A Xunta admite que segue ocupando oficinas tras vencer os seus alugueiros para negocialos á baixa cos propietarios

Complexo administrativo de San Caetano, que a Xunta quere ampliar para recolocar servizos que actualmente ten en oficinas alugadas CC-BY-SA Xunta

O Consello de Contas censura os contratos discrecionais cos que o Goberno galego aluga inmobles e salienta que parte do aforro que esgrime se debe a que as mensualidades agora as pagan entes paralelos e non a administración xeral galega

Cando un contrato de alugueiro remata e, sen renovalo nin asinar un novo, o inquilino segue no inmoble 15 días sen que o arrendador requira a súa saída prodúcese o que en dereito se denominada tácita recondución, a continuación do contrato nas mesmas condicións previas por sucesivos períodos de tempo anual ou mensual segundo fose o pagamento anual ou mensual no contrato orixinal. O Consello de Contas critica que, malia a súa “inseguridade xurídica”, a Xunta abusa desa figura cando lle vencen contratos de alugueiro de oficinas que emprega para algúns dos seus departamentos. Pero lonxe de consideralo censurable o Goberno galego defende ese proceder como unha estratexia para negociar á baixa os seguintes contratos de alugueiro.

Entre os últimos informes de fiscalización da administración galega por parte do Consello de Contas entregados o pasado venres ao Parlamento figura un específico sobre os gastos correntes da Xunta. Nel, ademais de non ser quen de “verificar, de forma precisa” canto aforrou o Goberno galego en coches oficiais, o ente fiscalizador analiza tamén os gastos en alugueiros, electricidade ou limpeza. 

Contas sinala que parte dos aforros dos que vén presumindo a Xunta nos últimos anos non se deben a rebaixas dos custos senón a que estes xa non son pagados pola propia administración xeral galega senón polos diversos entes paralelos que foi creando para asumir departamentos e competencias que antes radicaban na propia estrutura central. Son esas axencias públicas as que seguen asumindo agora eses custos.

Alegacións da Xunta a Contas nas que defende seguir nos inmobles cando rematan os contratos de alugueiro a través da figura da "tácita recondución" para así negociar mellores condicións nun novo contrato CC-BY-SA Praza Pública

O ente fiscalizador cuantifica en máis do 10% os contratos de alugueiro nos que a Xunta seguiu empregando os inmobles malia vencer xa os seus contratos e critica a "inseguridade xurídica" que supón

No eido dos alugueiros, o informe de Contas agora entregado ao Parlamento analiza a situación existente en 2017, cando a Xunta tiña vixentes 95 contratos de alugueiro de locais ou oficinas por importe anual de 3,6 millóns de euros, dos que 10 atopábanse en situación de tácita recondución. Aínda que Contas se centra en analizar ese ano, sinala que en 2018 os contratos nesa situación na que a Xunta como inquilina continuaba ocupando os inmobles malia rematar os contratos ascenderan a 12 de 91

“Verificouse que ao longo do ano 2017 finalizaron tres arrendamentos en tácita recondución, pero pola contra outros cinco pasaron a esta situación excepcional, o que pon de manifesto a continuación desta práctica utilizada pola Administración, que en vez de convocar novas contratacións segue acudindo a esta figura xurídica prevista para situacións excepcionais”, explica Contas.

A Xunta argumenta que "a competencia do comercio electrónico está implicando a nivel de locais comerciais a existencia dunha gran oferta que parece que levará consigo a drástica redución dos prezos dos arrendamentos"

A Xunta alegou ao informe do Consello de Contas ratificándose no seu proceder: “Estamos de acordo que non é aconsellable ter moitos contratos en tácita recondución e que deben tender a reducirse”, di o Goberno galego, pero engade que non está de acordo en que se regularice esa situación “sen dilación” porque “sería prexudicial para as arcas autonómicas”. Segundo argumenta a Xunta, “a situación económica actual e a competencia do comercio electrónico está implicando a nivel de locais comerciais a existencia dunha gran oferta que parece que levará consigo a drástica redución dos prezos dos arrendamentos, resultando mellor para os intereses autonómicos a negociación dun novo contrato a medida que a situación do mercado vaia cambiando”. 

A Xunta vén ampliando tamén as súas sedes territoriais (como a de Pontevedra, na imaxe) para acoller servizos que ata agora tiña en espazos alugados © Constructora San José

Pero ese non é o proceder da Xunta en todos os casos. Contas tamén censura que o Goberno galego vén abusando dos procedementos de contratación directa de alugueiros sen convocar concursos públicos -proceder que emprega noutros moitos eidos- argumentando “urxencia”, “imprevisibilidade” ou “limitacións do mercado inmobiliario”, o que para o ente fiscalizador “pon de manifesto unha insuficiente planificación da necesidade de dispoñer de infraestruturas para o desempeño dos servizos públicos”. En moitos dos casos, di Contas, esas contratacións directas de alugueiros fanse sen que a Secretaría Xeral do Patrimonio da Xunta acreditase previamente que a administración non dispón de locais propios que se axusten ás necesidades das consellerías que propoñen eses alugueiros a dedo.

En 2012 o programa electoral do PP prometeu "reducir o gasto en alugueiros da Xunta a cero"

Nas súas alegacións ao informe de Contas a Xunta argumenta que “na contratación de arrendamentos de inmobles, se un inmoble reúne as características axeitadas parece aconsellable acudir aos supostos tipificados pola lei para a contratación directa” e engade que “tamén se debe valorar que o cambio de sede en inmobles contratados pola Administración implica un incremento dos custos derivados do traslado do mobiliario, do persoal e da remodelación do local”.

A aposta da Xunta por continuar alugando oficinas -máis alá da redución de custos dos últimos anos que Contas di non ser quen de calcular polo seu traspaso da administración xeral aos entes paralelos- contrasta coa promesa electoral formulada por Feijóo en 2012, cando apostou por “reducir o gasto en alugueiros da Xunta de Galicia a cero”

Programa electoral do PP en 2012 no que prometía reducir "a cero" o gasto en alugueiros da Xunta © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.