A Xunta confirma que a remodelación interior de San Caetano custará ata 29 millóns sumados aos 11 do exterior

Feijóo con empregados públicos na inauguración o 3 de xullo da reforma exterior da sede administrativa de San Caetano CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego tamén ten en proxecto un novo edificio administrativo por máis de 20 millóns xunto ao complexo actual, no espazo que deixará libre a estación de autobuses ao trasladarse á de trens

A Xunta adxudicou este martes o concurso de ideas convocado en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para a remodelación interior do seu complexo administrativo central en San Caetano. Díaz y Díaz Arquitectos S.L.P. e MIBA Arquitects foron os gañadores dun proceso que agora continuará coa contratación da primeira fase dunhas obras, prevista para comezos do próximo ano, que terán “un orzamento máximo de 29 millóns de euros”, segundo confirma o Goberno galego. Esa contía virá a sumarse aos máis de 11 millóns de euros da rehabilitación exterior dos edificios do complexo. Ademais, a Xunta está a redactar o proxecto dun novo edificio veciño que ocupará o espazo da actual estación de autobuses de Santiago cando esta se traslade e que custará outros máis de 20 millóns.

O vicepresidente, Alfonso Rueda, no acto de adxudicación do concurso de ideas en colaboración co COAG para a remodelación interior de San Caetano CC-BY-SA Xunta de Galicia

A reforma interior do complexo chega tras a inauguración hai un mes por Feijóo da primeira fase da reforma exterior por 6,5 millóns, aos que se sumarán outros 5 millóns para a envolvente do edificio máis moderno do recinto

Tras criticar durante o bipartito de PSdeG e BNG como suposto desbalde traballos parciais de mellora dalgunhas oficinas, entre elas a do presidente Touriño, por 4 millóns de euros, o actual Goberno galego está embarcado nun plan de reforma de San Caetano que multiplica varias veces aquela contía argumentando que mellorará as condicións de traballo do funcionariado e a atención á cidadanía. 

A primeira fase, a reforma exterior dos edificios históricos do complexo de San Caetano, deuna por rematada o propio Feijóo cun acto inaugural celebrado o pasado 3 de xullo nos xardíns (só a megafonía para unha intervención propagandística duns poucos minutos custou 363 euros). Foron 6,5 millóns de euros que agora serán complementados coa reforma exterior por outros 5 millóns do edificio máis moderno do complexo.

A seguinte fase dos traballos será a reforma interior dos edificios, que se realizará despois de que nos últimos anos diversas consellerías xa viñesen realizando obras parciais en cadansúas oficinas. Este mesmo ano a Consellería do Mar encargou obras de acondicionamento interior das súas instalacións por preto de 100.000 euros e o mesmo fixo o ano pasado a Consellería de Economía cun contrato con sobrecustos imprevistos que se achegou aos 250.000 euros que se sumou a outro contrato doutros 100.000 euros adxudicado a finais de 2017.

O novo edificio da Xunta a construír no espazo que ocupa a estación de autobuses xa non terá unha pasarela elevada que o conecte co complexo de San Caetano

Agora será o interior de todo o complexo o que se renovará cun proxecto que terán que elaborar os arquitectos gañadores este martes do concurso de ideas e que deberá respectar o límite fixado pola Xunta de 29 millóns de euros. Ademais, os arquitectos recibirán preto doutro millón de euros pola redacción dese proxecto, a dirección da obra e o premio do concurso.

Por outra banda, tras outro concurso de ideas similar, a Xunta vai construír un novo edificio administrativo no espazo que deixe libre xunto a San Caetano a estación de autobuses da cidade que se trasladará como intermodal a carón da estación de trens. Inicialmente ese novo edificio foi cuantificado en 20 millóns de euros, pero a Xunta traballa actualmente cun custo estimado de 29 millóns malia que do proxecto xa se caeu a pasarela elevada que o ía conectar cos edificios xa construídos.

Recreación do futuro novo edificio da Xunta sobre o que hoxe é a estación de autobuses de Santiago, veciña do actual complexo de San Caetano, cunha imaxe que incluía unha pasarela elevada de conexión que xa non se fará Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.