O líder ourensán, que nun ano ten outra volta en xogo a Deputación, volve significarse cunha entrevista na que di preferir que non haxa bicefalias no partido e na Xunta e reclama aos seus compañeiros de formación que lancen unha “mensaxe de unidade” arredor de Rueda
Antes mesmo de que Feijóo fose investido oficialmente presidente do PP estatal o líder do PP e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o primeiro en saír en público, nunha entrevista en Onda Cero hai dúas semanas, a dar por feito que Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, sería o seu sucesor no Goberno galego. Neste tempo tamén o presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, se pronunciou publicamente, pero non para amosar un apoio expreso a Rueda senón para dicir que a persoa elixida á fronte do partido debe integrar todas as sensibilidades.
Este martes, para desbotar cando menos publicamente calquera dúbida, Baltar volveu conceder outra entrevista, á axencia Europa Press, que a fixo pública na súa web, na que non só apoia a Rueda á fronte da Xunta senón tamén para a presidencia do PPdeG. O líder ourensán, que di que el non ten interese en aspirar á sucesión, asegura que Rueda é a persoa mellor preparada pola súa traxectoria para suceder a Feijóo no Goberno galego e que prefire que non haxa bicefalias na Xunta e no partido. Baltar tamén reclama ao resto do partido que lance unha "mensaxe de unidade".
As declaracións de Baltar, que nun ano volve xogarse nas eleccións municipais a presidencia da Deputación de Ourense que agora mantén grazas a un bipartito con Democracia Ourensana, supoñen deixar clara a composición de cando menos un bloque forte conformado por el e Rueda, Ourense e Pontevedra, de cara á sucesión de Feijóo. E reducen a marxe de manobra das outras dúas provincias, en particular de Calvo, presidente da Coruña.
Pola súa banda, a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, está evitando declaracións en público sobre o proceso sucesorio pero si que lembrou que nun ano haberá eleccións municipais na que ela mesma espera recuperar a Deputación lucense para os populares, o que aumentaría o seu peso dentro do partido.
Mentres Feijóo mantense na súa estratexia de presentarse á vez como unha persoa clave na súa propia sucesión ao tempo que se distancia das decisións que poidan tomarse.
A actuación de Baltar fillo en apoio público de Rueda lembra a do pai cando en 2005 fixo ver que Cuiña quedaba sen apoios, o que decantou a sucesión de Fraga cara a Feijóo
A actuación de Baltar deste martes, deixando claras as súas preferencias e decantando as forzas, lembra á do seu pai cando na sucesión de Fraga foi o encargado de verbalizar a situación dos apoios que gañaban ou perdían os diversos contentendes facendo así de feito que un deles se adiantase aos demais. Aproveitando os actos do Día da Constitución de 2005, Baltar pai dixo aos medios de comunicación que os alcaldes de Pontevedra baixo o influxo do seu daquela presidente Rafael Louzán ían apoiar masivamente a Feijóo e que polo tanto Cuíña, dadas as circunstancias, retiraba a súa candidatura. E sen Cuíña no congreso, os delegados ourensáns tiñan "liberdade" para apoiar a Feijóo, o que o acabou situando por diante resto dos contendentes.