Do peso político de Romay e Cuíña na primeira Xunta de Fraga aos ex-directores xerais dos gobernos de Feijóo

Víctor Vázquez Portomeñe e Tomás Pérez Vidal aplauden a Fraga na súa elección como presidente, o 31 de xaneiro de 1990 © Arquivo Parlamento de Galicia

Presidentes de deputacións, baróns territoriais, conselleiros de anteriores gobernos e políticos de longa traxectoria conformaron o primeiro goberno do vilalbés, no que varios dos actuais conselleiros eran directores xerais

Tras máis dunha década de goberno, a maioría dos conselleiros do novo executivo de Feijóo (9 de 11) teñen como principal experiencia política ser conselleiros de Feijóo. Antes diso a principal experiencia da maioría deles e delas fora ocupar unha Dirección Xeral na Xunta. Algún xa estaba neses postos ou en cargos inferiores da administración autonómica durante os gobernos de Manuel Fraga, que a diferenza de Feijóo optou durante os seus mandatos, tanto ao comezo como ao final da súa presidencia, por nomear conselleiros a persoas con peso político previo, coas figuras de José Manuel Romay Beccaría e Xosé Cuiña como grandes paradigmas.

Primeiro goberno de Fraga

O seu primeiro Goberno conformouno Fraga en 1990 con políticos tras tentar sen éxito atraer figuras independentes, segundo relataba a prensa da época. O conselleiro portavoz, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, fora conselleiro de Fernández Albor e mesmo antes de José Quiroga na Xunta preautonómica. Tamén con Albor fora conselleiro o de Economía, José Antonio Orza, que o acompañou na Xunta ata 2005. 

O titular de Ordenación Territorial, Xosé Cuiña, chegou ao posto tras presidir a Deputación de Pontevedra, ao igual que presidía a da Coruña o conselleiro de Agricultura, José Manuel Romay Beccaría, anteriormente vicepresidente da Xunta, e mesmo alto cargo na ditadura. 

Fraga durante o seu primeiro mandato cos conselleiros Vázquez Portomeñe e Dositeo Rodríguez © Parlamento de Galicia

Concelleiros en Vigo e Ourense eran os novos conselleiros de Traballo, Manuel Pérez, e Cultura, Daniel Barata, e presidente do PP ourensán era o titular de Sanidade, Manuel Montero. O de Pesca, Enrique López Veiga, alto funcionario europeo, fora director da cooperativa de armadores de Vigo, e o de Presidencia, Dositeo Rodríguez, xerente da USC e asesor no goberno de Albor. Finalmente, o de Educación, Juan Piñeiro Permuy, era inspector educativo, e o de Industria, Juan Fernández, presidente do OAR Ferrol e directivo de Bazán, a antiga Navantia.

Último goberno de Fraga

Co paso do tempo Fraga tamén foi dando entrada no Consello da Xunta a cargos inferiores a medida que substituía a un ou outro conselleiro, pero a composición do seu último goberno seguía primando o perfil político por riba do técnico

Co paso do tempo Fraga tamén foi dando entrada no Consello da Xunta a cargos inferiores a medida que substituía a un ou outro conselleiro, pero a composición do seu último goberno, con nomes con anos de experiencia no posto, como no actual cuarto mandato de Feijóo, seguía primando o seu previo perfil político por riba do técnico. O vicepresidente primeiro, Alberto Núñez Feijóo, chegou á consellería de Política Territorial tras dirixir o Insalud, Correos e o Sergas e como parte dun intento de control da sucesión do vilalbés por parte do partido en Madrid fronte a Cuiña. O vicepresidente segundo, José Manuel Barreiro, fora nomeado conselleiro de Medio Ambiente tras ser deputado, concelleiro en Lugo e ter ampla traxectoria no partido.

Fraga nun pleno do Parlamento do seu último mandato cos seus conselleiros de Presidencia, Jaime Pita, Economía, José Antonio Orza, e Política Territorial, Feijóo © Parlamento de Galicia

Naquel último executivo de Fraga seguía, quince anos despois, en Economía Orza, que xa fora conselleiro con Albor, e en Pesca López Veiga, tras pasar varios anos por cargos europeos. E como conselleiro de Cultura Jesús Pérez Varela, que acompañaba a Fraga desde a súa chegada á Xunta como director de comunicación, posto de máis peso político que varias consellerías. 

O último conselleiro de Presidencia de Fraga, Jaime Pita, fora antes portavoz do PP no Parlamento; o de Agricultura, José Antonio Santiso Miramontes, alcalde de Abegondo; e o de Xustiza e Interior, Xesús Palmou, tenente de alcalde na Estrada pero cunha proxección política maior que a que podería supoñer ese cargo. En Emigración estaba Aurelio Miras Portugal, que fora deputado, ao igual que deputada era Pilar Rojo, titular de Familia. 

Naquel último executivo de Fraga o conselleiro de Industria, Juan Rodríguez Yuste, si fóra antes de ser conselleiro secretario xeral e director xeral, ao igual que tamén fóra director xeral o de Educación, Celso Currás, e a de Asuntos Sociais, Belén Prado. E cun cargo similar poderían asimilarse as direccións provinciais do Sergas ou Política Territorial que ocupara antes de ser nomeado conselleiro de Sanidade José Manuel González Álvarez.

O Goberno de Feijóo

Ao chegar á presidencia en 2009 Feijóo non rescatou ningún conselleiro anterior, como si fixera Fraga con dous de Albor, nin elixiu baróns territoriais como eran Cuiña e Romay. No seu primeiro gabinete había xente do partido, políticos que non pasaran de concelleiro pero fundamentalmente anteriores directores xerais da Xunta, principal fonte de elección durante esta década para conformar os seus gobernos. Persoas que nalgúns casos xa ocupaban eses cargos durante os executivos de Fraga, situación que se dá en tres dos once conselleiros actuais: o vicepresidente Alfonso Rueda (fora director xeral de Administración Local); o titular de Facenda, Valeriano Martínez (de Transportes) e a de Mar, Rosa Quintana (de Desenvolvemento Pesqueiro).

Outras tres conselleiras actuais foron directoras ou secretarias xerais nos propios gobernos de Feijóo antes de seren ascendidas: a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez (directora de Augas e Infraestruturas no primeiro executivo de Feijóo), a de Emprego, María Jesús Lorenzana (nomeada secretaria xeral de Traballo en 2013 e despois noutros cargos similares) e a de Política Social, Fabiola García (directora xeral de Maiores en 2016 tras un breve paso como concelleira por Ribeira).

Un sétimo caso, o do novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, podería asimilarse ao ser ata agora xerente da área sanitaria de Vigo e anteriormente da de Ourense, cargos transversais con responsabilidades superiores aos dalgunha dirección xeral doutra consellería. De feito, a Consellería de Sanidade é a que menos direccións xerais adoita ter ao estar boa parte das súas funcións descentralizadas nas áreas sanitarias do Sergas.

Dos outro catro conselleiros, tres son persoas con traxectoria política no partido antes de chegar ao cargo: o de Educación e Cultura, Román Rodríguez, fora concelleiro en Lalín e deputado no Parlamento antes de chegar á consellería; a de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, fora alcaldesa de Melide e tamén deputada; e o de Medio Rural, José González, deputado tras chegar á política desde a inspección de Facenda. Por último, o vicepresidente segundo e responsable de Economía, Francisco Conde, ten unha traxectoria a medio camiño entre varios perfís. Profesor de universidade con experiencia na xestión como vicerreitor, foi asesor persoal de Feijóo durante varios anos antes de chegar a conselleiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.