O Goberno galego anuncia que licitará a primeira fase do novo edificio administrativo no lugar que ocupaba a estación de autobuses de Santiago por 24,5 millóns, fronte aos 17,6 millóns en que estimara a actuación hai uns meses, ao que hai que sumar o IVE
A Xunta publicitou o pasado 14 de febreiro a publicación no Diario Oficial da UE dun anuncio coa súa previsión de que dentro de mes e medio sacará a concurso as obras de construción da primeira das dúas fases que terá o seu novo edificio administrativo no lugar que ocupaba a antiga estación de autobuses de Santiago, pegada á súa sede central de San Caetano. Esta primeira fase consistirá en dous bloques de oficinas (dos catro que tería coa segunda fase) que suporán “un investimento de 24,5 millóns de euros” sen IVE. A cifra son preto de sete millóns de euros máis que o custo tamén sen IVE estimado hai uns meses no proxecto que expuxo ao público para a tramitación dos permisos urbanísticos do complexo. E con IVE, como calculaba finalmente aquel documento o importe global, o incremento e de oito millóns.
O aumento do custo estimado desta actuación é un máis dos sucesivos incrementos que vén comunicando a Xunta en documentos oficiais sobre as diversas actuacións que está a executar xa ou prevé acometer nos próximos no seu complexo central. Unhas actuacións que superan xa os cen millóns de euros, segundo as estimacións da propia Xunta.
No caso do novo edificio de oficinas que se levantará no lugar que ocupaba a agora demolida estación de autobuses, trasladada a carón da do tren, a intención da Xunta é executar primeiro unha fase composta por dous bloques con capacidade para entre 648 e 778 postos de traballo e nun futuro non concretado unha segunda fase con outros dous bloques que permitirían chegar ata un total de 1.450 postos de traballo.
As obras de construción de oficinas que agora se anuncian non teñen en conta a demolición da estación, xa rematada por 1,4 millóns, nin a urbanización da contorna, que xunto coa futura construción dunha segunda fase de oficinas similar superarían os 50 millóns
Segundo o proxecto exposto ao público hai uns meses para a tramitación dos permisos urbanísticos, esta primeira fase estimábase nun custo de 17,6 millóns de euros sen IVE ou 21,3 millóns con IVE, e incluía xa o beneficio industrial da empresa que gañe o concurso que agora se convocará -e que as ofertas das interesadas poden reducir se así o consideran-. Ese importe non tiña en conta tampouco o custo de demoler a estación de bus, traballos que efectivamente foron contratados de xeito independente e xa están rematando, nin a urbanización da contorna, que tampouco se contemplan no agora anunciado pola Xunta.
Con esa urbanización, a demolición previa da estación, as dúas fases de oficinas e outras actuacións como a demolición do parque de bombeiros veciño e a construción no seu lugar dun centro social, a estimación que facía a documentación exposta ao público era dun investimento total con IVE na ampliación de San Caetano nesa zona de 54,5 millóns de euros. A esa cifra habería que sumarlle agora os oito millóns máis, con IVE, que supón o anuncio publicado pola Xunta para a primeira fase das oficinas.
Ademais, a Xunta estima noutros 29 millóns o custo da reforma interior do actual complexo de San Caetano, aos que hai que engadir outros 12 millóns en reformas exteriores do xa construído e diversas contías menores destinadas a estudos, proxectos e asistencias técnicas. Todas esas actuacións elevarían xa a máis de cen millóns de euros as previsións de investimento do Goberno galego na súa propia sede central.
Sobre o paso agora dado para a execución da primeira fase de dous bloques do novo edificio de oficinas, a Xunta salienta que “a publicación deste anuncio previo no boletín oficial comunitario permitirá reducir os prazos legalmente establecidos para a presentación das ofertas por parte das empresas interesadas en executar as obras”. O Goberno galego salienta que os traballos contarán “cun prazo de execución de 18 meses” e insiste en que “este novo edificio constitúe unha primeira fase dunha actuación máis ampla, que tamén recolle outro edificio e a urbanización da contorna”.