Dous anos despois de deixar o cargo José Luis Baltar foi condenado por prevaricación por enchufar 104 persoas nunha Deputación que o seu fillo só puido manter grazas a un dobre bipartito con Jácome
O 26 de xaneiro de 2012 o Pleno da Deputación de Ourense facía efectiva a dimisión de quen fora o seu presidente desde 1987, José Luis Baltar. El mesmo o anunciara dous días antes e o cargo foi parar ao seu fillo, José Manuel Baltar, quen xa o sucedera á fronte do PP provincial case tres anos antes.
Unha década despois Baltar fillo segue á fronte dos dous postos, pero neste tempo non só quedou sentenciada a imaxe do pai como “cacique bo”, como el mesmo se chegara a definir, senón que tamén tremeu o dominio electoral do PP.
A retirada de Baltar produciuse dous anos antes de que fose condenado por prevaricación por enchufar na Deputación a 104 persoas xusto antes do congreso provincial que daría o control do partido ao fillo en 2010 e no que participaron algunhas das persoas contratadas. Malia as dúbidas sobre aquel proceso, no que Baltar fillo se impuxo ao candidato apoiado por Feijóo, o presidente galego xa non volveu poñer en dúbida neste tempo o seu control do partido na provincia. O que non impediu que, pola contra, Baltar fillo si cuestionase decisións do Goberno galego defendidas polo propio Feijóo como o intento de pechar o paridoiro do hospital de Verín hai dous anos.
Se unha década despois non se cuestiona o control de Baltar sobre o PP na provincia de Ourense, o que si se debilitou foi o control do PP sobre os resultados electorais, especialmente na capital provincial. A noite electoral das municipais de 2019 resultou moi afastada daquelas celebracións que incluían ao pai tocando o trombón e o ascenso na cidade da Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome deixou ao PP sen maioría absoluta a nivel provincial.
Malia que a formación máis votada na cidade foi o PSdeG, e tras anos de queixas do presidente Feijóo contra os pactos doutras formacións que en ocasións evitan que o PP goberne nalgunhas institucións malia ser o máis votado, Baltar fillo chegou a un acordo para facer alcalde a Jácome a cambio de que os votos deste o mantivesen á fronte da Deputación provincial. O resultado, nas dúas institucións, foron senllos gobernos bipartitos como os que os populares denigraron durante anos.
No caso do goberno municipal, unha investigación xudicial a Jácome foi o argumento empregado polo PP a finais de 2020 para escenificar unha suposta ruptura que non suporía un cambio na alcaldía. Uns meses despois os populares volverían apoialo e así seguen malia que Jácome segue a estar investigado e malia declaracións públicas con críticas mutuas. Igual que segue á fronte da deputación un Baltar unha década despois da retirada doutro Baltar.