Municipais 2015: dos alcaldes co 40% dos votos á reconstrución da esquerda

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Unha maioría absoluta automática ao obter o 40% dos votos se a seguinte candidatura máis votada queda por baixo do 35%. Esta é, segundo o xornal El País, unha das fórmulas que o PP manexa para materializar a súa reforma electoral nos concellos e ilegalizar, pola vía dos feitos, a constitución de gobernos de coalición. A posibilidade de que os conservadores saquen adiante esta modificación legal a apenas nove meses da cita coas urnas suscita entusiasmo en dirección autonómicas do partido como a galega, que suspira pola posibilidade de que a unha esquerda en reconstrución se lle negue por lei a vía dos pactos postelectorais que veñen permitindo a constitución de múltiples gobernos progresistas tanto nas cidades como en vilas medianas e en certos puntos do rural.

Un dos principais valedores de poñerlle fin ao xogo das maiorías electorais nos concellos é o presidente da Xunta, que esta fin de semana lles deu o seu aval ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e ao aspirante a selo de Pontevedra, Jacobo Moreira, ao seren elixidos presidentes locais do PP polo 98% e o 97% dos votos, respectivamente. O que Alberto Núñez Feijóo, como Rajoy, denomina "elección directa de alcalde" supón "abrir maiores vías de participación na sociedade". Porque, ao seu xuízo, constituír un goberno apoiado pola maioría dos edís da corporación municipal implica "invalidar" o "voto da xente". Nesta liña, como xa fixera en días pasados, o líder da dereita equipara unhas municipais coas primarias do PSOE para preguntarse se "os dous perdedores" poderían "sumar" os seus votos fronte "ao gañador".

Feijóo di que ilegalizar as coalicións nos concellos supón "abrir vías de participación na sociedade"

Os alcaldes e alcaldesas destes gobernos baseados en pactos sen "a lista máis votada" son para Feijóo "alcaldes que gobernan sen gañar as eleccións" e "non representan ao pobo". Acto seguido, no entnato, Feijóo asegura que "todos os cidadáns, voten o que voten, merecen o noso respecto" porque o PP ten "vocación" de "ser algo máis". A cuestión, para o presidente, é que en Galicia non hai "alternativa" de goberno fóra do PP porque "a oposición non é capaz nin de facer oposición". Mentres, afirma, grazas aos populares "segue habendo preocupación" pola crise económica, "pero agora hai esperanza".

Mensaxes dende a esquerda

Mentres a grande incógnita reside, actualmente, en saber se a nova dirección do PSOE estará ou non disposta a pactar unha reforma que, no caso das municipais de 2011, lle daría ao PP unha hexemonía practicamente total nas grandes cidades galegas, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, interpreta que os de Rajoy procuran "atarse á cadeira" do poder co seu plan. "Lembrades o xogo revolto? Aquelas épocas en que eramos cativos e, quen tiña a pelota, quería cambiar as regras do xogo na metade do partido? Non saen da miña cabeza estes exemplos dende que escoitei a proposta" de Rajoy, di, o lucense.

A Coordinadora Nacional de Anova aposta por "candidaturas de unidade popular"

No mesmo contexto chegan tamén mensaxes dende Anova, cuxa política de alianzas locais, xunto ás do incipiente Podemos, é un dos factores que, a priori, pode ter máis influencia na configuración do novo mapa político municipal. A Coordinadora Nacional da formación, reunida o pasado sábado, aposta pola "confluencia da esquerda rupturista, social ou política, en candidaturas de unidade popular e cidadá ou agrupacións de electores e electoras que sexan resultado de procesos democráticos, asembleares e participativos dende a base". "Anova está disposta a xogar nun campo nubrado como sempre fixo; non sabemos como vai ser, pero queremos participar para sumar, especialmente neste intre histórico no que as estruturas partidarias tradicionais están sendo sobrardadas", di o coordinador nacional de Anova, Martiño Noriega, sobre unha proposta que agora será debatida en asembleas territoriais.

Vence (BNG) ve demostrado que "se pode construír país" dende os concellos "mellorando a vida da xente"

Pola banda do BNG tamén se quecen motores cara ás municipais sen definir nin pechar, polo momento, fórmula ningunha de participación. Partindo da base de que a reforma que impulsa o PP ten o obxectivo de "negar o pluripartidismo coa intención'de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políticas que poden pactar entre elas" o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, aposta por "poñer en valor o traballo realizado" polos gobernos locais da formación. "Tomiño, Allariz, Pontevedra e o resto de concellos do BNG son a demostración de que se pode gobernar con honestidade, de que se pode construír país dende abaixo mellorando a vida da xente", dixo este domingo dende a vila do Baixo Miño. Este labor municipal, di Vence, será un dos eixos da campaña do BNG de cara ao Día da Patria.

Feijóo, no Congreso do PP de Pontevedra © PP
Besteiro, no Comité Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG
Coordinadora Nacional de Anova CC-BY-SA Anova
Acto do BNG en Cuntis pola campaña do Día da Patria CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.