Feijóo rescata para a precampaña os mobles de San Caetano que prometeu devolver

Feijóo, durante a sesión parlamentaria © Xunta

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, ordenou este mércores a enésima retirada do Diario de Sesións, as actas parlamentarias, unha expresión que considerou inapropiada, práctica que a súa predecesora no cargo tornou en habitual. A verba proscrita neste caso foi "esbirros". Pronunciáraa o voceiro do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, quen na sesión de control lle esixiu ao presidente que "deixe de dar ordes aos seus esbirros para facer dossieres" sobre a súa persoa e así telos preparados no caso de que, tras as primarias socialistas, sexa candidato á Xunta. Alberto Núñez Feijóo retrucou a Romeu rescatando un dos seus clásicos, os mobles mercados pola Xunta cando o deputado do PSdeG era conselleiro, os mesmos que o PP prometeu devolver se gobernaba en 2009, pero que nunca devolveu.

Na súa intervención Méndez Romeu repasou os recortes sociais aplicados polo Goberno galego nos últimos anos e Feijóo contrapuxo que o "único" que o seu gabinete "recortou" foron "os despachos, os coches e os asesores". "E diso vostede sabe bastante", agregou o líder conservador, avanzando o que se albisca como un dos argumentarios da terceira campaña de Feijóo no caso de que quen fora titular da Consellería de Presidencia sexa cabeza de cartel.

Os "despachos" aos que se refire o presidente son os remodelados dentro das obras do bloque central do complexo admininistrativo de San Caetano a finais de 2005, cuxos mobles foron adquiridos en 2006. Esa compra fora artillaría grosa da campaña popular tras a publicación, no diario ABC, dunha serie de informacións segundo a cal o custo dos mobles roldara os 200.000 euros. Tres anos despois das compras en cuestión o daquela secretario xeral do PPdeG e xefe de campaña de Feijóo, Alfonso Rueda, vía na devandita nova a proba definitiva de que Emilio Pérez Touriño se comportaba á fronte da Xunta "como o sultán de Brunéi", empregando mobles que eran un "insulto á dignidade dos galegos" polo seu prezo, pero tamén por seren mercados "a empresas catalás".

Romeu augura unha campaña "sucia" baseada en "dossieres" elaborados por "esbirros" de Feijóo

Tal mobiliario, acrecentaba Rueda, podería ser cualificado de "delito moral", toda vez que a Xunta "derrochaba" o que "nega para prestacións da dependencia". Con estas acusacións protagonizando boa parte da campaña chegou un dos mitins máis masivos da carreira electoral do PP, o de Vigo, a apenas catro días da cita coas urnas. Mentres PSdeG e BNG transitaban a medio camiño entre a estupefacción e a reacción ao marasmo popular, Feijóo facía unha promesa solemne: se chegaba á Presidencia ía "abrir os caixóns" para "sacar deles as infraestruturas que leven aí catro anos, paralizadas". Acto seguido "eses caixóns de luxo, eses mobles que insultan a dignidade dos cidadáns, sairán dos despachos da Administración", comezando obviamente polo despacho do presidente.

Feijóo asegurou que "eses mobles" ían "saír dos despachos da Administración" se chegaba á Presidencia

Mes e medio despois daquelas verbas, o 18 de abril, Feijóo asumía a xefatura do Goberno galego e comezou a súa actividade en San Caetano sobre os mobles dos que prometera desfacerse, os mesmos nos que leva protagonizado infinidade de encontros e recepcións nestes sete anos. Para ir e vir do complexo gobernamental Feijóo emprega, como anunciara, un vehículo da marca Citroën que non é, así e todo, "un coche feito en Vigo", tal e como prometera no mesmo mitin, senón un automóbil producido en Francia, un C6. Non en van, os coches que producía naquela altura a factoría de Balaídos eran furgonetas e monovolumes, nomeadamente os modelos Berlingo e Picasso e mais a Peugeot Parner.

Feijóo e Rueda, nunha xuntanza na estancia cos mobles que prometeran desbotar © Xunta
Touriño, nun encontro en San Caetano na estancia remodelada © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.