Negreira deixa o Concello e a presidencia provincial do PP tras o devalo electoral na Coruña

Feijóo e Negreira nun mitin na Coruña © PP

Carlos Negreira abandona. O ex alcalde da Coruña non se presentará á reelección como presidente provincial do PP e renuncia á súa acta de concelleiro en María Pita. Así llelo anunciou nesta tarde aos seus compañeiros na reunión da xunta directiva dos populares da provincia, onde adiantou que abandonará un cargo que ocupou no partido durante case toda a última década. 

O que era agora portavoz da oposición na cidade deixa o Concello logo de que a Marea Atlántica accedese ao poder ao quedar a tan só unhas ducias de votos dos populares nos comicios locais do pasado 24M, onde o PP perdeu a maioría absoluta tras catro anos de goberno. Perdeu uns 15.000 votos e case 13 puntos, uns resultados semellantes aos obtidos nas eleccións xerais na cidade hai pouco máis de un mes. María Luisa Cid sería a súa substituta no consistorio e a renuncia de ambos os dous cargos faríase efectiva en marzo. 

Negreira deixa a presidencia provincial do PP logo dos importante devalos electorais nas municipais e nas xerais

Negreira abandona a presidencia do PP da Coruña logo de que nesa provincia o seu partido perdese 15 puntos, máis de 100.000 votos e dous deputados no pasado 20D. Negreira viu minguado o seu liderado na provincia onde as mareas gobernan nas tres cidades, logo dunhas eleccións municipais nas que Compostela Aberta foi o partido máis votado en Santiago e Ferrol en Común accedeu á alcaldía logo dun pacto co PSOE. O devalo electoral da dereita, acusado en toda Galicia, foi especialmente duro nun territorio que desde as candidaturas de confluencia se reivindicaron xa como o comezo do cambio no país e onde as urbes foron claves para que a esquerda recuperase a Deputación. Pero tamén o foi máis logo de que conseguise "os mellores resultados na historia da provincia" catro anos antes, como destaca a formación conservadora. 

Malia que xa se especulara con que Negreira deixaría a súa acta de concelleiro tras a perda da alcaldía en maio, o ex rexedor mantívose na bancada da oposición para pilotar a transición na formación local. Pouco máis de medio ano despois, abandona como antes marcharan outros membros do seu antigo goberno salpicados pola operación Pokémon, que marcou os seus últimos anos de travesía política na cidade. 

Julio Flores, número dous do PP local neses catro anos de goberno popular e tenente de alcalde de Negreira, foi o máis sinalado. O ex rexedor deixárao caer e xa non fora na lista electoral. Pero os investigadores da operación Pokémon -e da súa póla coruñesa, a Pikachu- insistiron en detectar unha rede de presunto "tráfico de influencias" no Concello durante os catro anos con Negreira á fronte, canalizada a través, precisamente, de Flores.

A xuíza da Pokémon sinalou a Negreira na trama corrupta por "consentir" os enchufes de Julio Flores

As últimas informacións feitas públicas respecto dos datos atopados nos ordenadores municipais amosaban o intercambio de currículos, recomendacións e agradecementos cun único obxectivo: os enchufes e favores persoais a través de empresas públicas ou contratadas pola administración local. E polo medio, escuros casos de detencións irregulares, acoso e noticias falsas. A xuíza De Lara implicou a Negreira na "axencia de colocación" de "enchufados" coa que definiu a trama. Sospeita que os enchufes de Julio Flores tiñan o "consentimento" do daquela alcalde e investiga posibles delitos de "tráfico de influencias e suborno" e mesmo aclara que o número dous do goberno local tiña unha "lista para contratar" e que "non actuaba illadamente", senón co "coñecemento" do entón rexedor.

"Carlos Negreira ensinounos a facer política achegada, sendo un político de rúa; confirmou que en política hai que ser xeneroso", asegurou Feijóo na xunta provincial onde o ex alcalde da Coruña anunciou a súa retirada, e lembrou que o seu mandato no partido "foi o mellor en termos electorais". "A renovación non é a fin de nada, é o principio do que vai vir", advertiu o presidente da Xunta nun acto no que Negreira foi homenaxeado cunha grande ovación. 

Xulio Ferreiro recibe o bastón de mando de mans de Carlos Negreira © Andy Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.