Esta semana, o Parlamento acolleu a que puido ser derradeira sesión de control con Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Se non foi a derradeira si foi, en calquera caso, unha das últimas. No transcurso do debate, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reprochou a Feijóo que coa súa marcha "os galegos e galegas van ter por primeira vez un presidente nomeado a dedo", en referencia a que esta sexa a vía que o novo líder estatal dos populares poida elixir para "cadrar o sudoku de baronías" do PP de Galicia.
Na súa resposta, Feijóo considerou o comentario de Pontón toda unha "falta de respecto", por equivaler a dicir que "non vai haber un presidente elixido polo pobo". Acaso os anteriores "non foron elixidos polo este Parlamento?", preguntouse antes de cuestionar implicitamente a lexitimidade do socialista Emilio Pérez Touriño (presidente de 2005 a 2009) por dirixir o Goberno galego sen "gañar as eleccións", en referencia a que daquela a primeira forza en votos seguía a ser o PP.
A defensa do sistema parlamentario realizada por Feijóo nesta ocasión, baseada na evidencia de que a presidencia do Goberno galego se decide no Parlamento, á súa vez elixido polo electorado mediante sufraxio universal, contrasta cos receos que cara a este sistema lanzou en múltiples ocasións o propio líder conservador. Xa fose para considerar xenericamente que con este sistema "é igual gañar que perder" ou para deslizar que propicia gobernos alleos á vontade cidadá.
A defensa que Feijóo realiza agora do sistema parlamentario para a súa sucesión na Xunta contrasta coas ocasións en que o cuestionou, xa fose para considerar que a primeira investidura de Sánchez fora allea á vontade do pobo ou que Touriño puidese ser considerado presidente
Unha das últimas ocasións nas que o fixo con máis claridade foi na primavera de 2018, no marco da moción de censura na que o socialista Pedro Sánchez conseguiu ser presidente do Goberno de España por primeira vez. Deste xeito, unha vez confirmado que os votos do Congreso desbancaban a Rajoy, Feijóo considerou que decidiran "o PSOE, Podemos e os partidos nacionalistas e independentistas" e agregaba que "o futuro volverano decidir os españois". O electorado, viña dicir, non decidira o Goberno.
Esta liña fora a mesma que Feijóo defendera no pasado para cuestionar os gobernos de coalición que non inclúan a "lista máis votada", fórmula que chegou a propoñer ilegalizar para os concellos argumentando que "non representan ao pobo". Por exemplo, en numerosas ocasións na súa etapa como líder da oposición ao Executivo de PSdeG e BNG. Así, en vésperas das eleccións galegas de 2009, instou os asistentes a un mitin do PP en Sanxenxo a lembrar como era Touriño no pasado e contrastalo co que acontecía nese momento, "co socialista colgado polas farolas dicindo que é o presidente". "Isto é unha democracia, para ser presidente só se require gañar limpamente as eleccións; vostede nunca gañou as eleccións e o vamos a xubilar politicamente", proclamaba. [Podes escoitalo aquí]
Alén dos seus recorrentes cuestionamentos do modelo parlamentario e do sistema de conformación de maiorías de Goberno regulado na Constitución, no Estatuto de Autonomía e nas leis electorais, o certo é que o presidente da Xunta é elixido polo Parlamento a partir da configuración ditada polas urnas. Así aconteceu con Gerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijóo e do mesmo xeito sucederá coa persoa que propoña o Grupo Parlamentario Popular para remudar ao aínda presidente nun máximo dun mes dende que presente a súa dimisión.
Cando Feijóo dimita, o Goberno en pleno entrará en funcións e a persoa que o suceda será, coma el mesmo e todos os seus antecesores, elixida polo Parlamento
Como marcan o artigo 15 do Estatuto de Autonomía e a lei reguladora da Xunta e da súa Presidencia, se o presidente da Xunta dimite, actívase un trámite moi semellante ao que se desenvolve tras a celebración dunhas eleccións. O Goberno en pleno entra en funcións -incluíndo o presidente dimisionario- e a presidencia do Parlamento emprende unha rolda de consultas entre os grupos parlamentarios, que deben propoñer candidatura para cubrir a baixa.
Neste caso concreto, Miguel Santalices terá que recibir formalmente a proposta da única formación con posibilidades reais de elixir a presidencia da Xunta, o PP, que ten que ofrecer un nome de entre os 42 membros do seu grupo parlamentario. A persoa elixida terá que afrontar un debate de investidura, tras o que os 75 integrantes da Cámara votarán. As urnas non chegarán ata que el ou ela decida disolver o Parlamento e convocar eleccións.