O complexo levantado hai máis dun século e empregado desde 1985 como sede central da Xunta está a ser mellorado polas deficiencias enerxéticas e de habitabilidade que foi acumulando neste tempo
A posta en servizo o pasado sábado da nova estación de autobuses de Santiago xunto á estación de tren implicará non só unha mudanza na mobilidade senón tamén na presenza física da Xunta na cidade. A liberación do espazo da antiga terminal de bus permitirá a ampliación e modernización do complexo administrativo central de San Caetano nunha operación que comezou hai xa cinco anos e que suporá un investimento acumulado en obras na zona superior aos 70 millóns de euros.
Unhas actuacións que se xustifican polas deficiencias enerxéticas e de habitabilidade que foron acumulando os edificios co paso do tempo e que chegan unha década despois de que o PP empregase como arma política contra o PSdeG as reformas parciais realizadas nun dos edificios do complexo no que tamén se empraza as oficinas da Presidencia da Xunta. Un ataque que tamén se dirixiu contra o mobiliario que se instalou no despacho do presidente, do que Feijóo asegurou que prescindiría pero que segue a ser o mesmo.
Levantado hai máis dun século, o complexo de San Caetano foi rehabilitado en 1985 como sede administrativa central da Xunta, que ten a súa sede institucional formal no Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro. Está composto por cinco edificios históricos unidos entre si con outras dependencias mesmo soterradas aos que hai 35 anos se engadiu un sexto bloque de catro andares con fachadas de cristal na parte posterior esquerda.
A decisión de trasladar a estación de autobuses do seu carón á estación de tren levou á Xunta a convocar en 2016 un concurso de ideas para ocupar a zona que quedaría liberada pola vella terminal con novas oficinas. O proxecto gañador propuxo a construción de catro edificios lonxitudinais e paralelos con capacidade para máis de 1.200 postos de traballo dos que nunha primeira fase se levantarán dous bloques, deixando momentaneamente o resto do espazo como parque á espera de que nun futuro poidan ser necesarios outros dous edificios.
O lugar da vella estación de autobuses será empregado para levantar novos edificios de oficinas que poderán ser ampliados pero que xa non contarán coa pasarela elevada de unión co resto de San Caetano prevista inicialmente
Malia que o concurso de ideas fixaba en 20 millóns o importe de construción ao que debían suxeitarse as propostas, o posterior desenvolvemento do proxecto, aínda non presentado definitivamente, foi elevando o custo a arredor dos 30 millóns, e iso malia que da idea gañadora caeu a proposta dunha pasarela elevada que comunicase os novos edificios co complexo actual sobre a rúa que os separa. Redacción do proxecto, modificación urbanística, dirección de obra, gastos de urbanización ou xa só a demolición da vella estación por 1,4 millóns de euros que agora se vén de licitar engaden euros a unha operación que aínda non ten prazo final de execución.
Mentres se ía deseñando esa ampliación de San Caetano, e ao tempo que se acometían obras de reforma interior en despachos de varias consellerías do complexo, como ocorreu cando menos en Economía ou Mar, a Xunta tamén emprendeu a modernización dos edificios históricos. O exterior de todos eles foi reformado (fiestras, cubertas, pintura, illamento) nunhas obras que se desenvolveron en 2018 e o comezo de 2019 e ascenderon a 6,8 millóns de euros, 600.000 máis do previsto inicialmente tras un modificado do contrato, aos que hai que engadir os custos de redacción do proxecto ou dirección de obras.
Con esas obras exteriores e co deseño da ampliación do complexo sobre o lugar da estación de autobuses xa en marcha, en 2019 a Xunta convocou outro concurso de ideas para a reforma interior do complexo histórico. As actuacións, que suporán a renovación de todas as instalacións interiores e o redeseño de todos os espazos de traballo, están estimadas en 29 millóns de euros.
A Xunta xa reformou o exterior dos cinco edificios históricos por preto de 7 millóns de euros, vai facer o mesmo co edificio máis moderno por outros 5,3 millóns e prepara a reforma interior de todo o complexo por 29 millóns
Á espera de que a Xunta concrete a programación temporal tanto desa reforma interior que deberá permitir a continuidade dos traballos administrativos como da ampliación sobre a estación de autobuses, as próximas obras que comezarán son as de reforma exterior do edificio máis novo do complexo, o de cristal situado na parte posterior esquerda. Se a reforma exterior dos cinco edificios históricos chegou aos 6,8 millóns, só a deste sexto edificio -aínda que tamén inclúe instalacións de climatización e iluminación interior- vén de ser licitada por 5,3 millóns e implicará a substitución das súas cristaleiras para asemellalo esteticamente ao resto do complexo.