Tras investir xa uns 10 millóns e agora adxudicar outros 5 na reforma exterior do complexo, os plans para San Caetano prevén 29 millóns para a reforma interior e ata 54 millóns para ampliacións progresivas sobre o espazo da antiga estación de autobús
A Xunta vén de asinar un contrato con Acciona de 5.080.000 euros para a reforma exterior do máis moderno dos edificios da súa sede central en San Caetano, o coñecido como edificio de cristal, que alberga as consellerías de Infraestruturas ou Mar, entre outros departamentos. O importe súmase aos arredor de dez millóns de euros que xa leva gastados o Goberno galego nos últimos anos en obras e proxectos para a súa sede, fundamentalmente na reforma exterior dos edificios históricos do complexo levantado hai máis dun século e rehabilitado en 1985 para a Xunta. Pero tamén en estudos para a súa ampliación sobre o espazo que vén de deixar baleiro a antiga estación de autobuses de Santiago tras o seu traslado a carón da estación do tren.
Os plans do Goberno galego prevén un custo de ata 54 millóns de euros nas ampliacións progresivas do complexo de San Caetano sobre o espazo da antiga estación de buses e na reurbanización de toda a contorna, así como outros 29 millóns de euros para a remodelación interior dos edificios do complexo actual, o que suporá, de executarse todas estas previsións da propia Xunta, un investimento total de arredor de cen millóns de euros na súa sede central. Porén, aínda está pendente de concretarse a integración dos novos edificios co complexo histórico tras rexeitar o Concello de Santiago a proposta da Xunta de ocupar a rúa pública que actualmente separa os dous espazos.
Tras empregar hai unha década o PP como arma política contra o anterior goberno de PSdeG e BNG as reformas parciais realizadas nun dos edificios de San Caetano no que tamén se emprazan as oficinas da Presidencia da Xunta, os sucesivos executivos de Feijóo seguiron executando diversas reformas das oficinas de varias consellerías. Pero foi a decisión de trasladar a estación de autobuses a que levou á Xunta a iniciar en 2016 a gran reestruturación do complexo, coa convocatoria dun concurso de ideas para ocupar ese espazo que quedaría baleiro. E, ao tempo, lanzou diversas obras nos edificios xa existentes como a reforma exterior dos cinco bloques históricos por 6,8 millóns de euros rematada en 2019 ou a agora contratada reforma exterior do edificio máis moderno por outros cinco millóns, obras que foron acompañadas de diversos contratos de redacción de proxectos ou dirección de obras.
O Goberno galego tamén convocou en 2019 outro concurso de ideas para a reforma interior dos edificios xa construídos. As actuacións, que suporán a renovación de todas as instalacións interiores e o redeseño de todos os espazos de traballo, foron estimadas en 29 millóns de euros. Pero será a construción de novos edificios sobre o espazo da antiga estación e a reurbanización da contorna o proxecto máis custoso de todos os revelados ata agora pola Xunta para a súa sede, con ata 54 millóns de euros de investimento cando estea completado.
A integración co resto do complexo dos novos edificios a levantar progresivamente no lugar da antiga estación aínda non está definida tras rexeitar o Concello de Santiago que a Xunta ocupe unha rúa pública
Segundo a idea gañadora do concurso convocado pola Xunta, os novos edificios ían estar unidos inicialmente co actual complexo cunha pasarela elevada. Pero o Goberno galego desbotou esa posibilidade e iniciou a tramitación urbanística doutra proposta, a de ocupar e pechar como parte integrante de todo o complexo de San Caetano a rúa Anxo Casal que actualmente separa o xa construído da antiga estación de autobuses. O Concello de Santiago rexeitouno e a Xunta decidiu adiar a solución para esa integración e seguir avanzando coa construción dos novos edificios.
En todo caso, a documentación que a Xunta someteu a información pública a comezos deste ano para tentar ocupar a vía pública como parte do seu complexo detalla os custos dos diversos elementos que formarían parte de toda a operación urbanística. O proxecto incluiría a reurbanización das rúas próximas, a futura demolición do parque de bombeiros situado ao sur da estación de autobuses cando se complete o seu longamente adiado traslado a outro lugar da cidade, a construción dun centro cultural baixo unha pista deportiva existente ao sur do ámbito e a instalación nesa mesma zona dun ascensor público exterior que facilite salvar o desnivel que actualmente ocupan unhas escaleiras entre a praza de Camilo Díaz Baliño e a rúa Home Santo.
Sobre a parcela da estación nunha primeira fase executaranse dous dos catro edificios previstos, con capacidade para entre 648 e 778 postos de traballo e cun custo duns 21 millóns de euros
A documentación da Xunta detalla o custo de todas as actuacións, que se irían desenvolvendo por fases. E aínda que a reformulación da ocupación da rúa Anxo Casal poida supoñer mudanzas nas estimacións económicas, o groso do custo segue sendo o dos novos edificios de oficinas.
Porque o novo edificio administrativo sobre a antiga estación serán realmente catro bloques deseñados para irse desenvolvendo progresivamente en función das necesidades da Xunta. Nunha primeira fase executaranse os dous primeiros módulos, con capacidade para entre 648 e 778 postos de traballo e cun custo duns 21 millóns de euros. Outros 20 millóns custaría acometer nunha seguinte fase os outros dous módulos, que elevarían ata 1.450 os postos de traballo dispoñibles no novo edificio.
Xunto con esas actuacións, as obras de reurbanización, construción do centro social, demolición do parque de bombeiros e outras actuacións elevarían a un total de 54,5 millóns de euros o investimento necesario, no que xa están incluídos os 1,4 millóns que está a custar a demolición xa en marcha da antiga estación. Sumado aos 29 millóns estimados para a reforma interior do actual complexo, aos 12 millóns das reformas exteriores e ás diversas contías destinadas a estudos, proxectos e asistencias técnicas, elevarían a preto de cen millóns de euros as previsións de investimento do Goberno galego na súa propia sede.