Feijóo asume o incumprimento do gasto "cero" en alugueiros que prometeu para esta lexislatura

Treito do programa do PP sobre as medidas de aforro © PPdeG

No seu programa electoral de 2012 o PPdeG dedicou un amplo treito a explicar como ía "continuar coa política de austeridade" en "gastos que aínda poden axustarse sen afectar á calidade do servizo público". Entre as concrecións desa promesa a candidatura de Alberto Núñez Feijóo anunciaba un "plan plurianual para reducir a cero" o gasto en alugueiros, pasando a utilizar unicamente dependencias propiedade da Administración autonómica. Apenas dúas semanas despois daquelas eleccións, o 8 de novembro, o actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, obviaba a promesa do gasto cero para asegurar que o obxectivo de aforro aínda non fora "marcado" e catro anos despois é o presidente quen asume que a fin do pagamento de alugueres non chegará neste mandato.

Hai agora tres anos, en marzo de 2013, era o propio presidente quen relaxaba o obxectivo marcado. Daquela a Consellería de Facenda presentou un informe segundo o cal na anterior lexislatura o Executivo aforrara un 25% neste ámbito, pasando de 7,6 a 5,7 millóns de euros ao ano. Con ese punto de partida, sinalou nese momento Feijóo, comezaba unha "segunda fase" para aforrar "catro millóns máis" durante a lexislatura, para así chegar a 1,7 millóns de euros ao ano en 2016. Non se acadaría o "cero", senón que a redución sería do 70,2%.

En 2012 o PP fixou o "gasto cero" en alugueiros para 2016

Tres anos despois, o Consello da Xunta deste xoves abordou un novo informe -documento sen valor xurídico ningún, que o Goberno emprega para introducir na axenda informativa asuntos que considera oportunos- neste ámbito e reciclou, en boa medida, as cifras que xa ofrecera en 2013. No novo documento adíase un ano o obxectivo de gastar 1,7 millóns en alugueiros en cada exercicio: hai tres anos marcábase o 2016 como horizonte e agora o 2017, xa na vindeira lexislatura autonómica, á que segundo o programa popular se chegaría xa sen gasto ningún.

En 2013 a Xunta asegurou que reduciría o gasto a 1,7 millóns anuais nesta lexislatura, se ben agora adía o obxectivo ao primeiro ano do vindeiro mandato

No informe presentado este xoves repítese unha cifra xa ofrecida en 2013, pero cun concepto distinto. Hai tres anos a Xunta indicaba que o importe total destinado a arrendamentos eran 5,7 millóns de euros e agora afirma que, tras aforrar eses 5,7 millóns, o gasto anual "ao peche de 2017" será dos devanditos 1,7 millóns. A aspiración, non obstante, é que con esta rebaixa do 76% se poida "camiñar cara a unha política de alugueiros cero", a prometida para esta lexislatura e que segundo o novo plan chegaría, como moi cedo, a partir do segundo ano do próximo mandato.

Segundo as verbas do presidente da Xunta "estamos a falar de acadar un aforro anual de máis de 5,5 millóns de euros, que se utilizarán na mellora dos espazos que xa son propiedade da Xunta". O plan, di, actuará nas poboacións "con maior concentración de servizos públicos", concretamente, en todas as cidades agás Vigo e Ferrol, se ben na cidade departamental "estamos estudando algúns espazos que a medio prazo poden quedar baleiros", di. 

Feijóo, este xoves despois do Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.