Feijóo renuncia a destronar a Baltar

Feijóo e Baltar saúdanse en presenza de Rueda, no XV Congreso do PPdeG © PPdeG

Feijóo non volverá tentar o asalto a Ourense, ou cando menos non o fará directamente. O PP ourensán pechou ás 13:30 deste martes o prazo de presentación de candidaturas para o seu congreso do vindeiro 16 de marzo que, como prevía o entorno da actual dirección, será un acto de aclamación do actual presidente, Manuel Baltar. A vinte e catro horas de que o que foi líder omnímodo da provincia, José Luis Baltar, teña que responder ante a Xustiza dun presunto delito de prevaricación continuada por 104 contratacións realizadas, precisamente, antes do anterior congreso do partido, o seu fillo ratifica que a súa é a única candidatura ao posto, iniciando a carreira sen rivais con 3.620 avais, 3.545 máis dos que precisaba.

Ao contrario do que aconteceu en 2010, cando o PP ourensán viviu cotas de tensión inéditas pola pugna entre Baltar fillo e Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde de Verín elixido por Feijóo e Rueda para tentar derrocar o baltarismo, a "campaña electoral interna" será un paseo do tamén presidente da Deputación, a desenvolver entre 8 e 14 deste mesmo mes e que transcorrerá baixo o lema Ourensán. Segundo a comisión organizadora o proceso vai "con total normalidade" e así continuará ata o día do Congreso, cando Feijóo non poderá evitar a fotografía con Manuel Baltar, xa reelixido. O que é posible que non se produza é a imaxe de Baltar pai en primeira fila, toda vez que formalmente xa non é militante do partido.

O cambio nas normas internas asegúralle a Feijóo que os seus fieis na provincia senten na Executiva de Baltar

Quere isto dicir que a dirección galega do PP renuncia por completo a estar presente en Ourense ou a coñecer o que se move no seo do partido na provincia? Non completamente. No recente congreso autonómico a cúpula que encabeza Feijóo sacou adiante un cambio nos estatutos que lle aseguran a presenza dalgúns fieis no territorio de Baltar. Segundo esa nova normativa, os membros da Executiva autonómica son tamén membros natos das executivas das súas respectivas provincias. Así as cousas, no feudo baltarista sentarán tamén afíns a Feijóo e Rueda como o deputado no Congreso Celso Delgado, a deputada Carmen Pardo, o secretario xeral de Emigración e antigo baltarista Antonio Rodríguez Miranda e mesmo o propio Jiménez Morán.

Será neste contexto no que se desenvolva o segundo mandato de Manuel Baltar, quen presenta o seu "proxecto para os vindeiros anos do PPOU" como un plan para "continuar acadando os éxitos electorais que caracterizan a esta formación política na provincia". Tamén, asegura, seguirá "renovando o partido" e "acadando un maior achegamento á cidadanía". En todo caso, ese mandato interno estará tamén condicionado polo rumbo que tome o procedemento xudicial que se desenvolve contra o seu pai, inicialmente a instancias do PSdeG pero asumido pola Fiscalía. El, en calquera caso, asegura ter "criterio", polo que non agarda recibir "indicacións" dende a cúpula galega do partido.

Baltar presenta a súa candidatura © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.