas negociacións para manter a Deputación de Ourense a cambio de entregar a alcaldía da cidade a Democracia Ourensana malia ser a terceira forza.
Baltar viña facendo ver que mentres Feijóo seguise á fronte do PPdeG mantería a súa entente cordiale, pero que outra cousa sería cando Feijóo marchase. En 2018, cando Feijóo se fixo querer e finalmente decidiu non aspirar a suceder a Mariano Rajoy, Baltar xa se amosara disposto a asumir máis responsabilidades no PPdeG. A súa cara, no acto no xardín dun hotel de Santiago no que Feijóo anunciou que renunciaba á sucesión de Rajoy, era a máis circunspecta entre a euforia do resto de asistentes.
Coa marcha de Feijóo agora si garantida, Baltar foi o primeiro que decidiu falar en público nas últimas semanas sobre a súa sucesión. Fíxoo antes mesmo de que deixase a presidencia do PPdeG para amosar o seu apoio a Rueda pero advertir de que fará valer o peso da provincia de Ourense. Algo para o que podería ter certa présa, xa que dentro dun ano haberá eleccións municipais e nas últimas só puido manter o control da Deputación grazas ao pacto con Democracia Ourensana.
Calvo, presidente do PP da Coruña, é herdeiro da tradición do 'birrete' a través da liña que une a Romay co seu protexido Carlos Negreira, como tamén o é Feijóo
Pola súa banda, Calvo agardou a que pasase o congreso estatal para dicir en público que nin si nin non á sucesión de Rueda, pero que sexa cal sexa a decisión, el quere ter algo que dicir. Deputado no Parlamento de Galicia con só 27 anos, en 2003, foi delegado da Xunta na Coruña en 2009 e concelleiro en Ferrol en 2011, posto que lle permitiu acceder á presidencia da Deputación da Coruña, que mantería ata 2015. En 2016 herdaría a presidencia do PP provincial de Carlos Negreira, que viña de perder a alcaldía da Coruña que gañara en 2011 tras acompañar a Feijóo, protexido por Romay, en varios cargos no Sergas, Correos ou Portos de Galicia.
A perda da Deputación en 2015 non lle supuxo ningún castigo por parte de Feijóo. Ao contrario, un premio, xa que en 2016 foi recolocado nas listas ás eleccións galegas e nomeado vicepresidente do Parlamento, xusto tras o presidente Miguel Santalices, ligado a Baltar.
Agora Feijóo vén de colocar a Calvo, igual que aos outros tres presidentes provinciais do PPdeG, no seu comité executivo estatal, pero dándolle ademais a responsabilidade sobre o comité electoral do partido. Vén de ser xusto tras ese novo ascenso cando agora decidiu saír en público a facer ver que quere un congreso de sucesión no PPdeG canto antes, que pode haber outras persoas ademais de Rueda, pero que en todo caso acatará o que se decida.
Mentres Baltar e Calvo veñen de levantar a man, os outros dous baróns provinciais optan por conversas en privado. Rueda evita declaracións que o deixen en fóra de xogo e Candia lembra que tras as municipais moitos cargos terán que render contas do seu traballo
Mentres Baltar e Calvo veñen de levantar a man para pedir a súa quenda, os outros dous baróns provinciais optan por conversas en privado. Desde Pontevedra Rueda, o mellor colocado, evita declaracións que o deixen en fóra de xogo ao tempo que admite negociacións internas. E desde Lugo Elena Candia di que falará “no foro ordinario” e lembra que nun ano haberá eleccións locais nas que moitos cargos do PP deberán render contas do seu traballo, o que podería mudar o panorama interno no partido.
Feijóo, mentres, advirte de que considera democráticos todos os mecanismos contemplados nun partido democrático para nomear o seu sucesor. Estes poden ser un congreso extraordinario, pero tamén unha decisión da actual directiva saída do congreso ordinario de hai menos dun ano. Pero tamén que a dirección estatal impoña unha xestora e un candidato á Xunta.
Dos acordos ou desacordos aos que cheguen os principais dirixentes do PPdeG entre eles, con varios conselleiros e conselleiras tamén con peso político no partido, dependerá o que pase non só na formación senón tamén na máis inmediata sucesión á fronte da Xunta, na que diversas voces rexeitan colocar xa a Rueda ou calquera outra persoa sen ter definida cando menos a folla de ruta para o futuro do partido.